O título deste artigo non é unha opinión persoal. Os investigadores da Garda Civil do caso Vedri –o empresario José Adolfo Vedri foi detido pola trama de financiamento ilegal do PP– chegaban á conclusión de que o PP de Valencia actuou durante anos como unha “organización criminal”. O PP dispuña de até cinco caixas B, que se nutrían do 3% de comisións que pagaban os empresarios que, a cambio, conseguían contratos de administracións públicas gobernadas polo PP. O citado Vedri conseguía adxudicacións amañadas por un importe superior a 30 millóns de euros de 11 consellerías do goberno valenciano, empresas públicas dependentes da Generalitat, deputacións de Alacante e Valencia e concello de Valencia.
Hai 80 persoas imputadas no caso Taula e más de 15 causas xudiciais investigan a actividade corrupta do PP. A través de declaracións de testemuñas e conversas gravadas, hai constancia de que, polo menos, nas campañas de 2007, 2008, 2014 e 2015 houbo ingresos irregulares, estando implicados, entre outros, Francisco Camps, expresidente da Generalitat Valenciana. A dirección nacional do PP estaba informada dos feitos, beneficiándose dos mesmos.
Ricardo Costa –foi secretario xeral do PP valenciano, acusado pola Fiscalía Anticorrupción, entre outros, de falsidade documental e financiamento en negro, e ten unha petición de entre 7 e 9 anos de cárcere– está imputado nunha peza da trama Gürtel e manifestaba que o PP ten “una estructura única en toda España” e, xa que logo, “la responsabilidad en la gestión económica y administrativa de las elecciones era competencia del PP nacional”, é dicir de Mariano Rajoy e María Dolores de Cospedal.
Numerosos empresarios confesaron xa a existencia dese financiamento ilegal do PP. Así, Enrique Ortiz, empresario da construción, imputado na Gürtel, declaraba ante a Audiencia Nacional que durante as campañas do PP da Comunidade Valenciana de 2007 e 2008 pagou actos electorais a Orange Market, empresa que organizaba os actos das campañas electorais do PP e que cobraba a través de facturas falsas por servizos non prestados. Por este financiamento ilegal están procesados cinco dirixentes do PP valenciano.
Manuel Fraga non só participaba, senón que dirixía a trama de corrupción do PP e recibía directamente doazóns de empresarios e particulares para o financiamento ilegal do partido. Así, Fraga recibía un cheque de medio millón de pesetas en abril de 1989, que dous días despois era ingresado na conta que tiña o PP no Banco de Vitoria. Estes cartos dedicáronse ao pagamento do gasto das eleccións galegas de decembro de 1989. O PP declarou un gasto electoral de 199 millóns de pesetas nesa campaña, cando segundo o tesoureiro, Rosendo Naseiro, enviaron a Galiza 500 millóns de pesetas desde a Tesouraría Nacional do PP para gastos de precampaña e campaña. Mariano Rajoy tamén coñecía ese financiamento ilegal do PP porque era, daquela, o número dous do partido en Galiza. Jorge Verstrynge, secretario xeral de AP de 1979 a 1986 daba todo tipo de detalles sobre o financiamento ilegal das campañas en Galiza con diñeiro negro e como Fraga dirixía esa corrupción.
José María Aznar, sucesor de Fraga, tamén era implicado ante notario por Naseiro; este sinalaba a Aznar como recadador e persoa que supervisaba e daba todas as directrices no financiamento do PP. Ángel Sanchis, tesoureiro de AP entre 1982 e 1987, corroboraba estas declaracións de Naseiro e declaraba no Congreso en 1990: “os partidos políticos recibimos diñeiro de señores que o dan”, e admitía que enviou miles de cartas solicitando fondos e organizando ceas para “esquilmar os amigos, os coñecidos e os coñecidos dos amigos”. E xustificaba así a súa actuación: “Non sei onde está o problema. Recibir diñeiro era perfectamente legal”.
Os papeis que gardou Naseiro revelaban que entre marzo de 1987 e decembro de 1988 o PP ingresou 140 millóns de pesetas, sen ningún tipo de control, nin identificación nunha conta opaca no Banco de Fomento. Alberto Ruiz Gallardón ratificaba este financiamento ilegal en un informe interno e sinalaba que entre o 30 de maio de 1989 e abril de 1990, o PP recibira 20,3 millóns de pesetas en doazóns que “corresponden a doantes coñecidos e identificados que, por razóns evidentes de discreción, non se relacionan neste informe”.
Entre 1980 e 1990 o PP recibiu máis de 1.000 millóns de pesetas en doazóns. Era de dominio público a militancia en AP, despois PP, de significado contrabandistas e narcotraficantes de Galiza. Entre os contribuíntes coas súas doazóns estaban: José Ramón Barral «Nené» (alcalde de Ribadumia polo PP entre 1983 e 2001), Luis Falcón «Falconetti», José M. Prado Bugallo «Sito Miñanco», Manuel Lorenzo «Ferrazo», Marcial Dorado, Manuel Carballo Jueguen, Manuel Nieto, José Luis Vilela, Vicente Otero «Terito» (significado militante do PP en Cambados), Alfredo Bea Gondar (alcalde do Grove polo PP) ou Pablo Vioque (secretario da Cámara de Comercio de Vilagarcía). Todos eles reuníanse con frecuencia en Pontevedra con Mariano Rajoy, que era, daquela, presidente provincial do PP.
O narcotraficante Laureano Oubiña declaraba nunha entrevista no cárcere: “A finales de los años setenta, cuando pasamos a la democracia que dicen que vivimos, ayudé a financiar a Alianza Popular, del señor Fraga, y a UCD, del señor Suárez. E igual que yo lo hicieron muchos empresarios más que estábamos metidos en el contrabando de tabaco”. Nin Fraga nin o PP presentaron unha denuncia no xulgado por estas gravísimas acusacións.
O xuíz da Audiencia Nacional José de la Mata abre xuízo oral contra os ex– tesoureiros do PP Álvaro Lapuerta e Luis Bárcenas e o ex–xerente Cristobal Páez polo caso dos papeis de Bárcenas, no que se investiga a caixa B do partido. O PP e as administracións que gobernaban foron a principal fonte de orixe de diñeiro ilícito da trama Gürtel. O PP deberá responder como responsábel subsidiario de 1,2 millóns de euros que deixaron de ingresar a Facenda pola reforma da sede central de Madrid. Numerosos cargos políticos do PP, empresarios e funcionarios das comunidades de Madrid, Murcia, Valencia, León están acusados na Operación Púnica (cobro de comisións pola concesión de contratos públicos por máis de 250 millóns de euros) de supostos delitos de branqueo de capitais, falsificación de documentos, delitos fiscais, tráfico de influencias, malversación de caudais públicos, prevaricación, revelación de segredos, negociacións prohibidas aos funcionarios, fraudes contra a Administración e organización criminal.
Con todos estes datos, por que non se aplica para o PP o artigo 22.2 da Constitución española, que sinala: “As asociacións que persigan fins ou empreguen medios tipificados como delito son ilegais”? Poden gobernar un país aqueles políticos que dirixen un partido como o PP imputado por financiamento ilegal, que pode ser procesado pola destrución do disco duro do ordenador de Bárcenas, onde estaban gardados as doazóns e a caixa B, para obstaculizar a investigación da xustiza, e que actúa como unha “organización criminal”?