O pacto bilateral con España

De súpeto, a que semellaba imparábel onda recentralizadora refugou non pouco ao abrollar con moita máis forza a realidade dunha grande porcentaxe das cidadanías catalá e vasca que dan por pechado o percorrido do Estado autonómico e plantexan abertamente, cando non a independencia, si algunha caste de fórmula confederal de soberanía partillada ou a xeito de Estado asociado que lles garanta un autogoberno pleno.

Ao tempo, no resto dos territorios vaise abrindo paso a pulsión recentralizadora a prol de mudar a estrutura xurídico-política

É evidente que este proceso vai definir as vindeiras eleccións autonómicas que van vivir estes dous países nas vindeiras semanas. Ao tempo, no resto dos territorios vaise abrindo paso a pulsión recentralizadora a prol de mudar a estrutura xurídico-política. Probabelmente as CC.AA seguirán a ser entes dotados de autonomía administrativa, mais semella evidente que a autonomía política (capacidade lexislativa dos Parlamentos, axendas propias para o crecemento económico, máis competencias e mellor financiadas) desaparecerá en varias destas rexións que mesmo poden reasignar a prol do Estado competencias tan importantes como a sanitaria, a educativa e a dos medios materiais da Administración de Xustiza.

Onde ficará Galicia? Canda as nacións, loitando por unha relación bilateral co Estado? Canda as rexións, substituíndo o seu autogoberno limitado por unha autonomía administrativa a xeito de Mancomunidade de Deputacións?

Onde ficará Galicia? Canda as nacións, loitando por unha relación bilateral co Estado? Canda as rexións, substituíndo o seu autogoberno limitado por unha autonomía administrativa a xeito de Mancomunidade de Deputacións? Está claro que o noso interese económico esixe priorizarmos o factor nacional, diferencial e, con isto, a bilateralidade na relación, porque co 5% do PIB e o 6% da poboación estatal a recentralización condenaría ao noso País á pobreza económica e á marxinalidade. Parte da cidadanía intúe esta realidade, mais non son poucos os que cren que vai ser posíbel ficar como estamos, entre o encaixe bilateral no Estado e a absorción indiferenciada da recentralización. E compre situarmos no mapa, porque xa non vai haber café para todos. Nin tampouco barra libre de recursos.

Se eliximos ser Murcia cando Catalunya e Euskadi deciden ser soberanos estaremos a nos condenar á pobreza económica e á irrelevancia política

Velaí que o novo papel de Galicia no Estado esixa unha nova fórmula constitucional e estatutaria de bilateralidade, é dicir, de diálogo na procura do consenso entre as Institucións españolas e galegas para definirmos os límites competenciais e financeiros do noso autogoberno.

O mínimo que lle podemos esixir aos nosos políticos é que perciban a importancia deste repto. Porque se eliximos ser Murcia cando Catalunya e Euskadi deciden ser soberanos estaremos a nos condenar á pobreza económica e á irrelevancia política, cando non á máis apartada marxinalidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.