O proceso soberanista catalán: Unha oportunidade para a democracia

Calquera progresista ou demócrata consecuente debería gabar que un pobo se resista a desaparecer como tal e procure continuar existindo en pé de igualdade cos demais. Debería agradecer o seu exquisito civismo cando, ese pobo, propón unha consulta para que a cidadanía se pronuncie sobre un tema de tal transcendencia coma é a configuración do seu estatus xurídico e político. Debería apoiar que se faciliten os medios para que, libre e democraticamente, ese pobo teña a posibilidade de decidir sobre como considera que deben estabelecerse as relacións cos outros. Debería aplaudir que, por medio deses procedementos, se procure un modelo de convivencia sen imposicións, nen coaccións, senón libremente acordado.

Debería comprender que os habitantes dos pobos e as nacións teñen dereito a determinar o marco xurídico-político que consideren máis conveniente, que teñen dereito a autodeterminarse. Debería entender que rexeitar ou impedir a súa expresión é negar a súa existencia o que erosiona gravemente a cimentación democrática. Debería decatarse de que a democracia estará sempre eivada no caso de non se recoñecer unha realidade plurinacional ignorando, xa que logo, os dereitos correspondentes; sobre todo como cando no caso español se manifestan fasquías que, historicamente, son un lastre para o avance democrático e unha agarradeira para a involución.

Con certeza que no caso español hai algo máis que unha mera cuestión ou un simple problema. Porque describir a situación coma un problema parece querer remitir a causas alleas, independentes da vontade dos actores, cuxas solucións son difíciles precisamente porque semellan escapar á capacidade de decisión dos protagonistas. Porén o máis acaído é considerar que o realmente existente é un conflito entre partes, no que unha delas non recoñece a existencia da outra, ou nega a súa lexitimidade para desvincularse da tutela exercida sobre a mesma, que vén sendo case o mesmo. Conflito de poder, de dominación, no que o auténtico problema é negar, precisamente, a existencia do conflito.

Malia esta especie de trastorno psico-político, que induce a non querer ver a confrontación, varios son os signos que non deberían pasar inadvertidos para os demócratas españois, e non polo síntoma evidente dunha preocupante limitación cognitiva, senón por unha cuestión de saúde e hixiene democrática. Deste xeito asistimos, arestora, a mobilizacións masivas que reclaman o dereito a decidir; á consolidación, elección tras elección, dunha maioría cualificada no Parlamento catalán que defende este dereito; a unha resposta estatal que consiste na constante cercenación das competencias autonómicas; ao procesamento de Frances Homs; a unha guerra mediática contra as arelas soberanistas; ao uso indecente do aparato estatal para descualificar ao nacionalismo; á teimosía en negarse a calquera negociación e á ameaza ao recurso da coacción e da forza. Signos actuais dun conflito cuxos responsábeis están do lado dun Estado incapaz de asumir outras realidades diferentes da súa concepción nacional.

Vai sendo tempo de que os españois, que devecen pola mudanza política e social, se liberen das cordas que os atan e que nos aforcan ao resto. Ao mesmo que outros patróns de poder, que gratifican emocionalmente ao oprimido ofertándolle fantasías compensatorias de superioridade de raza, de xénero, de estatus, etc, o nacionalismo español dificulta enormemente a colaboración para a creación de novos espazos de ruptura ao pretender erixirse no marco de referencia e atribuíndose un valor engadido sobre os demais sentimentos de pertenza significativos. O afondamento democrático é impensábel co lastre desta negación a aceptar o dereito a elixir o modelo de convivencia. A ruptura deste modelo, histórica e intimamente vencellado ás posturas máis reaccionarias, supón a opción máis sincera e honesta para estabelecer auténticos vínculos de solidariedade entre os pobos e, así, poder conquistar a capacidade de decisión sobre todos os xornes da vida social e política por parte da cidadanía. Asumir o compromiso coa liberdade, coa xustiza e coa igualdade implica defender, tamén, a soberanía dos pobos e a defensa dos elementos que fan parte da súa construción histórica.

O proceso soberanista catalán devén, así, unha posibilidade, unha grande oportunidade de conquista e de mudanza, non só para o resto das nacións periféricas do Estado, senón para que se liberen forzas emancipatorias secuestradas por unha visión nacional opresora que imposibilitou e que imposibilita un exercicio radical da liberdade, da convivencia, da solidariedade... da democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.