O proxecto antisocial da extrema dereita

Cartel soviético de 1931: "A guerra revolucionaria contra o capital, o terror fascista, a fame e a guerra está medrando" Dominio Público

No último documento sobre a estratexia de seguridade nacional dos Estados Unidos fálase sen agachadas de “cultivar, no seo das nacións europeas, a resistencia á traxectoria actual de Europa” ao mesmo tempo que se manifesta a necesidade de que os denominados partidos “patrióticos” europeos conquisten as estruturas de poder político dentro dos seus Estados

No último, e recentemente publicado, documento sobre a estratexia de seguridade nacional dos Estados Unidos fálase sen agachadas de “cultivar, no seo das nacións europeas, a resistencia á traxectoria actual de Europa” ao mesmo tempo que se manifesta a necesidade de que os denominados partidos “patrióticos” europeos conquisten as estruturas de poder político dentro dos seus Estados. Esta inxerencia manifesta, e de apoio expreso á extrema dereita, é un chanzo máis na axenda oligárquica e imperialista para manter intacto o actual modelo capitalista de extracción e apropiación privada da riqueza mediante un proceso de retroceso democrático que reforce os mecanismos autoritarios de control e limite as posibilidades de alternativas de esquerda para actuar social e politicamente a prol doutro modelo. Unha estratexia que, por certo, leva tempo en marcha coa colaboración necesaria das clases dirixentes tanto desde o mundo empresarial e mediático como desde as propias institucións estatais. Non é ningunha novidade dicir é que as elites políticas e económicas da Europa está a aceptar submisamente as imposicións dos EE.UU para restabelecer un mundo unipolar, aínda que isto signifique o empeoramento das condicións sociais e económicas da súa cidadanía.

O avance electoral das forzas neofascistas supón unha aposta decidida do capital que, na Europa, faise xa ben visíbel tanto no ámbito da política interna dos Estados como na presenza que estas opcións acadaron nas últimas eleccións europeas, e que semella pasar máis desapercibido. De feito, se sumamos os escanos dos tres grupos de ultradereita no Parlamento Europeo, que son os Conservadores e Reformistas Europeos (en torno a Meloni), a Europa das Nacións Soberanas (arredor da AFD alemana) e os Patriotas por Europa (en torno a Marine Le Pen e Victor Orban), a ultradereita representa a segunda forza con 187 deputados. Mais se a estes lles sumamos outros 11 deputados ultras, non adscritos a ningún grupo, constitúen a primeira forza. Un escenario mortal para a tolerancia, a solidariedade, a xustiza, a igualdade, o medio ambiente e a liberdade e cuxos efectos cada vez son máis notorios en toda Europa.

Esta inxerencia manifesta, e de apoio expreso á extrema dereita, é un chanzo máis na axenda oligárquica e imperialista para manter intacto o actual modelo capitalista de extracción e apropiación privada da riqueza mediante un proceso de retroceso democrático que reforce os mecanismos autoritarios de control e limite as posibilidades de alternativas de esquerda para actuar social e politicamente a prol doutro modelo

Se pensamos nas consecuencias desde unha perspectiva máis focalizada nos aspectos sociais e económicos, faise doado constatar que os efectos sobre as clases populares poden ser devastadores. Cómpre, neste aspecto, ser conscientes de que, presentándose coma garante dos intereses das maiorías cidadás, o movemento neofascista combina o reaccionarismo no moral, o antidemocratismo no político e o libertarismo no económico. Unha combinación que as oligarquías económicas acollen con entusiasmo en canto lles reduce a fiscalidade, as exime de asumir mecanismos redistributivos e de protección social, as libera de regulacións, acentúa a súa posición xerárquica, incrementa o seu poder de control sobre os aparellos políticos e facilita a criminalización da contestación social. En realidade, e coma manifestaba non hai moito Éric Toussaint, cada vez resulta máis percéptibel a coincidencia entre os intereses da burguesía europea e os programas da extrema dereita, sendo evidente tamén o beneplácito do grande capital ao achegamento práctico e ideolóxico entre a dereita tradicional e a ultradereita.

A este respecto, resultan ilustrativos dous informes que teñen abordado esta cuestión. Un deles titúlase O programa económico antisocial da nova dereita europea, realizado polo xornalista Ángel Ferrero e o economista Iván Gordillo, e que foi encarregado polo ex eurodeputado Miguel Urbán no ano 2021. O outro, titulado O populismo de ultradereita e o futuro da protección social, foi realizado polo Relator Especial da ONU sobre a extrema pobreza e os dereitos humanos, Oliver De Schutter, neste 2025. Nos mesmos faise referencia aos perigos e á necesidade urxente de adoptar políticas para deter o avance desta situación. Sinálanse, así mesmo, determinadas condicións que están a posibilitar a receptividade que amplos, heteroxéneos e transversais sectores sociais prestan aos discursos neofascistas. 

