O que nos quitaron, o que agora imaxinamos

O galeguismo é o único argumento que lle ofrece identidade e conciencia de si á sociedade galega, todo o demás é ideoloxía alienante, ideoloxía para manter a un país alleado de si e submetido. Por iso é imprescindíbel que o galeguismo teña vezo para seguir vivo e actuante, por iso ten que ser quen a revisarse por ofrecerlle á sociedade os mellores modelos de si propia. Porén, o galeguismo nútrese do pasado e o noso pasado foi tan traumático que só lle estamos a ofrecer ao noso país a memoria do fracaso. Como non podemos cambiar o pasado témolo que asumir mais temos que tirar del leccións de esperanza.

Como non podemos cambiar o pasado témolo que asumir mais temos que tirar del leccións de esperanza

A memoria do galeguismo é un martirioloxio de heroes e heroínas resistentes, esa é a nosa xente, esa é a mellor xente de nós, mais debemos esforzarnos e concebir tamén o que teriamos sido de non ser derrotados unha volta e unha outra volta. Debemos ser capaces a debuxar a Galiza que podía ter sido, a Galiza que non foi derrotada en 1846 senón que se proclamou República independente dirixida por Faraldo e a flor dunha xeración, a Galiza republicana das Irmandades dirixidos polos irmáns Villar Ponte, a Galiza republicana de Bóveda, Castelao...

Lembramos a Ánxel Casal, lembrámolo como mártir, a súa morte segue a brillar e segue a ser unha luz que nos guía. Deberamos imaxinalo agora como tería sido, quen tería sido se o golpe de estado dos militares nacionalistas non tivese triunfado, se el propio non tivese diso asasinado.

A nación galega é posíbel, se a imaxinamos. A imaxinala, pois.

Podo imaxinar que quizais a súa dona tivese algún fillo dos dous, non puido ser mais concedámoslle unha vida que non tivo por diante e concedámoslle descendia. Quen nolo impide. Ese Casal imaxinado podería ter tido mesmo netos e netas que se encontrasen entre nós, non serían mellores ou peores que calquera de nós, mais terían existido esas persoas, eses cidadáns. Imaxínoo como un editor que pouco e pouco foi prosperando, conforme medraba e se desenvolvía a literatura en lingua galega e crecía o público lector o seu negocio fora prosperando. Podo imaxinar que a súa humildísima empresa editora puido aglutinar esforzos profesionais e empresariais e levantar un xornal de inequívoca orientación republicana, galeguista e progresista. Imaxino a un Casal empresario próspero da comunicación que axuda a imaxinar un país. E podo imaxinar que, a que se aprobou o estatuto de autonomía e entrou en vigor, que foi un dos ministros no primeiro Goberno galego. Imaxino agora que tras un primeiro goberno no que formaron algúns intelectuais e artistas movidos polas necesidades do momento, como Castelao, veu un segundo goberno galeguista e progresista tamén no que Casal e outros elementos con formación económica foron abrindo as vías para un país viábel, unha agricultura máis planificada e coa comercialización organizada, unha pesca que estaba a abrollar en Vigo de xeito moderno, entidades financeiras coruñesas que se integraba no financiamento das novas empresas agropecuarias e industriais de todo o país, unha cultura na nosa lingua completamente acorde co seu tempo que se instalaba no centro da nación e unha política de difusión desa cultura que era a carta de apresentación da nación galega na Europa onde Plácido Castro xa nos anunciara uns anos antes no Congreso das Nacionalidades da Sociedade de Nacións...

Esa biografía, esa vida, ou unha outra de Ánxel Casal era posíbel. Todo iso era posíbel. Esa ou outra Galiza era posíbel. A nación galega é posíbel, se a imaxinamos. A imaxinala, pois.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.