O Papa Bergoglio ven de falar perante o Parlamento Europeo. Os eurodeputados de IU, ICV e AGE deixaron os seus escanos a xeito de protesta por un acto que coidaban confesional. Na Galicia, X.M. Beiras declarou que non lle importaba o que dixera Bergoglio, senón só a Igrexa como estrutura de poder que nega ás mulleres os seus dereitos.
Cal e a resposta axeitada dende a laicidade democrática á revolución tranquila que está a desenvolver Bergoglio? Descoñecela, como fai AGE? Ou animala, como fai Pablo Iglesias?
Mentres, os eurodeputados de Podemos ficaban na Cámara e o seu líder, Pablo Iglesias, saudaba o discurso do Papa. Un discurso no que Bergolgio dicía que os valores da democracia e da cidadanía son incompatíbeis co dominio dos axentes financeiros e que a dignidade da persoa é incompatíbel coa miseria e coa pobreza severa de tantos na Europa.
Cal e a resposta axeitada dende a laicidade democrática á revolución tranquila que está a desenvolver Bergoglio? Descoñecela, como fai AGE? Ou animala, como fai Pablo Iglesias?
Dende o punto de vista pragmático, Bergoglio é un aliado para as forzas que terman por máis democracia, máis cidadanía ou máis xustiza social, quer no ámbito galego ou estatal, quer no ámbito europeo
Semella que a dúbida está fóra de lugar. Bergoglio está a desenvolver unha auténtica cruzada contra os abusos sexuais a menores e a corrupción na Igrexa onde está a arriscar moito, porque mesmo chega a desmontar a xerarquía alí onde pense que é preciso. É verdade que a exclusión feminina na Igrexa é inadmisíbel e seica non compre agardar grandes novidades a respecto deste tema nos anos vindeiros. Mais os avances son reais. Dende o punto de vista pragmático, Bergoglio é un aliado para as forzas que terman por máis democracia, máis cidadanía ou máis xustiza social, quer no ámbito galego ou estatal, quer no ámbito europeo. Tamén para desmontar o predominio extremista e españolista excluínte da xerarquía católica no Estado.
Outra razón esencial é a da liberdade relixiosa e ideolóxica. O teólogo galego Victorino Pérez Prieto xa nos aprendeu a grandísima achega de cristiáns como Castelao, Bóveda, Moncho Valcarce, Francisco Carballo, Torres Queiruga ou Pilar Wirtz na construción do galeguismo democrático. Defender que os cristiáns progresistas han continuar o seu tránsito cara á non crenza para construír unha alternativa transformadora vai contra os valores de liberdade e democracia que, supostamente, sosteñen os que tal propugnan.
Os valores da laicidade non esixen do anticlericalismo
Os cristiáns poden e deben construír democracia e cidadanía sen abdicar dos alicerces éticos e antropolóxicos da súa fe. Os valores da laicidade non esixen do anticlericalismo.