Semella, con todo, que centrarse nas batallas culturais, moralizadoras e de valores, está a ser claramente insuficiente para combater o ascenso dun neofascismo cada vez máis inmune a este tipo de críticas e reproches

Entre esas razóns saliéntase a degradación económica e o deterioramento laboral e social que o modelo de acumulación capitalista, mediante a intensificación da explotación, da extracción de riqueza e da implantación de políticas de austeridade que facilitan a tranferencia de rendas cara aos ricos e poderosos, están a provocar sobre quen se denominou os perdedores da globalización. Crisis e reaxustes sucesivos que se fan recaer sobre a inmensa maioría social, incrementando as desigualdades e precarizando as condicións de traballo e de vida, de xeito que a perda de poder adquisitivo se compensa cun maior endebedamento dos fogares o que incrementa o medo, a inseguridade, a incerteza e a frustación persoal e social. Ao mesmo tempo, o desmantelamento dos sistemas de benestar e de protección social vai acompañado dun relato no que os mesmos perden a súa concepción e condición de dereitos de cidadanía para se converter en prestacións de beneficiencia que clasifican e estigmatizan aos receptores fronte a outra parte da poboación á que se considera “digna merecedora” tanto por orixe coma por logro social.

O malestar, a decepción, os temores e o fastío da xente, xunto cunha sensación de abandono e traición por parte dos Estados e da súa “clase” política, son aproveitados por unha extrema dereita que se presenta como a solución antipolítica e rexeneradora do que se percibe coma un fracaso de futuro. Un escenario no que as esquerdas tradicionais, desorientadas, desideoloxizadas e agonizantes son incapaces de ser, por si mesmas, alternativas ilusionantes e de cambio. Vemos, así, como o neofascismo medra social e electoralmente alimentando a división e o enfrontamento social entre os desposuídos e ofrecendo gratificacións simbólicas de poder, mediante a apelación a recuperar o orgullo e a dignidade perdidos, recorrendo a exaltacións racistas, machistas e enganosamente obreiristas.

Sen dúbida, a loita polos valores fai parte esencial da transformación social e debe estar sempre presente na esquerda. Semella, con todo, que centrarse nas batallas culturais, moralizadoras e de valores, está a ser claramente insuficiente para combater o ascenso dun neofascismo cada vez máis inmune a este tipo de críticas e reproches. Nun mundo no que a desigualdade medra aceleradamente, no que se intensifica a explotación e no que se creban as esperanzas de mellora, mentres a concentración de riqueza acada cotas de obscenidade, resulta necesario dirixirse abertamente contra os fundamentos económicos da orde social para desmitificar esa falsa imaxe de rebeldía e desvelar, en todos os entornos laborais e populares, a auténtica faciana de servidume que o fascismo representou e representa con respecto aos ricos e poderosos.

Cortocircuitar a deriva involucionista esixe discursos e prácticas de esquerda, sen conciliacións e sen concesións, repolitizando a política e abandonando tanta correción, tanta autocomplacencia e tanto pragmatismo ditado polas institucións financeiras

Non hai que relear medios para difundir, coma explicou De Schutter, que a axenda da extrema dereita non é axudar aos desfavorecidos senón desmantelar os mecanismos de protección social e “unha vez no poder, traballar para manter os privilexios da mesma elite económica que denuncian nos seus discursos, recortando a asistencia alimentaria, a sanidade e outros servizos que salvan vidas, afondando así a pobreza e a exclusión”. Porque esta axenda, ao gosto dos sectores máis ricos da sociedade, está nos seus programas, tanto no de Vox e do resto das formacións neofascistas europeas como no das dereitas clásicas Propoñen reformas fiscais consistentes na reducións de impostos, nalgúns casos estabelecendo un tipo único impositivo, que favorecen ás rendas altas e ás empresas, prexudican a quen ten menos ingresos e supoñen un golpe definitivo contra as axudas sociais e o feble estado de benestar. Avogan, tamén, pola austeridade e contención do gasto público, non só suprimindo actuacións contra a mudanza climática e a crise ecolóxica, senón configurando un modelo social no que o baleiro deixado polo Estado será ocupado pola iniciativa privada e as organizacións de beneficiencia e de caridade. Igualmente, a pretensión de rebaixar sen máis as cotizacións suporá favorecer ás multinacionais así como dinamitar os sistemas solidarios de prestacións e pensións en beneficio das aseguradoras privadas. Ningunha dereita, nin tradicional nin extrema, vai procurar a transformación do modelo produtivo para que estea ao servizo das necesidades sociais da poboación; o que verdadeiramente agachan son políticas en detrimento do traballo e favorabeis ao capital e os seus patriotismos son de peto e de calote envolvidos en bandeiras.

Hai que dicir alto e claro que a verdadeira ameaza á seguridade son as políticas de desprotección social dun proxecto de dominación de clase cada vez máis autoritario e tecnofeudal. Cortocircuitar a deriva involucionista esixe discursos e prácticas de esquerda, sen conciliacións e sen concesións, repolitizando a política e abandonando tanta correción, tanta autocomplacencia e tanto pragmatismo ditado polas institucións financeiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.