O PSOE, entre Édipo e Cronos

O PSOE montou o seu 38º Congreso Federal como unha armadilla contra si mesmo, e –como non podía ser doutro xeito– cobrou a peza que perseguía. As dúas alternativas que se presentaban propuñan unha ollada cara atrás: ao pasado distante do felipismo ou ao pasado recente representado por Zapatero. Dúas concepcións da política, pero antes de mais nada dous auténticos lobbies que están lonxe de responder ás demandas e preocupacións da actual base social do PSOE, polo que non pode sorprender que o PSOE saia de Sevilla sen unha proposta clara de futuro.

O congreso recén clausurado presentou, non obstante, algunhas novidades a respecto da tradición do PSOE desde que ese partido se reinventou durante a (mal)chamada Transición: pola primeira vez, o candidato favorito e con máis apoios no aparato impúxose; e, tamén pola primeira vez, houbo unha considerable división entre os baróns territoriais. Mais tamén existe un importante paralelismo co pasado, concretamente co proceso que culminou no relevo de González: como daquela, escolleuse un político veterano a quen se lle encarga facer a travesía do deserto, pero de quen non se espera que pise a Terra Prometida. Os gañadores, de habelos, son os membros da xeración que creceu baixo os auspicios de Zapatero e que agora, nun xesto tan edípico como calculado, lle negaron o apoio á súa sucesora: López, Madina ou Valenciano son algúns dos poucos nomes que saen reforzados, non polo seu apoio a Rubalcaba senón por teren propiciado a derrota de Chacón, quen en caso de vencer podería ser unha líder duradoura e non un simples rexente, como se espera de Rubalcaba (pouco fiable no papel, por ambicioso) no interregno entre o 38º Congreso e as primarias para a candidatura á Presidencia do Goberno español.

Debería ser obxecto de reflexión no PSOE o axustado do resultado, mesmo tras a desfeita política e electoral con que rematou a acción de goberno de Zapatero e unha vez reducido a cinsas o seu soño de construír un grupo mediático propio. E é que, mesmo non sendo unha candidata sen mácula, é obvio que Chacón representaba unha oportunidade, por mínima que fose, de tentar unha reaproximación aos votantes perdidos nos últimos anos e de ensaiar unha interlocución cos movementos sociais máis desencantados, incluído o 15-M; ademais de posuír unha maior credibilidade para facer oposición ao PP, da cal carecerá un Rubalcaba que, como home-forte dos últimos executivos de Zapatero, arrastra consigo a pexa da corresponsabilidade nas impopulares decisións adoptadas desde maio de 2010. Mais, mesmo que por escasa marxe, Chacón acabou saturninamente devorada polo conglomerado político-mediático-empresarial felipista, incapaz nesta altura histórica de proxectar o partido cara ao futuro mais aínda o suficientemente poderoso como para condicionar o seu devir.

Un devir que se xa era complicado no comezo do congreso, semella selo até mesmo máis unha vez clausurado, toda vez que non se deu respostas minimamente satisfactorias a ningún dos problemas cos cales o PSOE chegou a Sevilla, a saber: o desánimo da militancia tras as estrondosas derrotas electorais de maio e novembro; a falta de propostas rexeneradoras que permitan reconectar coa súa base electoral, que se contraeu en 4 millóns de votantes entre 2008 e 2011; a avaliación autocrítica da política aplicada desde o Goberno español, notadamente no bienio 2009-2011; o equilibrio no reparto duns espazos de poder que sofreron un descenso dramático en apenas uns meses; a redefinición e actualización do proxecto socialdemócrata que pretende encarnar e defender; o modelo de articulación territorial do Estado que propugnará o partido nos próximos anos, que se prevén intensos nese ámbito; e a escolla dun liderado estable e ilusionante. Se a esa falta de ideas e de iniciativa política lle engadimos que o PSOE andaluz, a quen se pretendía reforzar de cara ás eleccións autonómicas do vindeiro mes, fica fendido ao meio; e que o candidato Griñán aparece como un dos derrotados, forzoso será concluír que estamos ante un congreso fracasado e pechado en falso.

Mais como o que está mal sempre pode ir a peor, haberá que permanecer atentos aos desdobramentos que o congreso federal vai ter nas federacións autonómicas e, concretamente, no PSdeG. Pachi sae reforzado pola vitoria de Rubalcaba e polo seu asento na Executiva Federal do partido, o que acentúa o seu favoritismo de cara á cita congresual do vindeiro mes. Mais, ao mesmo tempo, Caamaño volta cargado de motivos para dar a batalla: defender un proxecto que representa a metade da militancia; ofrecer un canal para a integración dos grupos críticos coa dirección do PSdeG, que se fixeron oír con forza na elección de delegados; e delimitar un territorio de influencia que impida, mesmo en caso de derrota, a condena dos seus partidarios ao ostracismo, aspecto que cobra especial relevancia ás portas das Eleccións Galegas. E é que o PSOE conta cunha vantaxe da cal non dispón o PSdeG: mentres a lexislatura española está no comezo e non hai ningunha convocatoria electoral estatal nos dous próximos anos, porén en Galiza a conta atrás preelectoral xa foi activada e calquera escolla errada poderá ter un alto prezo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.