O pregón

O asunto comezou coa publicación dunha “nova” en El Correo Gallego na que se afirmaba, tendo coma fontes “testemuñas” que chamaron por teléfono á redacción, que no pregón de antroido de Compostela fixéranse comentarios ofensivos sobre o Apóstolo Santiago e a Virxe do Pilar. A partires de aí, a concatenación de sucesos acreditou que neste estado ao que temos chegado non ten fracasado somentes a LOGSE: medios patrios repetiron acríticamente a nova, as células durmintes de cristianos ofendidos espertaron para bramar a súa disconformidade coa carallada esa de por a outra meixela, e a xerarquía eclesiástica e certas organizacións políticas tiveron a ben lembrarnos a súa escala de prioridades.

Sen proba algunha, os trastornados que en redes sociais piden o garrote vil, e tamén a xentiña presumiblemente seria e formada da que se agardaría algo máis, subíronse ao carro do despropósito, até o punto que unha asociación de avogados cristiáns anunciou unha querela ao tempo que pedía por favor a ver se alguén estivo alí ou ten unha grabación (fai falla ter pouco sentidiño para anunciar unha querela sen probas).

Grazas a un pregón que prácticamente ninguén debeu oír, do que non hai unha grabación completa, e ao que á totalidade dos opinadores “profesionais” ou amateurs non puido asistir, agás que agora teñan poderes telepáticos ou poidan viaxar no espazo-tempo, montouse unha polémica na que Carlos Santiago, dramaturgo descoñecido para a inmensa maioría da poboación até ese momento, o goberno municipal de Compostela e os laicistas son tildados de cristianófobos e obxecto dunha campaña máis propia doutros tempos.

Se o que teñen publicado medios e persoas sen prudencia algunha, replicando a nova primixenia de El Correo Gallego sen contrastala, fora certo, existen mecanismos legais para actuar que non son a ameaza ou a persecución absurda que se ten desatado. A reacción normal non é chamar a unha guerra cristera, adicarse a pedir hostias sen consagrar ou cargar contra a laicidade. O normal é recurrir aos mecanismos legais que hai ao alcance de todos, agás que o que se pretenda sexa outra cousa distinta. Para iso suponse que temos un estado de Dereito. Para os linchamentos, non fai falla nin Dereito nin Estado.

Se efectivamente Carlos Santiago usou os termos que se están repetindo polos medios, a min pareceríame innecesario e gratuito. Pero aínda así, resúltanme máis preocupantes aqueles que teñen reaxido dun xeito absolutamente desaforado, porque ese pregón que casi ninguén oíu ten sacado novamente á luz ese “país de gritos iracundos” do que cantaba Krahe en “El tío Marcial”; un país ao que en troques de un fillo, un libro ou unha árbore habería que deixarlle “un borrego, una fotonovela y una flor de plástico.”

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.