O PP ten os días contados

No artigo publicado en Praza o 4 de agosto de 2015 e titulado “Magnetismo e transcendencia política”, argumentaba eu que detrás da miña intranscendencia política igual estaba a física magnética; e xa postos no rego do delirio, chegaba de contado á formulación da Lei do Magnetismo Inverso pl=3c-1, sendo pl=posto na lista e c=número de concelleiros obtidos, para un campo magnético definido polos valores 0 ≤ pl ≥ 8. Que o destino dun teña o respaldo dun lei física  formulada matematicamente dáche un aquel de fachenda e chularía, que non todo deus pode presumir de estar axugado á ciencia do universo interestelar. Pero, e se a explicación da miña insignificancia política fose moito mais sinxela e profana? E se eu non fora mais ca un caso de puro e malpocado agoiro?

Dise de alguén, ou de algo, que é un agoiro cando atrae a desgraza e a mala sorte. Na historia do mundo mundial hai agoiros sobranceiros. Coma o caso de Jason e Jenny Cairn, a parella inglesa que adoitaba pasar as vacacións alí onde acontecían grandes desfeitas: nos atentados terroristas do 11 de Setembro en Nova Iorque, por alí paseaban eles abrazados e mirando apampados os rañaceos; estaban en Tavistock Square, en Londres, o 7 de Xullo de 2005, facéndose unhas fotos diante da estatua de Mahatma Gandhi, cando estoupou a bomba no autobús urbano, xusto nunha das esquinas da praza; e no 2008, cando a cidade india de Mumbai sufriu o meirande atentado terrorista do país, tamén andaban de varanda por alí Jason e Jenny.

Por certo, e falando do atentado de Mumbai, tamén andaba por alí unha das gafes principais do reino de España: dona Esperanza Fuencisla Aguirre y Gil de Biedma, condesa consorte de Bornos e grande de España. A condesa, daquela presidenta da Comunidade de Madrid, estaba de visita institucional na cidade, que non de varanda coma os ingleses. Ou se cadra si, quen sabe. Pero tres anos antes, en Decembro do 2005, meteuse nun helicóptero co seu xefe, don Mariano Rajoy, na praza de touros de Móstoles, e a piques estivo de privar a España dun dos seus políticos de mais altura, e futuro presidente da Nación. Don Mariano saíu do accidente cun dedo fracturado, outro cunha escordadura e o susto da morte na cara esbrancuxada. Dona Esperanza, pola contra, impoluta coma un caravel. Porque isto é algo consubstancial coa persoa agoira: atrae a desgraza, pero sae indemne dela. O gafe americano Roy Sullivan, garda forestal, foi alcanzado por un raio sete veces na súa vida, pero rematou disparándose un tiro na boca aos 71 anos, canso de esperar por un raio que o fendera.

O meu caso non ten a envergadura da parella inglesa nin da condesa de Bornos, porque a miña vida tampouco é tan viaxada nin son grande de España nin de ningures. Pero aínda gardando as distancias, penso que igual un chisco agoiro si son. Dende finais do 2007 ata Xullo de 2010, colaborei con artigos de opinión no portal de Internet Vieiros do grande Lois Rodríguez, e dirixido daquelas por Moncho da Tablilla, co que tiña unhas contas pendentes. Custoume, é certo, pero en pouco mais de dous anos conseguín pechalo. Unha vez pechado Vieiros, puxen o ollo no Xornal de Galicia de Lucía, Noela, Sonia e Cia.,e mineino de cándidas prédicas ata que estoupou polos aires en Agosto do 2011. Como gañara en experiencia, o Xornal tombeino en cousa dun ano. Dá ou non que pensar no meu gafe?

Pero vouvos contar mais, aínda a risco de que me caian unhas vareadas, que ben merecidas as teño e bo lombo para levalas. Nas pasadas eleccións de Xuño, debatinme febrilmente entre o voto debido aos meus e as miñas ansias infindas de botar a Mariano da Moncloa, entre o voto útil e o voto inútil; ata o último momento estiven abaneando entre un e mailo outro, e chegado o día collín a papeleta dos “outros”. Non fai falla que vos lembre que os “outros” baixaron en votos, facendo así inútil o meu voto útil. E o que é peor, Rajoy subiu. Dá ou non que pensar? Agora vexo clarividente un comentario que un tal “Incidindo” fixo no meu artigo arriba mencionado: “Home Jose Luis, pois imos ter que pedirche que entres nas listas do PP para as seguintes eleccións que haxa, a ser posíbel nun posto o máis alto posíbel.” Visionario este home! E voulle facer caso, vou botalos co meu voto. O meu voto gafe.

Falando de todo un pouco, non vos parece que Praza está tardando en pechar? Teño que miralo, porque aquí algo está a fallar. Igual teño baixos os niveis de criptonita.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.