Van uns cataláns e uns vascos ver un partido de fútbol presidido polo rei e cando soa a Marcha Real, o himno nacional español, póñense a pitar. Entón, vai o Goberno e decide chamar aos gardas. En fin, parece un chiste. E realmente éo pero o Goberno aproveitou para poñerse grave, solemne e ameazador. Encántalles.
O Goberno aproveitou para poñerse grave, solemne e ameazador. Encántalles
Este Goberno cando as cousas non lle van ben adoita lembrar que hai monos, piratas e ingleses en Xibraltar ou que ten vascos e cataláns ao norte. Ou, como fixo o ministro do Interior cando lles imputaron a outros cantos dos seus en vésperas das eleccións, lembra que aínda queda en Francia algún zulo de ETA. Cortinas de fume.
Aínda así, non lles saen sempre ben esas prestidixitacións e perderon as eleccións municipais. En parte perderon por culpa dos seus propios votantes, explicouno ben Núñez Feijóo: moitos van vellos e morren entre unha elección e outra. Culpa tamén outra parte dos seus votantes que xa non conseguen tragar máis doses de corrupción e de parvadas, eses quedaron en casa ou votaron a ese mozo catalán que loita contra os cataláns malvados agora desde Madrid.
As cortinas de fume acaban por disiparse, aínda que o fume sexa narcótico, e ao final o emperador móstrase espido. Neste caso, o Rei e a súa marcha musical. Efectivamente, esa xente, que un portavoz con cara de desprezo do PP chamado Hernando considera "enfermos", toma a xefatura do Estado polo "pito do sereno". É dicir, non lle ten respecto. Esa é unha realidade que pretenden ocultar co teatrillo dramático e o ameazar cos gardas: unha parte da poboación do Estado español, moi localizada no País Vasco e Catalunya non só non se considera representada neses símbolos senón que os considera hostís. Iso é o que hai e as caras compunxidas ou torvas do PP son tan falsas e ñoñas que dan pena.
As cortinas de fume acaban por disiparse, aínda que o fume sexa narcótico, e ao final o emperador móstrase espido. Neste caso, o Rei e a súa marcha musical
Non vexo ben facer xestos despectivos cara a símbolos que outras persoas respectan porque realmente non se ofende aos símbolos, que quedan tan campantes, senón ás persoas que os veneran. Mesmo se eses símbolos representan a negación doutros símbolos cos que me podo identificar. Somos monos simbólicos, dun tipo ou doutro todos temos os nosos fetiches.
Polo mesmo non me parece ben tampouco que se queimen, arrinquen ou lles disparen a esteladas, como vexo que ocorre repetidamente en Catalunya, en varias ocasións por parte de militares destinados alí. Nin me parece ben en absoluto que as cabeceiras de prensa madrileñas non informen os seus lectores de feitos tan ofensivos.
Paréceme de franquistas descarados pretender unha lei para mandar aos gardas e meter preso a quen exprese simbolicamente a súa opinión respecto diso, sexa partidario do rei, a marcha real e o rojo y gualda ou doutra calquera
Si, os símbolos son unha linguaxe que nos permite representar unha parte das nosas identidades e tamén son instrumentos para combater simbolicamente pola nosa existencia. O que expresa a loita de símbolos en España é que hai xente que se sente identificada con esta España e xente que non, hai quen coa monarquía e quen non, etc. E paréceme de franquistas descarados pretender unha lei para mandar aos gardas e meter preso a quen exprese simbolicamente a súa opinión respecto diso, sexa partidario do rei, a marcha real e o rojo y gualda ou doutra calquera.
En España dáse un fenómeno político extraordinario: gobérnannos desde a maldade pero con cursilería
Faltan uns meses, haberá eleccións e poida que as novas cortes teñan que tratar do que hai detrás e debaixo de todos eses símbolos. Se hai deputados que expoñen a xefatura e a estrutura do Estado e os símbolos consecuentes, vanlles mandar os gardas? En fin, cando a estupidez chega ao seu extremo xa chega á idiotez.
En España dáse un fenómeno político extraordinario: gobérnannos desde a maldade pero con cursilería. E aínda me din que esaxero cando digo que son franquistas.