A pasada semana, o ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, presentaba o balance da execución orzamentaria para o conxunto das administracións do Estado en 2011. Os titulares ao día seguinte daban boa conta das dúas ideas fundamentais que o ministro trasladou aos medios; en primeiro lugar, o déficit xeral desviouse en 2,51 puntos sobre o previsto chegando ao 8,51% do PIB e, en segundo lugar, foron as Comunidades Autónomas as principais responsábeis desa desviación xa que sendo o obxectivo marcado do 1,30% do PIB o rexistrado ascendeu finalmente a un 2,94%.
Este que lles escrebe, que non é experto en Economía Pública polo que aborda estes temas ao xeito dun economista de palleiro, quixo indagar nos datos de execución orzamentaria presentados polo señor ministro para ver se, a maiores das ben difundidas conclusións anteriores, poderíamo atopar un chisco máis de luz na problemática fiscal española. A primeira sorpresa foi comprobar que os datos completos sobre Execución e Liquidación dos Orzamentos están aínda por publicar e que a información estatística que nos aportou o ministro se reduce as dúas diapositivas que podedes atopar neste enlace.
Efectivamente, non hai información sobre a evolución de gastos e ingresos das distintas administracións públicas senón unicamente os datos grosos do déficit e das súas desviacións. Sendo o déficit resultado da diferenza entre ingresos e gastos sería oportuno coñecer como evolucionaron estas partidas e cal foi a súa desviación respecto do previsto. Evidentemente non é o mesmo incorrer en déficit porque gastas máis do previsto que facelo porque ingresas menos do previsto. Aínda que os datos definitivos aclararannos estas cuestións (datos que segundo a web do ministerio deberían estar publicados en Febreiro) non semella difícil concluír que unha parte moi importante do déficit se debe a caída dos ingresos posto que a evolución dos mesmos atendía a unha previsión de crecemento económico do 1,3%, cando a economía española medrou en realidade un 0,7%, pouco máis da metade.
As famosas políticas de austeridade non están tendo o impacto positivo na economía que se dicía, cuestión que implicitamente xa recoñece o goberno do Estado
Claro que recoñecer o anterior significaría admitir que as famosas políticas de austeridade non están tendo o impacto positivo na economía que se dicía, cuestión que implicitamente xa recoñece o goberno do Estado cando seica lle bota un pulso á Comisión Europea co obxectivo de suavizar os obxectivos de déficit. Aclarémonos, se a austeridade é positiva non é necesario suavizar os obxectivos de déficit.
En segundo lugar, as medias verdades do señor ministro hai que enmarcalas na estratexia de fondo para desacreditar o Estado das Autonomías e recentralizar así o poder político, culpando ás comunidades autónomas do despilfarro no que seica viviu España nos últimos anos. A iso contribuíu tamén o anterior executivo quen, sen argumento sólido algún, estableceu uns obxectivos de déficit absolutamente desequilibrados entre administracións. Así, alguén tería que explicar por que os obxectivos de déficit para a Administración Central eran do 4,80% do PIB cando esta manexa o 21% do gasto público español mentres que no caso das Autonomías este obxectivo era do 1,3% cando representan o 35% do gasto público. Neste sentido, recomendamos a lectura do artigo que atoparedes neste enlace do (moi liberal) economista catalán Xavier Sala-i-Marti.
En definitiva, a espera de dados definitivos, moito nos tememos que o desvío orzamentario no Estado se debe en grande medida ás consecuencias dos propios axustes orzamentarios na demanda final e por tanto no crecemento económico. Por outra banda, seguindo a folla de ruta marcada polo novo Xacobismo, as autonomías emerxen como o “chivo expiatorio” deste grande erro que nos aboca a unha forte depresión en 2012.
Mentres, no País, o executivo Feijoo cala e outorga como bo representante do goberno en provincias. A esquerda de obediencia española está demasiado preocupada por xestionar a súa travesía no deserto e o nacionalismo que hoxe ostenta representación institucional, aposta na súa Asemblea por rachar de vez co corsé autonomista e construír a República da Galiza. Queda moito por facer.