O congreso que este fin de semana celebra o PSdeG non transmite de saída boas vibracións. Dous bandos claramente enfrontados, nos que as teimas persoais lévanlle moitos corpos de vantaxe ás achegas políticas.
A socialdemocracia galega vive nunha época triste da súa historia, na que as diferentes sensibilidades que a compoñen, tentan mudar a cortiza que o recobre, mais non atacan ao verdadeiro problema da súa organización, situado no núcleo. O peche en falso das hostilidades tras a perda da Xunta de Galicia, fixo que o detestable comportamento de moitos compañeiros co presidente Touriño, sacara ao exterior un axioma inmutable de todos os partidos, que afirma que non sempre os mellores son os que están mellor situados.
A xestión á fronte da secretaría xeral de Pachi Vázquez é un evidente fracaso dende un punto de vista de resultados electorais, mais tamén é xusto recoñecer que tivo demasiados paus nas rodas
A xestión á fronte da secretaría xeral de Pachi Vázquez é un evidente fracaso dende un punto de vista de resultados electorais, mais tamén é xusto recoñecer que tivo demasiados paus nas rodas como para ter un percorrido minimamente despexado, cara as súas lexítimas ambicións. Pachi Vázquez, probablemente mal asesorado, iniciou unha batalla interna contra teimudos disidentes que fragmentou á súa formación, sen calcular as consecuencias das súas decisións, tendo como consecuencia que cando o dano estrutural está feito, a recomposición antóllase moi complicada …
Pola súa banda, a alternativa política de Elena Espinosa, semella apoiada por un grupo de notables do partido, cansos dunha situación volcánica interna, que non se conforman cun previsible fracaso electoral nos próximos comicios autonómicos, e están dispostos a queimar as súas naves nesta batalla.
A alternativa política de Elena Espinosa semella apoiada por un grupo de notables do partido, cansos dunha situación volcánica interna, que non se conforman cun previsible fracaso electoral
Probablemente o heterodoxo do grupo poida ser a eiva que a militancia observe neste proxecto, para o cal poñen á fronte a unha “paracaidista” de escaso percorrido na nosa terra. Aínda que quero lembrar que no seu momento tamén o foi o presidente Feijoo. Que a candidata tamén o sexa de Abel Caballero, pode ter boas consecuencias endóxenas, mais sen dúbida as terá malas esóxenas.
Partindo da base de que Pachi non é Olof Palme, nin Espinosa, Ségolène Royal, agardamos poucas achegas neste congreso, que axuden a un necesario debate para a saída da crise, e á presentación dunha alternativa crible para a sociedade galega. Porque ás veces dá a sensación que os nosos políticos esquecen, que están para ofrecer proxectos, solucións e ilusión, e non para mirar de xeito reiterado só o seu propio embigo. Apliquen esta receita a todos os partidos do abano parlamentario.
Ou non?