O Nadal armenio en Palestina

Celebración do Nadal armenio na Catedral de Santiago, en Xerusalén (Palestina) © Moncho Iglesias Míguez

En Belén, o Nadal celébrase tres veces e en datas diferentes. A igrexa armenia santifica o 6 de xaneiro do calendario xuliano, o que se traduce no 19 do noso

En Belén, o Nadal celébrase tres veces e en datas diferentes. As igrexas cristiás de Occidente e a igrexa ortodoxa grega festexan o Nadal o 25 de decembro. Con todo, a igrexa grega usa o calendario xuliano, co cal a celebración pasa a ser o 7 de xaneiro do calendario gregoriano. Pola súa parte, a igrexa armenia santifica o 6 de xaneiro do calendario xuliano, o que se traduce no 19 do noso. Deste xeito, Belén, unha pequena cidade de algo menos de 30.000 habitantes, ten representación, dentro dos seus límites, de todas as comunidades cristiás que, unidas baixo unha mesma cultura, a árabe-palestina, festexan un mesmo rito de xeito distinto, aínda que sexa semellante. 

É imposible determinar a data exacta do nacemento de Xesús Cristo, xa que non está apuntado nos Evanxeos. Así a todo, todas as igrexas cristiás deron en celebrar o seu aniversario o 6 de xaneiro, ata que se decidiu mudar esa data, no século iv, para o 25 de decembro. Desta maneira ignorábase a festa pagá dedicada ao nacemento do Sol e que os cristiáns continuaban a observar. Mais Armenia non se viu afectada por dito cambio, pois estes ritos pagáns non existían alí. Así, fieis á tradición, os armenios continúan a celebrar o Nadal o 6 de xaneiro, ou 19, segundo o calendario, ata día de hoxe.

Rúa da Estrela, Belén © Moncho Iglesias Míguez

Belén, unha pequena cidade de algo menos de 30.000 habitantes, ten representación, dentro dos seus límites, de todas as comunidades cristiás que, unidas baixo unha mesma cultura, a árabe-palestina, festexan un mesmo rito de xeito distinto, aínda que sexa semellante

A presenza armenia en Palestina data de moito tempo atrás. Armenia foi o primeiro país en adoptar o cristianismo como relixión oficial despois que o rei Tirdat se convertese no ano 301. Daquela, o Patriarca armenio adquirira propiedades en varios lugares santos e establecera a súa base no cuarto armenio en Xerusalén. Así pois, durante ese período da Palestina bizantina, unha boa parte dos monxes que alí había eran armenios. A eles cómpre sumarlles as continuas caravanas de peregrinos, que chegaron ao millar anual. Grazas a iso melloraron as vías de acceso e os medios de transporte, e creceron as hospedaxes en Xerusalén.

Cando o califa Omar Ibn al-Jattab derrotou os bizantinos, no século vii, recoñeceu as propiedades do patriarcado armenio e garantiu a liberdade de credo. Durante séculos, milleiros de peregrinos provenientes de Armenia visitaron os lugares santos, o que asegurou a prosperidade da súa xente e do mosteiro de Santiago, o que logo sería catedral de Santiago, en Xerusalén, grazas ás súas doazóns. 

A presenza armenia en Palestina data de moito tempo atrás. Armenia foi o primeiro país en adoptar o cristianismo como relixión oficial despois que o rei Tirdat se convertese no ano 301. Daquela, o Patriarca armenio adquirira propiedades en varios lugares santos e establecera a súa base no cuarto armenio en Xerusalén

O mosteiro de Santiago construíuse no século xii sobre os restos dunha igrexa xeorxiana do século v. Nela crese que foi soterrado Santiago o Menor, primeiro bispo de Xerusalén, e amais ten enterrada a cabeza de Santiago o Maior, o Apóstolo venerado en Compostela. O templo serviu de abrigo para a poboación armenia, que se encargou do seu coidado dende o século xii, que logrou embelecela e ampliala. Ese vínculo serviu para que no século xvii pasase a ser a catedral armenia, amais de centro de peregrinación e de acollida.

