O petróleo e o aire

Quen nolo ía dicir? Agora resulta que se non fose adiante o compromiso de construír o flotel para PEMEX en Vigo, podería deberse a que Repsol nomea conselleiro delegado ao ex-presidente do PNV, Josu Jon Imaz, unha escura xogada coa que volve facerse patente que o nacionalismo separatista é a raíz de todos os males.

Tantos meses de xestións diplomáticas da Xunta, que digo meses? Anos. Tras cubertas e cubertas de xornais anunciando que todo estaba feito...

Tantos meses de xestións diplomáticas da Xunta, que digo meses? Anos. Tras cubertas e cubertas de xornais anunciando que todo estaba feito... Cando xa tiñamos medio encargadas as partidas de aceiro, xa se engraxaban os guindastres e se preparaban os sopretes, xa se programaba ansiosamente a posta en marcha con esa frase mítica de “cortar chapa”, ven un separatista a tocar o carallo.

O campión das promesas di que isto non beneficia pero, como din nas televisións cando hai problemas nunha transmisión, alega motivos alleos á súa vontade, e engade que espera que a conexión volva restablecerse axiña. Ese campión das promesas, o vendedor de aire do Caribe, o locutor de continuidade encargado de dar as escusas sería neste caso Feijóo, que ve como o seu álbum de fotos chocando mans con uns e outros a ambos lados do Atlántico, non vale máis que unha colección de cromos de Panini.

Os mexicanos ameazan cunha espantada que podería ter coma dano colateral os supostos proxectos co estaleiro vigués

Os mexicanos, acccionistas cun dez por cento de Repsol e propietarios maioritarios do estaleiro de Barreras a cambio de catro cans, cabréanse porque a multinacional española sitúa a un home de palla de Brufau á fronte da empresa, e ameazan cunha espantada que podería ter coma dano colateral os supostos proxectos co estaleiro vigués. Pois si que estaba atado e ben atado o contrato que nunca chegamos a ver, a pesar de que fora pedido repetidamente no Parlamento de Galiza. Agora enténdese a discreción que levaba a Feijóo a non amosalo.

O noso vendedor de aire, o mesmo que bota a lingua a pacer e fala dun paxariño que lle dixo que igual a Ferrol chegan noticias dun “barco gris”, está triste

Con todo, que non cunda o pánico. Seguramente a multinacional ESPAÑOLA! vai facer todo o que sexa preciso para non prexudicar a unha empresa galega, ou española, ou medio mexicana ao 51%, pero case medio española. Ou sexa, Barreras está en Vigo, hostias! Igual que todos debemos alegrarnos cando FCC, ou Dragados, conseguen un contrato en Panamá ou Arabia Saudí, coma se fosen Feiraco ou unha bodega do Ribeiro, eles responderán agora con responsabilidade e patriotismo, digo eu. E se non, tampouco pasa nada, seguro que Petróleos Mexicanos S.A., tendo en conta os vínculos históricos que nos ligan con Latinoamérica, sempre decisivos, se apiadarán de nós. Ademais, que entrasen no accionariado de Barreras (se ben foi por catro cans) indica que eles por salvar a construción naval en Vigo... ma-tan! Ten lóxica, non? Por último, está o factor humano: o apretón de mans cunha personalidade da talla de Alberto Núñez Feijóo é inquebrantábel e vale máis que mil contratos escritos, iso non hai separatista vasco que o estrague.

Foi nos mesmos días en que a EPA mentía para desprestixialo, todo foi unha manobra para atacalo persoalmente e minar a súa prometedora carreira política

En fin. O noso vendedor de aire, o mesmo que bota a lingua a pacer e fala dun paxariño que lle dixo que igual a Ferrol chegan noticias dun “barco gris”, está triste. Cando no futuro lle pidan explicacións dirá que el só lembra que había sol e a música era un corrido, pode que fose o Caribe, ou unha lámpada fluorescente. Foi nos mesmos días en que a EPA mentía para desprestixialo, todo foi unha manobra para atacalo persoalmente e minar a súa prometedora carreira política. Quosque tantum abutere patientia nostra?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.