A pesar da existencia de varias resolucións adoptadas pola ONU, os gobernantes israelitas non cumpriron consecuentemente co que se estipulaba nos mandatos do organismo que, paradoxalmente, promovera a propia existencia oficial do Estado que presidían
Realizar análises sobre os acontecementos rexistrados dende o 7 de Outubro de 2023 nos territorios de Gaza, de Cisxordania e, mais recentemente, do Líbano, require asumir a incomodidade de formular xuízos explicativos racionais sobre unha inxente acumulación de perdas de vidas humanas e destrución de recursos materiais imprescindíbeis para asegurar a existencia digna de milleiros de persoas.
Falando con rigor, o que está pasando nesa zona xeográfica non é totalmente novidoso aínda que presenta algunhas características non coñecidas anteriormente. O conflito entre o Estado de Israel, Palestina e distintos países árabes ten unha notoria lonxevidade histórica. Como é sabido, un dos puntos de partida dese enfrontamento foi o propio nacemento do Estado israelita -despois do remate da segunda guerra mundial- mediante o desprazamento e marxinación da comunidade palestina.
Durante varias décadas, sucedéronse confrontacións bélicas no contexto da bipolaridade xeopolítica entre os USA e a URSS. Israel contou sempre co apoio loxístico, financeiro e político da grande maioría do bloque occidental e, nalgunhas ocasións, beneficiouse indirectamente da insuficiente unidade protagonizada polos diferentes Estados árabes. A pesar da existencia de varias resolucións adoptadas pola ONU, os gobernantes israelitas non cumpriron consecuentemente co que se estipulaba nos mandatos do organismo que, paradoxalmente, promovera a propia existencia oficial do Estado que presidían.
Dende Outubro do ano pasado foron tomando corpo novas realidades neste vello conflito
Coa perspectiva que proporciona o tempo transcorrido, poderían sinalarse algúns dos mais relevantes elementos comúns que se teñen constatado durante todos eses anos: 1) o uso da violencia como ferramenta prioritaria das autoridades de Israel para manter ou mudar unha determinada correlación de forzas naquela contorna xeográfica, subordinando as iniciativas diplomáticas á evolución das accións militares; 2) o apoio básico da Administración norteamericana (encabezada polo Partido Republicano ou polo Demócrata) ás liñas fulcrais adoptadas polos dirixentes israelitas nas distintas fases dos enfrontamentos bélicos; 3) a incapacidade da UE para definir unha política común e autónoma sobre o conflito por mor das importantes diverxencias entre os seus Estados membros; 4) o fracaso da ONU para facer valer o contido das sucesivas relacións aprobadas condenando as violacións da legalidade internacional cometidas polo Estado de Israel.
A dupla circunstancia derivada da práctica desaparición de Iraq, Siria e Libia como Estados consistentes (que, polo demais, carecían dunha adscrición oficial a unha das relixións presentes na rexión) e do grande debilitamento experimentado pola OLP (unha organización laica apoiada, entre outras, por distintas formacións da esquerda occidental) ten favorecido o reforzamento da hexemonía do Estado de Israel
Dende Outubro do ano pasado foron tomando corpo novas realidades neste vello conflito. Destaquemos algunhas: 1) conformación do goberno mais extremista en Israel cunha actuación práctica guiada por unha lóxica xenocida contra a poboación de Gaza; 2) perda de protagonismo da Autoridade Nacional Palestina (a prolongación histórica da OLP) no deseño da estratexia de confrontación coas políticas de Netanyahu e ratificación de Hamás e Hezbolá como referentes principais da resistencia contra o expansionismo sionista; 3) esmorecemento do papel desempeñado hai 30 ou 40 anos por unha boa parte dos Estados árabes de maior peso específico, e constatación da decisiva influenza da República Islámica de Irán -que está construída sobre unha arquitectura legal que violenta gravemente os dereitos básicos das mulleres- nos grupos armados que combaten nos territorios palestinos e no Líbano.
A dupla circunstancia derivada da práctica desaparición de Iraq, Siria e Libia como Estados consistentes (que, polo demais, carecían dunha adscrición oficial a unha das relixións presentes na rexión) e do grande debilitamento experimentado pola OLP (unha organización laica apoiada, entre outras, por distintas formacións da esquerda occidental) ten favorecido o reforzamento da hexemonía do Estado de Israel. O nivel de impunidade co que está actuando Netanyahu nos últimos meses é consecuencia desa nova correlación de forzas que se engade á tolerancia cómplice das autoridades norteamericanas, á inhibición de varios países da UE e á impotencia demostrada polos organismos internacionais.
Estamos asistindo a unha insoportábel e obscena demostración do poder destrutor dun Estado cuxos dirixentes creen estar lexitimados pola vontade do seu Deus e pola historia
Estamos asistindo a unha insoportábel e obscena demostración do poder destrutor dun Estado cuxos dirixentes creen estar lexitimados pola vontade do seu Deus e pola historia. Non sabemos se as sociedades que están sendo vítimas dese poder fanático van ser quen de parar a deriva actual e conseguir -co apoio solidario de amplos sectores da comunidade internacional- unha nova orde na que podan convivir pacificamente todas as nacións e relixións que habitan aquelas terras.