A comezos do século xx o mosteiro ofreceu acubillo aos refuxiados armenios que fuxían do masacre en Anatolia e a poboación do cuarto armenio de Xerusalén aumentou á vez que mudaban as relacións coas outras comunidades veciñas. Ronald Storrs, gobernador militar de Xerusalén na altura, describiu a situación como insostible: «Aos nosos problemas engadíronselles milleiros de refuxiados. Máis de dous mil armenios desesperados sitiaron o lugar sagrado».

Biblioteca armenia, en Xerusalén © Moncho Iglesias Míguez

O mosteiro de Santiago construíuse no século xii sobre os restos dunha igrexa xeorxiana do século v. Nela crese que foi soterrado Santiago o Menor, primeiro bispo de Xerusalén, e amais ten enterrada a cabeza de Santiago o Maior, o Apóstolo venerado en Compostela

A preocupación pola situación dos refuxiados provocou certo afastamento con respecto á política local, allea aos seus intereses, xa que a idea era volver ás casas que deixaran en Cicilia, no que fora parte do reino de Armenia. Porén, a ofensiva de Ataturk contra Cicilia en 1922 motivou novas fuxidas e fixo que o número de armenios en Palestina acadase os 15.000 en 1925. E así, cunha poboación flutuante que devagar se asentou no lugar, a guerra de 1948 causou novos movementos migratorios.

Coa Nakba desapareceron as comunidades armenias das cidades costeiras de Iafa e Haifa ao igual cás doutras zonas de Palestina que quedaron baixo control sionista. A beira oeste de Xerusalén baleirouse de todo aquel que non fose xudeu e só a parte oriental, baixo control xordano, mantivo a súa xente. Así e todo, a vitalidade do cuarto armenio decreceu, feito que empeorou aínda máis a partir de 1967, cando Israel ocupou a cidade enteira e anexionou terras e xentes ao seu estado.

Coa Nakba desapareceron as comunidades armenias das cidades costeiras de Iafa e Haifa ao igual cás doutras zonas de Palestina que quedaron baixo control sionista. A beira oeste de Xerusalén baleirouse de todo aquel que non fose xudeu e só a parte oriental, baixo control xordano, mantivo a súa xente

Pouco máis de dez quilómetros separan as cidades vellas de Xerusalén e Belén. Entre elas repártense os lugares sagrados máis importantes para o cristianismo: os sitios onde Xesús naceu, predicou, morreu e resucitou. Foi alí onde a emperatriz de Constantinopla, Helena, procurou en vida, no século iv, as reliquias da Vera Cruz e onde topou a cova na que se cre que naceu Xesús. Foi alí onde se erixiu a Igrexa da Natividade, en Belén, un templo que permaneceu en pé malia os diversos asedios que destruíron calquera vestixio de fe diferente á nova imposta. Así por exemplo, cóntase que durante a invasión persa do século vii a Igrexa da Natividade quedou intacta, pois os mosaicos dos tres Reis Magos que hai na entrada parecían representar antepasados persas e, por tanto, un lugar a protexer.

Mais os buratos nos muros da igrexa amosan uns últimos cincuenta anos hostís; un reflexo da realidade palestina, en continuo éxodo e baixo persecución constante. En 1967, a Natividade serviu de acubillo para moitos belenitas que fuxían das tropas israelís que anexionaban novos territorios ao seu estado, igual que en 2002, durante a Segunda Intifada, cando se revelou como icona da resistencia nos 40 días que se erixiu como fortaleza contra a ocupación.

