Hai versos aos que convén retornar cada pouco, ao igual que se regresa á terra natal ou ao recordo dos vellos amantes. Hai un verso de Manuel María que, a miúdo, rememoro; “UN VOLTA SEMPRE ÁS SÚAS ORIXES”. Lémbroo porque se me antolla principio e fin, xénese existencial. E porque creo necesario viaxar á causa de todo aquilo que se pretenda coñecer. Eu optei polas palabras como forma de entender o mundo e, así, asimilo a realidade.
Por exemplo, en canto abro un xornal vexo na “crise” un étimo grego, cuxo significado é “momento decisivo”, “decidir”. Entón, comprendo o noso estado actual e conciénciome da súa transcendencia. Sei que estamos a tempo e que das nosas actuacións dependerá o futuro da democracia.
“A democracia”; “o goberno do pobo”. De novo semente helena; hai máis de 26 séculos os gregos practicaban un sistema democrático directo, sen representantes. E no 2012 non puideron decidir en liberdade, a dictadura capitalista venceu por maioría absoluta, mentres o sufraxio universal agonizaba no seu propio berce (pois en 26.000 anos ben se podían conquistar dereitos para as mulleres e os escravos en vez de perdelos todos estrepitosamente).
A crise da democracia; o momento de decidir se o pobo goberna. En Europa, o continente mítico da filosofía e do “renacer” antropocéntrico; o xerme de revolucións francesas e fitos literarios. Bérroo; defendo as nosas orixes baixo o lema do “Strength in Diversity”. Porque confío nunha Europa plural e unida que opoña resistencia ás tiranías financeiras; con “logos”, verba e razón.
Non se pode crer nunha globalización sen raíces
Poden acusarme de eurocentrista e argumentar que somos, simplemente, cidadáns do mundo. Admito a crítica, mais considero que non se pode crer nunha globalización sen raíces. Estou convencida de que a nosa xeración “nós” ten sentido desde unha tradición moderna; nunha Europa internacional. Unha Europa tan tolerante cara a dentro como cara a fóra. Un continente que fale bretón ou galego e que se esforce en entender quechua e wolof.
Non comparto as xenialidades posmodernas que se obstinan en perder a identidade
Síntoo. Non comparto as xenialidades posmodernas que se obstinan en perder a identidade. Aínda que non defenda “purismos” nacionais e rexeite o conservadurismo, quero saber de onde veño para acadar novas metas. Quero ser unha muller libre e capaz de superar prexuízos pretéritos. Mais fareino sendo consciente da cultura que me enxendrou.
Permítanme, pois, cuestionar a negación posmoderna dos grandes discursos; o escepticismo ante a historia e o rexeitamento da filosofía. Quizais esquecer o pasado e neutralizar a unión dos pobos sexa a estratexia perfecta para acabar coa democracia que tanto custou conquistar. Pode que o carpe diem conduza á perda dun pensamento crítico e profundo.
Déixenme, cando menos, dubidar; ao modo dos sabios gregos. Porque o único seguro no noso presente inestable é a crise (económica, social e moral) que estamos atravesando. Un “momento decisivo” onde só a “cracia” do “demos” nos pode salvar.