O porco Lalino

Do alcalde de Lalín, don Xosé Crespo, pódense dicir moitas cousas e non todas malas. Tampouco sería de estrañar, xa que tendo 500 novas ideas tódolos días é de supoñer que haxa de todo en tanta divina sinapse neuronal. Xa o seu antecesor no cargo, o special one Xosé Cuíña, acadara a excelencia co invento da MAV-75, un enxeño de aluminio para apañar votos a eito, inspirado nos apeiros tradicionais da labranza. Xosé Crespo, seguramente aguilloado polos éxitos de Cuíña e por algunha que outra pescozada que levou del, non quere ser menos nin igual, senón moito mais. E penso que vai no bo camiño de conseguilo. Logo de media vida na cadeira presidencial, Lalín pasou da nada á abundancia e xa está de volta na nada; pero aínda lle queda outra media vida para volvelo subir e volvelo baixar. Como símbolo e lembranza dos felices 90, Crespo deixounos un novo edificio do Concello, redondo e acristalado, que sae retratado nas mais importantes revistas de arquitectura. Pero non vai ser esta obra vangardista a que poña a Crespo na historia con letras maiúsculas, nin tan sequera na historia do despropósito, onde hai moitas outras que lle gañan por goleada: a Cidade da Cultura de Fraga, a Cidade das Artes e das Ciencias de Camps, o aeroporto de Fabra, ...etecé etecé. Nada, á súa beira, o Castro Tecnolóxico de Crespo é unha bosta espetada nun pau.

O Proxecto Lalino, unha especie de alianza de civilizacións porcinas na que Crespo está a traballar no Laboratorio Científico que a Deputación ten en Mouriscade, preto da capital dezá

Porén, outra cousa é o Proxecto Lalino, unha especie de alianza de civilizacións porcinas na que Crespo está a traballar no Laboratorio Científico que a Deputación ten en Mouriscade, preto da capital dezá. Na procura dun novo índice de colesterol e dunha ratio lardo/freba que realce o prato do cocido e o faga mais san e saudable, axúntanse porcas celtas con porcos de tódalas razas, cébanse os ranchos deses amores de comenencia e logo, investigadores nutricionistas e catadores profesionais cualifican propiedades e sabores dos xamóns, lacóns, orellas, costelas, rabos e fociños. A cousa así contada semella rápida e sinxela, pero non o é e leva o seu tempo. Podemos mudar a selección intraespecífica natural do porco, e dirixila cara onde queremos, pero polo de agora non somos quen de acurtar o tempo de preñazo da porca, nin o da ceba nin o da cura dos xamóns. Nin Crespo Buzz LightYear o pode facer, que lle imos facer! Pero de ter éxito este experimento, e por mor do carácter totémico que ten este animal na nosa terra, Crespo vaise empoleirar para sempre na grande historia galega e tamén na universal, por aquilo da diáspora e tal e tal. Por iso volo conto, que non por presumir de alcalde nin por esa chulería que o resto de Galiza di que gastamos os de Lalín.

De entre tódalas razas de porcos do mundo, un deles si fixo boas migas coa nosa porca celta e semella ser o Adán perfecto que buscamos para comezar a estirpe. Trátase do porco húngaro Mangalica

A día de hoxe fixéronse xa probas con moitas razas de porcos, e fóronse descartando as que non achegaban nada novo, ou se o facían non era para mellor. Este foi o caso das razas Large White, a Landrace, a Branco Belga, a Duroc, a Pietrain e a Hampshire, que seguramente coñecedes ben todos. De entre tódalas razas de porcos do mundo, un deles si fixo boas migas coa nosa porca celta e semella ser o Adán perfecto que buscamos para comezar a estirpe. Trátase do porco húngaro Mangalica, un pelamias dos montes Cárpatos, afoutado e un chisco salvaxe, que lle entrou decontado polo ollo á nosa porca celta e lle debeu traer lembranzas dalgún pasado inconfesable e tormentoso nas fragas do Deza (isto non está comprobado, son só elucubracións miñas). O tal porco tamén se coñece como Mangalitza, e este nome xa resulta premonitorio e aquelado para as nosas cabeciñas requentes de licores e nacionalismo.

Porque de Mangalitza, logo se vai a Man-Galitza, e logo a Man Galiza, Mai Galiza ou Galiza á mán. Poderíanos vir que nin pintado para escribir por adiantado -e antes de que nola escriban outros- a historia sagrada da Galiza do futuro. Para cando xa non queden galegos de Breogán, e os porcos Lalinos, fillos da porca Zeltia e mailo porco Mangalica, vivan ás súas anchas polas terras galaicas e corran a catro pés alegres e despreocupados polos soutos e carballeiras, envorcallándose despreocupados nas brañas e lameiros do pais. Avisados quedades, así van ser as cousas e así volas conto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.