Praza da Natividade, en Belén © Moncho Iglesias Míguez

Os buratos nos muros da igrexa amosan uns últimos cincuenta anos hostís; un reflexo da realidade palestina, en continuo éxodo e baixo persecución constante

A comunidade armenia de Palestina sofre as consecuencias da ocupación como calquera das outras. Aqueles que seguen a vivir en Xerusalén enfrontan os mesmos problemas e discriminacións dos outros, amais dun grande obstáculo: a cidadanía. A maior parte dos armenios son cidadáns de Xerusalén Oriental con permiso de residencia, algo inseguro e variable. Por mor diso topan numerosas dificultades para vivir no curruncho ateigado da cidade onde residen. Os prezos da vivenda son elevados e as ofertas de emprego escasas, polo que a emigración segue a ser unha opción permanente.

A comunidade armenia de Palestina sofre as consecuencias da ocupación como calquera das outras

As estratexias de urbanización de Xerusalén afectan de xeito negativo a toda a poboación non xudía dende a reunificación da cidade, en 1967, e teñen por obxectivo estender as demarcacións sionistas do territorio e entretecelas para que así sexa logo imposible dividir a urbe. Malia as restricións dos permisos de construción ou as políticas de demolición, a poboación non xudía segue a crecer e iso preocupa ao sionismo, que non deixa de fortalecer as colonias e de desprotexer e pór en perigo os poboadores autóctonos. Por iso, as solucións que estes procuran poden resultar conflitivas e incluso prexudiciais para os seus propios intereses, como son as vendas ou alugamentos de terreos.

As estratexias de urbanización de Xerusalén afectan de xeito negativo a toda a poboación non xudía dende a reunificación da cidade, en 1967, e teñen por obxectivo estender as demarcacións sionistas do territorio e entretecelas para que así sexa logo imposible dividir a urbe

As autoridades relixiosas armenias semellan estar de acordo en alugar parte dos seus dominios para a construción dun aparcadoiro ou dun hotel de luxo. Os cartos servirían para estabilizar a economía da igrexa e talvez tamén os lazos de unión co bando israelí, sempre pronto a buscar alianzas, como as que trata de topar en Armenia, un país onde, como en Israel, relixión e nacionalismo van da man. Mais Armenia acusa a Israel de apoiar militarmente a Acerbaixán no conflito que enfronta a esta con Armenia na lindeira Nagorno Karabaj e iso serve para que as relacións entre ambas nunca sexan positivas.

A desunión política e relixiosa semella desaparecer na Igrexa da Natividade, Patrimonio Mundial, onde as igrexas ortodoxa, católica romana e armenia comparten cultos e espazos. Aínda que ao comezo do século xii a comunidade armenia en Palestina contabilizaba 1500 habitantes, a poboación creceu a 5000 durante o xenocidio de 1915 e aumentou nos anos posteriores. Con todo, hoxe en día, non máis de tres mil persoas conforman a comunidade en Palestina, con tres centas delas en Belén. É aí, sobre a espenuca da pequena cidade palestina onde se cre que naceu Xesús, ata onde vai o Patriarca armenio xunto con sacerdotes, seminaristas e fieis para celebrar o Nadal dende a véspera, o 18 de xaneiro.

Vista xeral de Belén © Moncho Iglesias Míguez

Os rezos adoitan non ser seguidos por máis dun cento de persoas, número que parece inferior ao de axentes policiais. A razón é que os cristiáns son cada vez menos na Palestina ocupada

Debido á minoría que representa a congregación armenia, o número de fieis queda sempre embazado polos poucos curiosos que se achegan ás primeiras horas do rito. Os rezos adoitan non ser seguidos por máis dun cento de persoas, número que parece inferior ao de axentes policiais. A razón é que os cristiáns son cada vez menos na Palestina ocupada. Incómodos pola situación, alleos ao conflito e sen formar parte de ningún tipo de decisión, foron moitos os que decidiron emigrar nas últimas décadas. A pesar das moitas dificultades, aínda quedan armenios sen perspectivas de futuro fóra. Son estas persoas crentes, que teñen en Belén o punto neurálxico da súa fe, as que resisten ata a conclusión da primeira misa do galo do ano, as que insisten na resistencia e comungan coa esperanza dun lugar de seu.

Celebración no Nadal armenio na Igrexa da Natividade, en Belén © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.