O obsceno goce do asubío

O limiar da final da Copa foi un catalizador de desexos. Días antes o PNV  pediu que soaran os himnos vasco e catalán, proposta que non foi atendida. No Camp Nou, porén, hai tempo que non se escoita Els segadors. Se España tiver recoñecido a súa diversidade nacional, protexéndoa (cantos manifestos da progresía española se teñen pronunciado contra as agresións aos galegos falantes por parte das institucións e empresas?) o máis probábel é que o independentismo ficara en opción ideolóxica duns poucos. Mas a apropiación do Estado polo duopolio e a ausencia de un a favor ou o que aínda é peor, o telo en contra, pode debullar a suspensión da función do Amo  que se escenificou na final de Copa do Camp Nou entre o Barça e o Athletic de Bilbao. Por que resulta tan problemático para o Estado a grande asubiada á "marcha real" e ao monarca? Porque a súa obscenidade televisiva mostrou a fenda, a distancia entre a institución simbólica pública a través da que fala o estado español e o seu trasfondo fantasmático (que para funcionar debe ficar elidido). Zizek-Lacan exprésano así:  "estás a dicir iso, mas que é o que realmente queres ao dicilo?"

A asubiada atronadora constata o feito de que os asistentes ao partido e os televidentes  xa o sabían de vello e que, dalgunha maneira, agardaban. Pois mesmo fora profetizado polas institucións españolas coa habelencia coa que as aeromozas explican a colocación do salvavidas cando o avión está enlairando para nos permitir seguir a soñar cunha lene amerizaxe en caso de catástrofe.

Polo tanto, que a asubiada desborde o show e o seu encadre televisivo para pasar a facer parte do encadre maior, o do ritual externo que materializa o legalismo ideolóxico vixente, tamén formaba parte do guión previsto e anunciado. Porque o acontecido non é apenas unha multitude de vascos e cataláns fantaseando unha (plena) soberanía que non teñen, nin  a indisimulada satisfacción de Mas e a inalterada expresión dun monarca que opaca o real da situación e un Wert que non ten -nen quere- que lle acheguen un escorregador para saír do palco.

Para principio de realidade abondan as palabras de Xavi: "Més que sancionar, s'haurien de plantejar per què es xiulava" [Mais do que punir, deberían plantexar porque se asubiaba]. Porén, para poder funcionar, é iso o que precisan? O futbolista non fai máis ca pór de relevo que, para alén da obvia constatación de que houbo sensibilidades feridas, a realidade do Camp Nou non está aliñada co discurso oficial da identidade española que ignora a existencia doutras identidades en pugna. Para seguirmos coa lóxica lacaniana que Zizek emprega para analizar a nación como o modo único en que unha comunidade organiza o seu goce mediante mitos nacionais e que, no entanto, só teñen sustancia a partires das prácticas ideolóxicas e no xeito de organizar o goce colectivo. Nunha economía globalizada- da sociedade do espectáculo e do tempo de lecer e o consumo-  que o clube dunha nación sen estado sexa campión de Europa cada temporada coma mínimo nun deporte (trátase dun clube polideportivo) é de seu unha potente maquinaria organizadora do goce a través dunha  abondosa produción de mitos á altura  dunha nación con estado.

Aliás,  o inaturábel dese gorentar disruptivo  foi a fogosidade dunha asubiada pacífica a un himno que ofendeu a quen o representan e quen se identifica, cousa que se entende. Porén, a súa obscenidade deriva máis do que desvelou do que da ferida simbólica producida. Porque a asubiada mostrou que o estadios deportivos non son espazos incontaminados. Tan político é pór un himno coma tiralo, aclamalo ou asubialo. Porque o medo aos asubíos caracteriza os réximes autoritarios.

A intervención da Comisión contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, que endexamais axiu cando se precisaba terá que presentar agora a proba de cargo que lle permita punir a cen mil persoas ruidosas. Para o ministro do interior, o catalán Fernández Díaz, detrás do asubío hai “unha incitación ao odio” que “non pode ficar impune”. Aínda que o elemento esencial foi achegado polo portavoz do Grupo Popular no Congreso Rafael Hernando, quen precisou poucas palabras para expresar a liña divisoria, o que realmente  incomoda do goce do "outro": "Esta intolerancia demostra a doenza dunha parte da sociedade que considera que é lexítimo e lícito ofender o sentimento de patriotismo doutras persoas e por tanto paréceme moi grave...o que retrata as sociedades democráticas evolucionadas [referíndose á recepción de Filipe VI no Élysée] e pon no seu lugar a outras persoas que infelizmente son incitadas por algúns  a comportarse como energúmenos".

