O PP busca desesperadamente un chibo expiatorio

Rueda e a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, seguindo a evolución dos incendios CC-BY-SA Mónica Arcay Carro - Xunta de Galicia

No contexto -ben coñecido- dunha prolongada desestruturación do mundo rural, a reiteración das crises incendiarias remiten a unha análise de tres aspectos fulcrais: políticas forestais que se aplican, mecanismos de prevención establecidos e características dos dispositivos de extinción postos en marcha. Nestes tres ámbitos debe ser xulgada a xestión realizada polas Administracións públicas que posúen as competencias principais nesta materia

A diferenza doutras catástrofes rexistradas nos últimos anos (pandemia da COVID e inundacións na Comunidade Valenciana), no caso dos incendios que tiveron lugar nunha parte do territorio galego e noutros lugares do occidente peninsular existe unha ampla base de experiencia práctica acumulada en varias décadas, ademais dunha importante literatura científica (análises e diagnósticos realizados por distintos especialistas) e político-institucional (conclusións e resolucións adoptadas polos Parlamentos que promoveron comisións de investigación e/ou estudo a respecto das crises incendiarias).

Xa que logo, nesta temática apenas se pode alegar ignorancia por parte dos xestores públicos e dos creadores de opinión. En todo caso, a principal novidade rexistrada nos incendios deste mes de Agosto é a extraordinaria virulencia coa que se teñen desenvolvido e que provocou o maior número de hectáreas queimadas do presente século. A grande maioría dos expertos vinculan esta circunstancia ás condicións climáticas especialmente desfavorábeis asociadas ao proceso de cambio climático. Aínda así, esta nova situación formaba parte do novo mapa de riscos que se viña apuntando nos últimos meses e que xa se visualizara -sequera parcialmente- nos graves incendios acontecidos no ano 2017 en Portugal.

No contexto -ben coñecido- dunha prolongada desestruturación do mundo rural, a reiteración das crises incendiarias remiten a unha análise de tres aspectos fulcrais: políticas forestais que se aplican, mecanismos de prevención establecidos e características dos dispositivos de extinción postos en marcha. Nestes tres ámbitos debe ser xulgada a xestión realizada polas Administracións públicas que posúen as competencias principais nesta materia. E nesa imprescindíbel avaliación debe ser considerada unha variábel adicional moi relevante: a maior ou menor experiencia dos gobernos involucrados. Por citar un exemplo indiscutíbel: non pode ser tratado do mesmo xeito o labor desempeñado polo goberno bipartito do PSdG e do BNG na crise do ano 2006 que a que está protagonizando o executivo de Alfonso Rueda. A experiencia previa acumulada nun caso e no outro resultan incomparábeis. Dende 1990 -e co breve intervalo do goberno encabezado por Touriño e Quintana- o PP leva administrando os recursos dispoñíbeis na Xunta para combater e minimizar os efectos destrutivos dos lumes forestais. É por iso polo que a conclusión que se pode tirar do vivido nas últimas semanas non debería suscitar moitas dúbidas: estamos ante un notorio fracaso da equipa gobernamental que preside Alfonso Rueda.

Para tratar de agachar as súas responsabilidades, o PP repite o guión practicado noutras catástrofes: buscar desesperadamente os causantes das desfeitas nos adversarios políticos presentes noutras institucións ou en grupos mais ou menos identificados ("tramas terroristas organizadas", pirómanos, ecoloxistas...) co obxectivo de retirar do centro da atención informativa a notoria incompetencia demostrada polos xestores do seu partido

Para tratar de agachar as súas responsabilidades, o PP repite o guión practicado noutras catástrofes: buscar desesperadamente os causantes das desfeitas nos adversarios políticos presentes noutras institucións ou en grupos mais ou menos identificados ("tramas terroristas organizadas", pirómanos, ecoloxistas...) co obxectivo de retirar do centro da atención informativa a notoria incompetencia demostrada polos xestores do seu partido. Ante as graves deficiencias exhibidas por Rueda ou por Mañueco, Feijoo saíu ao escenario cun manual de argumentos exculpatorios certamente obsoleto. Semella que a sombra de Mazón é tan alargada que o líder do PP xa non sabe en que trincheira retórica pode atopar refuxio.

O problema para Alberto Núñez é que posúe unha ampla e reveladora hemeroteca, videoteca e fonoteca no apartado dos incendios forestais. Como líder opositor no Parlamento galego protagonizou a famosa foto publicitaria coa mangueira caseira, responsabilizou ao goberno bipartito das mortes ocorridas naquel tráxico verán de 2006 e formou parte da manifestación na que o seu partido esixiu a dimisión do conselleiro Suarez Canal. Como presidente da Xunta non foi quen de evitar crises incendiarias tan graves como a rexistrada no outono de 2017. E agora semella que pretende repetir o vello xogo practicado na política galega. Promove comparecencias de ministros e ministras no Senado (mesmo antes de que remate o mes de Agosto) mentres os presidentes das CCAA mais afectadas practican o absentismo parlamentar.

As consecuencias do cambio climático están contribuíndo a mudar significativamente a fenomenoloxía dos incendios forestais. Os gobernantes e dirixentes do PP deberían centrar aí as súas reflexións e promover novas medidas mais axeitadas no campo da prevención e tamén no da extinción. Polo que se ve, optan por sinalar os "chibos expiatorios" habituais e non teñen vontade para depurar as responsabilidades políticas que esixían no 2006. Ao cabo, o que daquela Rueda pedía en persoa na praza do Obradoiro non o vai aplicar agora no seu goberno. Un exemplo paradigmático da dupla moral que se practica en San Caetano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.