O que importa é o titular, das vítimas xa falaremos

Teño que confesar que antes de comezar a escribir este artigo precisei pensar moi detidamente o que ía dicir,e tamén, e dun xeito imperioso, respirar moi profundamente, nun intento de acadar unha calma que se resiste a chegar.

Son consciente da mestura de sentimentos que bulen dentro de min, e non quixera que expresalos xerase algún malentendido, pero o que non podo é calar. Os meus principios, a miña indignación, non me permiten ignorar o que ameaza con estalar dun momento a outro.

Alcorcón e Santiago de Compostela foron, nun só día, escenario do acoitelamento de dúas mulleres polas súas ex-parellas. O caso da primeira vítima pasou sen mágoa nin gloria. Uns poucos minutos e unhas escasas liñas foron toda a atención que se lle dedicou a unha muller, unha vítima mais da violencia machista mais brutal. O seu caso non daba para un titular deses que tanto chaman a atención.

A violencia de xénero e as súas vítimas por si soas xa non venden. Son algo demasiado cotián, demasiado frecuente. Nada que interese mais alá do politicamente correcto, eieso con mesura, que tampouco hai que excederse e restarlle espazo e tempo a noticias de máis interese!

O caso de Compostela, pola contra, está acaparando titulares, espazos nos informativos, nas redes sociais, pero máis que pola propia vítima, pola intervención dunha policía de paisano que casualmente pasaba pola zona e que impediu, coa súa actuación, que o suceso fose, e cito textualmente a algún medio de comunicación, "a maiores". Vese que vinte puñaladas tampouco son tantas!.

Non desviemos a atención dunha cuestión que non é menor: unha muller foi acoitelada con asañamento en pleno día, no centro dunha cidade que estaba literalmente tomada pola policía, e moi preto, ademais, da comisaría. É que iso non merece ningún comentario? Non ten importancia?

A muller agredida pasou a un segundo plano para deixarlle todo o protagonismo á policía, para a que xa se piden condecoracións e que se converteu na personaxe de moda. Que ninguén me interprete mal. Non se me escapa a importancia do seu acto, nin digo que non mereza que se destaque e mesmo que se premie. Pero que se supón que debería ter feito, xa non como policía, senón como ser humano que presencia tal atrocidade? Ignoralo, pasar de largo?

E, por outra banda, non desviemos a atención dunha cuestión na que ninguén semella reparar e que non é, no meu xuizo, menor: unha muller foi acoitelada con asañamento en pleno día, no centro dunha cidade que estaba literalmente tomada pola policía, e moi preto, ademais, da comisaría. É que iso non merece ningún comentario? Non ten importancia?.

E mentres dúas mulleres loitan por sobrevivir, cadaquén saca, unha vez mais, tallada da violencia de xénero, das súas vítimas. Algúns medios de comunicación, cos seus titulares e os seus relatos do acontecido mais ou menos tinguidos de amarelo. A Policía, parabenizando e enxalzando unha compañeira que, insisto, non digo que non o mereza, pero ignorando o fallo tan garrafal e con tan graves consecuencias dese case “blindado” despregamento de seguridade, polo que mesmo o delegado do goberno se parabeniza, dicindo que nos festexos do Apóstolo non se produciron incidentes, agás o apuñalamento dunha muller, pero que eso “non ten que ver cos festexos”.

Novamente a violencia de xénero, a súa brutalidade, se minimiza, se menospreza, en aras do sensacionalismo, do lavado de imaxe, da noticia fácil... Novamente a nós, mulleres, maltrátasenos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.