O nacionalismo mediático español

Comprendo o revés que lle supón aos atletas españois que a candidatura de Madrid como sede olímpica fracasase, de conseguilo o Estado destinaría grandes orzamentos ao deporte profesional, especialmente aos minoritarios, e con máis orzamento poderían realizar mellor o seu oficio. Como comprendo a desilusión de quen se deixaron animar pola campaña a favor da candidatura, un fracaso nunca é alegre e ninguén pode alegrarse moito de ver outras persoas tristes. Pero non creo en absoluto que o diñeiro que se ía investir aí crease algún tipo de riqueza, moito menos riqueza que tivese algún sentido social, nin sequera por medio do sempre socorrido sector do ladrillo, pois Madrid e Valencia xa teñen estadios e instalacións deportivas por un tubo. E, desde logo, non creo que no caso de que destinar máis cartos do Estado crease algún tipo de riqueza en Madrid iso lle conviñese aos habitantes do resto do Estado.

Paréceme máis interesante observar o comportamento dos medios de comunicación tanto escritos como audiovisuais, entregados a un patrioteirismo verdadeiramente suicida

Pero paréceme máis interesante observar o comportamento dos medios de comunicación tanto escritos como audiovisuais, entregados a un patrioteirismo verdadeiramente suicida. Parecía que fose a primeira vez que España optase a ser sede duns Xogos Olímpicos, todo o que se dicía era obviando que o foi Barcelona hai poucos anos, os medios de comunicación trataron o tema dunha forma puramente hipnótica, animando o instinto patriótico da xente. A campaña de "Xibraltar español!", que me devolve ás clases de ximnasia desfilando mentres cantabamos de viva voz "Gilbraltarrr, Gibraltarrr/avanzada de nuestra nacióonn./Gibraltarrr, Gibraltarrr!/Tierra amada de todo españooolll!", sumada á candidatura madrileña creou unha atmosfera estival máis sufocante que a calor.

Para comprender esa actuación hai que ter en conta que todas as cabeceiras de prensa e cadeas de radio e televisión de cobertura estatal residen en Madrid, obviar iso sería enganarse

As cabeceiras de prensa e as cadeas de radio e televisión non deixaron espazo nin opción a ningún pero, as opinións disidentes só puideron refuxiarse en lugares coma este, nas marxes (o cal demostra a imprescindibilidade destes novos medios de prensa e opinión que poñen a proba a propaganda mediática masiva). Para comprender esa actuación hai que ter en conta que todas as cabeceiras de prensa e cadeas de radio e televisión de cobertura estatal residen en Madrid, obviar iso sería enganarse.

De verdade que era necesario que fose nada menos que un membro do COI a que puidese deslizar nos medios de comunicación nacionais a evidencia de que a sociedade española ten outras necesidades e debe ter outras prioridades para gastar o diñeiro público? De verdade que os dous grandes problemas da sociedade española son: un, os bloques de cemento e o contrabando de tabaco en Xibraltar, coma se fose algo novo, e, dous, a sede olímpica madrileña? E non o paro, a sanidade, a educación, as prestacións sociais, os recortes aos dereitos democráticos, á xustiza...?

A sociedade, a democracia española, ten un problema cos medios de comunicación que supostamente debesen servila

Desde a morte de Franco nunca a vida pública estivo tan sufocada polo patrioteirismo español, atreverse a discutir a utilidade e aínda a lóxica da candidatura madrileña era como atacar a Essspaña!, ser un traidor. Nese ambiente de nacionalismo patrioteiro mediático é lóxico que Rajoy anuncie desde o plasma que cando teña unha boa noticia a anunciará en... Las Ventas. Fumando un puro.

Pero é que Rajoy está sostido polos medios. Os mesmos medios que pedían unanimemente a dimisión de Zapatero unha vez e outra tamén. A sociedade, a democracia española, ten un problema cos medios de comunicación que supostamente debesen servila.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.