“Estraño pobo o noso: escravos que votan ao amo, ao señorito, ao cacique, ao que manda, aos de sempre. Pobo alienado e ignorante. Triste”. Así rezaba o twitt que o deputado en Cortes Fernán Vello subía ás redes sociais unha vez coñecidos os resultados das pasadas eleccións autonómicas. Ben falado, meu! Que ben comprendo ao señor deputado! Porque outro tanto dicía eu, a quen me quixera escoitar, coas mesmas ou parecidas palabras, cada vez que recibía seis votos en Cadrón, nun censo de cento setenta aborixes. Fato de burras peideiras! Así vos leve o demo!, maldicía eu no éxtase da rabia e da indignación. Igual non utilizaba a palabra “alienado” (o materialismo dialéctico nunca chegou a callar nos meus miolos e tampouco era palabra de uso común nas tabernas da contorna), pero “pobo ignorante” asegúrovos que centos e miles de veces. Pero claro, que eu entrara e saíra das cortes con donaire e natural prestancia, non era nada comparado a ser deputado en Cortes; e as únicas redes sociais coñecidas eran uns trasmallos das troitas que partillabamos algúns veciños furtivos. Así que, as miñas palabras duraban o que duraban e axiña as levaba o vento cara ningures, pero nunca me arrepentín delas nin tiven que rectificalas.
Cando Fernán Vello lle chama ignorante ao pobo galego, totaliza un conxunto heteroxéneo e non di o que parece dicir. Non lle está chamando ignorantes aos que votaron En Marea (faltaría mais), nin aos que escolleron BNG, nin tampouco aos que se decidiron polo PSDG; cando di ignorantes está pensando nos que escolleron Partido Popular, que foron os mais e daquela, a opción triunfadora. Realmente, se sempre foramos precisos no falar, Fernán Vello e mais eu deberiamos dicir: os votantes do Partido Popular son un fato de alienados e ignorantes. É isto un insulto? Non, purita coherencia nomás. Porque se Fernán cre no que predica, e predica cousas contrarias ás de Feijoo, a xente que prefire a este ignora a verdade predicada por aquel; e xa que logo, Fernán e mais eu, se somos coherentes e cremos no que predicamos, estamos no noso dereito de chamarlles ignorantes á xente que escolleu a solución errada para os seus problemas, no canto da nosa, que cremos aquelada e verdadeira. Un supoñer, se nun exame de matemáticas che preguntan cantas son tres mais dúas, e ti respostas que catro, es ou non un ignorante na materia? E se un exame tras outro, nunca pos o cinco na resposta e case sempre o catro, a ignorancia deixa de ser ocasional e cousa dun mal día, e pasa a converterse en crónica e cismona. Por suposto, todo este xeito de razoar é universal: se os votantes de Fernán e mailos meus fosen maioría, os perdedores poderían asinar as mesmas teses e conclusións que aquí veño de facer, e daquela os ignorantes seriamos nós. Porén, e creo falar tamén polos votantes de Fernán, daquela non nos amolaría que nos chamaran ignorantes, que tanta listura xa nos sae polas orellas.
Galiza é un pobo ignorante, o mesmo que calquera outro. E bendita ignorancia, diría eu. O pobo ven sendo o 99% da poboación; o 1% restante son elites que mangonean o mundo. Por suposto, nese 99% están os ignorantes votantes do PP, os listos votantes de En Marea, BNG e PsdG, e faltaría mais, tamén estamos Fernán Vello e mais eu. Imaxinade por un intre que ese 99% non fora tan ignorante e soubera o que sabe o 1% restante: que nomes se agochan nesa porcentaxe, quen son os famosos “mercados”, quen bufa na caluga dos políticos e dos xuíces, quen di que agora hai cartos a mancheas e despois que xa non quedan nin para tabaco, quen está detrás dos medios de comunicación, quen che anda coa muller ás escuras,...en fin, en palabras de Remedios Amaya, quen manexa a miña barca, quen? Se tal souberamos, eu penso que o mundo estouparía en mil revoltas e unha de dúas, ou nos extinguiamos coma os terribles lagartos do Cretáceo, ou nacía un mundo novo. Paga a pena correr o risco? Non o sei. Se o soubera xa non sería tan ignorante.
A portavoz axunta do grupo Popular no Congreso, a coruñesa Marta González, subiu á tribuna e dixo que Fernán ofendera gravemente ao pobo galego, que debía dar explicacións e desculpas serias, e senón, que dimitira. O deputado Fernán borrou o twitt decontado e deu explicacións. “Rectificar é preciso. En quente podemos expresar ideas desacertadas. O pobo falou e ten todo o meu respecto. As miñas desculpas se ofendín” Blablabla... Pois moi mal, señor deputado. Vostede entrou hai nada na política, xa mantido e sen ataduras, e baixo as siglas da “nova política”; por todo isto, agardaba afouteza e coherencia pola súa parte, e non a retórica e o fastío da vella política. Se nos asiste a razón non é preciso rectificar, en quente tamén podemos expresar ideas moi acertadas; e o pobo, o que se di falar, eu nunca o escoitei.