Eis o asubío como  "exceso" e como roubo  que despraza e priva por uns minutos do goce a esa parte da sociedade española que considera que  o  separatismo -ese enigmático goce que a ameaza- non é lícito e que falar galego, euskera e català son goces perversos, unha récola de asubíos egoistas argallados coa única fin de incomodar o seu goce. Un Estado que non acepta o “outro”, que decote traza liñas divisorias fronte  as  linguas, himnos e símbolos do “outro” que é  caracterizado ao modo racista e xenófobo de “energúmeno” e “doente” desvelando así  que  problema  non deriva propiamente da ferida producida polo asubío senón dunha caracterización sempre presente e funcionalmente activa mas que permanece elidida para ser eficaz. O asubío suspende por uns minutos o papel do Amo de dominar o exceso. 

Pode unha asubiada desvelar coa súa obscena irruptividade a verdadeira orixe dunha narrativa baseada na exclusión de traumas e na oclusión de buracos presentes e pasados? A forma asubío é a narratividade dun antagonismo reprimido que despraza ao monarca do centro reducíndoo a siareiro, a un máis entre os mundanos, perante a divina entronización de Messi. En digresión psicoanalítica, El Rei reducido a simples axente da prohibición, mentres  o futbolista personifica o goce soberano. Aliás, a ironía do asunto é que o son transgresor do asubío ten como correlato a imposición da Lei, entanto a arte transgresora do dianteiro achega  a plenitude desencadeada. Un caso exemplar de escena fantasmática ao servizo da ideoloxía emprazada no que a asubiada é presentada no universo paralelo dun neutro imposíbel. Deste xeito, o PP, pode direccionar a súa visión acusadora ao servizo dunha só ollada, para soerguer unha única narración. Este mesmo operativo é doadamente discerníbel na falta de punición cando se asubían os himnos de Francia ou Inglaterra nos partidos de "la roja",  cando as bandeiras nazis ondean nas bancadas ou na restauración das touradas na televisión pública. Touros si, asubíos non. Recortes si, escraches non. Seus son o poder, os símbolos e a lingua. Porén, non entenden que os acontecementos mundanos do espectáculo e a cultura poucas veces remiten a decisións conscientes cando a xente arrexunta dun acontecemento a outro. 

Nun espectáculo que remite  directamente aos ollos, a asubiada remitiu directamente aos ouvidos creando outro acontecemento relacional "espontáneo", unha forma de resistencia. Se ben o que debruza no trasfondo é unha perspectiva que "sobreidentifica", que só se pode dar de "satanizar" unha das partes en conflito: doentes, involucionados, energúmenos, intolerantes.  De debullarmos a resposta de Hernando ou que Antiviolencia procure achar responsables punibles  da grande asubiada habería que visar tamén que puido ficar no exceso inherente ao goce. E o que achamos é unha enxurrada de supremacismo alicerzado, mais unha vez, na resposta autoritaria. O legalismo ideolóxico que fai parte do problema é cego, pois trátase dunha narración que só olla nunha dirección.

O coñecido gaño ideolóxico desta operación deportiva é que  a monarquía ofrecendo a copa baleira acaba enchéndoa  no seu favor. Mais de quedarmos  invariablemente co efectismo ao vivo da asubiada talvez perderíamos que a obscenidade  está non na asubiada mas na precuela ao partido que o futbolista Xavi moi ben intúe, nos intentos recentes por encher pola lei o que non se consigue na actividade política. É claro que narrativización ideolóxica  do incidente móstrase así na tentativa previa  de neutralización política do acontecemento deportivo e o seu posterior acento nos aspectos legais ou na neutralización política a través do legalismo ideolóxico levando á fiscalía a pesquisa sobre a asubiada e de paso escanciar a copa do temor sobre a percepción interna do conflito.  Ao cabo, a  copa do rei  é o corpo do rei, que dicir,  a parte Real do conflito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.