O problema é o capitalismo

CC-BY-SA José Mesa

Impugnemos o capitalismo extractivo e necrófago, porque é el, e non as políticas ambientais, tan ausentes, o que nos sitúa na contradición capital-vida

Non sei se vistes o documental que fixeron sobre eles mesmos os The yes men, un grupo de artivistas que, con discreción e intelixencia, se inmiscían nos espazos de enunciación, como medios de comunicación ou congresos de corporacións, para deixar en evidencia o funcionamento voraz do capitalismo. Non o facían con confrontación, con dialéctica. Todo o contrario: mantiñan a lóxica discursiva do capital ata que chegaba ás súas propias contradicións. O que poderían ser sketches de humor absurdo eran intervencións que desenvolvían os espazos hexemónicos ata os seus propios límites. 

Esa finura dos yes men xa non é común. Parece que se instalou o pensamento excluínte e a increpación dos bulos na nosa contra. Por iso que é ben posible estar instaladxs na emerxencia climática, que non existan políticas de prevención, que existan políticas que favorecen o despoboamento do rural, que os servizos públicos estean adelgazados e precarizados, que existan multitude de carísimas subcontratacións para a extinción, que se tomen algunhas aparentemente erráticas decisións na xestión dos lumes e que, a maiores, coincidan as zonas que arden con terreos de interese mineiro e enerxético. É verdade que non arden soas. 

Se, como sabemos e como din as aclamadas estatísticas, a piromanía é unha realidade moi pouco común, a que se deben? Reducir a cuestión á resolución de conflitos sociais, como se fai dende algunha prensa de Madrid, paréceme unha mostra de etnocentrismo ilustrado. Algo máis do 50% dos incendios, segundo os datos oficiais do Ministerio para a Transición Ecolóxica, son intencionados. Podemos restar algo desa tal piromanía. Que pasa co resto da porcentaxe? Déuseme por facer unha revisión de hemeroteca: no DOG do 10 de xuño de 2024 publica a Consellería de Economía, Industria e Innovación o permiso de investigación mineira a Omega Real Estate na zona de Laza, Sarreaus e Cualedro. Tamén se lle outorga a declaración de utilidade pública ao eólico proxectado para Neboada, compatible con dereitos mineiros e aproveitamento forestal, situado en municipios d’A Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Vilamartín de Valdeorras, Quiroga e Ribas de Sil. Podedes buscar que pasou en cada unha desas localidades estas semanas.

Praza.gal falaba o día 7 deste mes de 52 parques eólicos suspendidos cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, debido ao posible impacto ambiental. Mais El País, o día 1 de Agosto, anuncia que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ampara a tramitación en Galicia de 70 parques eólicos paralizados ata o de agora, decisión celebrada pola patronal do sector, sinala o xornal. O 5 de agosto La Voz de Galicia, nunha mestura entre nova e publirreportaxe, celebra a aprobación de dous parques eólicos, o de Baro e El Greco, cunha influencia que abarcará zonas en Castro de Rei, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, A Pastoriza, Pol e Riotorto e A Caniza, Cerdedo, Cotobade, O Covelo, Fornelos de Montes, A Lama, Ponte Caldelas, Avión, Beariz, Carballeda de Avia e Melón, respectivamente. Hai que atender que o Faro de Vigo do 25 de xuño puña sobre a mesa o pulo de Transición Ecolóxica ao sector eólico ao dotar dunha prórroga xeral para os prazos de construción -por retrasos administrativos e recursos xudiciais- dos 80 parques paralizados. A cousa en Galicia complicábaselle, porque hai 171 megavatios instalados, fronte aos 6000 incorporados en España. Se imos un pouquiño máis atrás, ao 25 de Marzo, podedes atopar as noticias que recollían a decisión da Unión Europea, fronte á manida ameaza rusa, de explotar minerais coma o litio, níquel, cobre, cobalto ou wolframio, en Galicia, Extremadura ou Castilla-La Mancha. 

Desligalos de certos intereses económicos de forma taxativa tampouco me parece acertado. A Lei de montes de 2003 recoñece un suposto na recualificación do terreo: que xa existise un proxecto con avaliación favorable ou que xa fose sometido ao trámite de información pública. Isto mantense na modificación de 2015, na que segue presente a prohibición de mudar por trinta anos o uso do monte queimado coa excepción de que existan “razóns imperiosas de interese xeral”. Na Lei de montes de Galicia de 2012 sinálase que a decisión sobre o cambio de uso en terreo queimado corresponde ao Consello da Xunta. Para determinalo, faise coincidir un uso distinto xa previamente planeado e o interese xeral, derivado da “ordenación e xestión sostible do territorio”.

Neses casos, os proxectos estarían cubertos. Cando Greenpeace ou a prensa de centro-esquerda defende que de ningunha maneira o monte arde polas renovables, como lle pode interesar insistir á ultradereita, que organiza o malestar de certo sector primario, esquece que o capitalismo, aínda que sexa verde, é voraz, e que dificilmente podemos escapar do colapso, ou da aceleración dos antagonismos, cun modelo produtivo baseado no crecemento ilimitado. Haberá que falar nalgún momento, outra vez, de decrecemento.

Entón, non se trata de criticar a axenda 2030 e caer na espiral que xa sabemos onde nos leva. Impugnemos o capitalismo extractivo e necrófago, porque é el, e non as políticas ambientais, tan ausentes, o que nos sitúa na contradición capital-vida, e non a estamos empregando para forzar un cambio no modo de produción, así que nos forza el a nós ao abismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.