O perímetro da cultura galega

Supoñamos que podemos representar á cultura galega como un círculo con aneis concéntricos. Claro, previamente deberamos acoutar que é o que entendemos por “cultura galega”. Digamos que, a efectos deste artigo, emprego o termo “cultura galega” como o conxunto de estruturas e axentes que producen ou consumen bens, actividades e servizos culturais en lingua galega ou baseados en expresións culturais autóctonas. Pois ben, retomando a frase inicial, se utilizásemos un símil gráfico poderíamos obter un debuxo semellante a este:

CC-BY-SA Marcos Lorenzo

No centro, no núcleo duro deste diagrama, estarían os persoeiros de adscrición galeguista que ostentan os cargos directivos de boa parte das institucións culturais do país

No centro, no núcleo duro deste diagrama, estarían os persoeiros de adscrición galeguista que ostentan os cargos directivos de boa parte das institucións culturais do país. Se nos tomamos a molestia de analizar os padroados das grandes fundacións literarias, museos e academias, veremos que son permutacións de X elementos tomados de 12 en 12.

No anel contiguo, no que me podería situar eu mesmo, estariamos todas e todos aqueles que traballamos na cultura galega como artistas, xestores culturais, técnicos da administración, docentes, investigadores ou activistas, a tempo completo ou parcial. Este subgrupo seríamos a audiencia natural dos eventos (congresos, xornadas, simposios) organizados polo grupo anterior.

Un terceiro anel, o máis externo, estaría conformado polas consumidoras (maioritariamente mulleres) da cultura galega, é dicir, as lectoras dos libros, as espectadoras das obras de teatro, películas e series, as asistentes aos museos, as ouvintes da música ao vivo ou gravada, as subscritoras das revistas, etcétera. Pois ben, se nos fiamos das estimacións de colegas ben informados, ese continxente podería roldar as 15 - 20.000 persoas. Obviamente deixamos fóra outras manifestacións de gran tirón popular como o circuíto das verbenas ou algúns programas de radio e televisión, por non posuír seica suficiente glamour. Se o incorporásemos, cabería falar dun cuarto e máis nutrido anel.

Esas 15 - 20.000 persoas sería o tamaño do noso reducido mercado interior e a sensación, a falla de instrumentos de medición máis precisos, é que fóra dese perímetro non estamos logrando chegar

Pois ben, esas 15 - 20.000 persoas sería o tamaño do noso reducido mercado interior e a sensación, a falla de instrumentos de medición máis precisos, é que fóra dese perímetro non estamos logrando chegar. Se adoptásemos unha posición racional, cando menos parte dos nosos esforzos deberan orientarse a ampliar esa base social, o que implica dispor de estratexias para seducir á poboación non iniciada, convencida ou afín. E non se trata só da infancia e da mocidade, chave mestra da nosa reprodución cultural. Tamén deberamos incluír ás persoas maiores con tempo libre e poder adquisitivo, quen poderían xogar un papel activo no desenvolvemento da nosa cultura. Por suposto esas novas estratexias requiren de abandonar pesadas inercias (o sector cultural galego é moi conservador e tende a operar só co seu público cativo) e arriscarse por camiños e formatos descoñecidos. Por exemplo, a través dunha decidida aposta pola participación cultural da cidadanía.

Ou facemos isto ou veremos como o noso sector cultural mingua lenta e irreversiblemente, falto de osíxeno e renovación. Neste sentido, poderíase dicir que o que agora temos é un sector cultural moi creativo pero moi pouco innovador. 

O sector cultural non está a conseguir unha proxección exterior á altura do país

Outra das vías para a diversificación de audiencias da cultura galega sería o comercio exterior. Porén, ao analizar a evolución das exportacións en bens e servizos culturais na última década comprobamos como as cifras se moven na contorna dos 4 ou 5 millóns de euros. Se consideramos que o conxunto das exportacións da economía galega ascenden a 18.000 millóns de euros, entón poderemos deducir que o sector cultural non está a conseguir unha proxección exterior á altura do país. O sector cultural achega un 2% ao PIB galego e un 2,8% do emprego, pero tan só un 0’0002% das exportacións, é dicir, dez mil veces menos do que lle debera corresponder seguindo unha regra de tres sinxela e tosca.

