Acaban de presentar os Orzamentos para 2016 e, en materia de emprego, non houbo ningunha sorpresa: o PP continúa coa súa política de retirar os fondos do Estado que proveñen de impostos. Cando chegaron ao goberno en 2011, o Estado achegaba o 45% do orzamento do Servizo Público de Emprego Estatal, 18.329 millóns de euros. Neste orzamento redúcese esa achega a soamente o 16,4%, 4.123 millóns de euros.
Para o PP o problema do paro, o maior para a maioría dos cidadáns segundo o CIS, non merece destinar fondos dos impostos
A importancia real que se lle dá a un problema mídese pola forma de solucionalo ou palialo, cando menos. Para o PP o problema do paro, o maior para a maioría dos cidadáns segundo o CIS, non merece destinar fondos dos impostos. Que se apañen coas súas cotas!
A coartada mentireira é que diminuíu o paro. Tanto se tomamos o número de parados existentes no 2º trimestre coma se o anualizamos co catro trimestres anteriores ao segundo, o paro actual é maior que o que había. No 2º trimestre de 2011 había 4.844.221 persoas paradas; a última EPA determinou un aumento do 6,3%, 304.789 persoas máis. Se usamos os datos anualizados a diferenza duplícase.
O 12 mil millóns de euros recortados deberían servir para que ningún parado con cargas familiares carecese de prestacións; para que ningún maior de 45 anos estivese desamparado, nin ningunha persoa con discapacidade nin tampouco ningunha muller vítima da violencia machista
O goberno de Rajoy retirou o 91% dos fondos estatais destinados ás prestacións por desemprego, cando sabe que hai 3.711.680 persoas sen protección, un de cada catro persoas desempregadas. Sabe que os ingresos da Seguridade Social son menores que en 2011, polo que orza un 4,3% menos (case mil millóns menos). O que non parece saber ou parece esquecelo é que se comprometeu a non recortar prestacións.
O 12 mil millóns de euros recortados tamén poderían permitir que todas as persoas que se incorporasen a políticas de emprego puidesen manterse nelas até o seu termo porque terían un 'salario de inserción' que lles evitase deixalas por un emprego fugaz.
Os máis de 2 mil millóns de euros retirados das políticas activas deberían permitir uns servizos públicos que coñecesen cada mercado de traballo nos que se moven os parados; para reconverter profesionalmente ás persoas con ocupacións netamente excedentarias; para dar oportunidades de emprego aos parados de longa duración ou unha primeira experiencia profesional a quen acaban de adquirir unha nova profesión.
É preciso reivindicar non menos de 40 mil millóns para políticas de emprego se queremos saír da crise
Todas estas cousas que se poderían e deberían facer, con este orzamento non son posibles. É preciso reivindicar non menos de 40 mil millóns para políticas de emprego se queremos saír da crise. Fai falta ese orzamento. Se en 2011 foi posible, por que agora non?
A resposta está en que prefire os votos dos que van ver como lles vai baixar os impostos. Toda aquela persoa a quen os impostos non lle baixaron dabondo como para poder contrarrestar a perda ou o recorte de prestacións da súa parella, dos seus fillos, dos seus amigos, non debería votar este goberno. Toda aquela persoa que se atope en paro sen prestacións ou sen que sexan o suficiente para vivir dignamente, non debería votar este goberno. Toda persoa que non tolere a inxustiza ou non entenda que sexa posible que uns o estean a pasar moi mal para que outros naden na abundancia, non debería votar este goberno. Que o voten os que aprecien a rebaixa ao 45% con ingresos superiores aos 60.000 euros e non se atopen en ningunha das situacións anteriores. Este goberno recortou as políticas de emprego para poder baixarlle os impostos, que só sexan eles os que o voten.