A responsabilidade desta situación é máis coral do que puidera parecer, se ben é evidente que non se debe repartir por igual

Como resultado disto, a cultura galega apenas se está a posicionar na escena global. A escala mundial somos invisibles, apenas existimos, ninguén repara en nós. Esta é unha das consecuencias que se derivan de dispor dun sector cultural (administración públicas, empresas, tecido asociativo) virado comodamente cara dentro, cara ese mercado interior de 15 - 20.000 persoas. En termos históricos a responsabilidade desta situación é máis coral do que puidera parecer, se ben é evidente que non se debe repartir por igual. A ausencia de políticas culturais no país desde o nacemento da autonomía (salvo excepcións moi meritorias) pesa máis que o resto de factores xuntos.

 

Precisamos embaixadoras

No libro Políticas para la creatividad, editado pola UNESCO en 2010, os autores sinalan unha estratexia para a proxección exterior das culturas minoritarias: lanzar produtos baseados na obra de artistas mundialmente coñecidos. Hai poucos días vén de anunciarse a proposta de bautizar ao aeroporto de Lavacolla como aeroporto Rosalía de Castro, unha magnífica iniciativa. Ambos, infraestrutura e escritora, gañarán en visibilidade. Por outra parte, tamén hai poucas semanas, soubemos da liberación dos dereitos de autor da obra de Valle Inclán. E aquí quixera determe un intre.

Ao pouco de caducar eses dereitos xurdiron varios proxectos para traducir pezas de Valle Inclán ao galego. Agardamos con curiosidade o resultado desas traducións e saudamos tales iniciativas que veñen a rematar cunha situación anómala. Porén, tamén poderíamos considerar este feito como un analizador. Un analizador, en xerga sociolóxica, é un suceso aparentemente miúdo pero que posúe unha enorme significación e que desvela claves interpretativas da realidade. Pois ben, esa tentativa de dar satisfacción ao mercado interior, ao público convencido, contrasta con algo que non hai. Non hai, non temos, outras iniciativas que aproveiten o descomunal talento de Valle Inclán para proxectarmos no mundo.

Non hai, non temos, outras iniciativas que aproveiten o descomunal talento de Valle Inclán para proxectarmos no mundo

Ningunha compañía galega de teatro (que eu saiba) está a representar a Valle Inclán en versión orixinal ou en inglés ou en portugués polos cinco continentes. Non deberamos ter esa ambición, ser os mellores niso? Desaproveitou Gran Bretaña o xenio de Shakespeare ou construíron arredor da súa obra toda unha industria editorial, teatral e cinematográfica? Pódese obxectar que Valle Inclán é un autor en español, e non serei eu quen negue a existencia dun conflito lingüístico e cultural en Galicia. Só reclamo un chisco de pragmatismo. Sóbrannos embaixadores, figuras mundialmente coñecidas, sobre as que apoiarnos? Acaso Irlanda renuncia a crear produtos culturais e turísticos arredor de Joyce, Beckett, Wilde...? Está iso rifado cunha enérxica acción positiva pola creación en gaélico? Acaso Catalunya non combina unha política firme de inmersión lingüística co feito de posuír o máis poderoso foco editorial en español de toda Iberoamérica?

Cómpre redobrar a aposta pola cultura como eixe de desenvolvemento do país, xogar as nosas bazas con intelixencia e dotarse de políticas culturais con visión estratéxica, que nos conduzan a unha maior porosidade social e a unha maior proxección exterior

Sei que esta interpretación é polémica e caberían mil matices. Sen embargo, con demasiada frecuencia, creo que nos entrampamos en falsas dicotomías. Non penso que teñamos que escoller entre o fomento da cultura en galego ou tirar proveito dos nosos autores en español (Pardo Bazán, Valle Inclán, Cela, Torrente, Valente...), se iso nos permite abrir fiestras e oportunidades. Por suposto o que vale para os escritores consagrados tamén vale para os novos directores de cine, debuxantes de cómic ou bandas de rock que están a ter eco alén das nosas fronteiras.

O que si penso é que cómpre redobrar a aposta pola cultura como eixe de desenvolvemento do país, xogar as nosas bazas con intelixencia e dotarse de políticas culturais con visión estratéxica, que nos conduzan a unha maior porosidade social e a unha maior proxección exterior. Hai que ensanchar o campo porque nolo están (e nolo estamos) achicando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.