O que o PSdeG se xoga nas Pontes

Casa do Concello das Pontes CC-BY-SA Pdiazd

As Pontes converteuse nun dos grandes bastións dos socialistas, levando catro mandatos coa alcaldía. Este feito valeulle a Formoso para acadar a Deputación da Coruña primeiro e a Secretaría Xeral do PSdeG despois. Agora, As Pontes podería costarlle ou limitalo nalgúns deses postos. Un mal resultado nos comicios do 28 de maio farían que, de conservaren os socialistas a Deputación, algún alcalde da provincia reclamase para si a presidencia desta institución.

Logo de moitos rumores coa súa posible candidatura á Xunta, a aparición de Besteiro e unhas enquisas que non remataban de despegar colocárono de novo no lugar de saída: As Pontes. Pese ás súas aspiracións e ter asumido no seu día unha posición nada cómoda para unir un espazo partido tralas disputas co Gonzalismo, a súa nova tarefa sería optar á alcaldía da súa vila. Os mesmos compañeiros de partido que o auparon á secretaría xeral, colocárono de novo onde corresponde: a alcaldía.

Cónstame que os socialistas ponteses elaboraron unha enquisa interna arredor do mes de xaneiro. Nela preguntábase sobre a valoración das posibles candidaturas á alcaldía, nun momento no que tanto PP e BNG se atopaban descabezados. Coa baixada das actas na corporación polo descenso poboacional, de 17 a 13, desde o sector socialista falábase de acadar unha súper maioría de 10 concelleiros, repartíndose os tres asentos restantes entre a oposición. Porén, todo isto foi moito antes de que comezase a campaña electoral.

BNG e PP optaron esta vez por unha renovación das listas visible xa no seu encabezamento con dúas mulleres, Carmela Franco e María Dopico. É certo que o PP adoita ser residual nesta vila de ascendencia obreira sindical, pero o BNG era rei e señor ata que Formoso chegou á alcaldía por un puño de votos. De feito, eses poucos votos transformáronse nas seguintes citas electorais en maiorías absolutas e no ascenso do socialista aos seus múltiples postos.

Que está pasando desapercibido a nivel xeral da campaña que nos pode sorprender o día 28? Pois basicamente pode resumirse en que o BNG meteu este venres máis de 300 persoas no cine Alovi, un espazo electoral que só o PSOE era quen de encher coas grandes estrelas da política galega e española. "Nin nos mellores tempos" era a frase que se oía ao rematar o acto dos máis veteranos asistentes. O venres o Alovi foi un espazo de reencontro, da militancia, dos simpatizantes e tamén da propia veciñanza. Nunha cita na que de estrelas convidadas só estivo o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e da casa catro mozos e mozas menores de 35 anos explicando o programa electoral.

Que está a facer o PSOE para contrarrestar isto? Pois basicamente, nada. Formoso rara vez pisa As Pontes, tónica habitual dos seus últimos dous mandatos, aínda que nas entrevistas e reportaxes que lle fan na prensa presume de ser unha estrela do rock entre a veciñanza. Porén, aparentemente o interese polas eleccións municipais do agora alcalde é mínimo, tomando como mostra que o día que iniciou a campaña pegou carteis en Santiago con Bugallo, deixando tirada ao resto da militancia que si se achegou á pegada dos carteis coa cara do candidato.

Outra mostra do desleixo de Formoso coa campaña ten que ver coa atención aos medios públicos ponteses. A televisión local ía emitir unha entrevista con cada persoa candidata. Formoso, candidato á alcaldía das Pontes, alegou problemas de axenda para non asistir a unha entrevista en período electoral coa televisión das Pontes. Así, provocou que non se vaia emitir ningunha entrevista feita polos profesionais da radiotelevisión pública das Pontes por temor ao que poida dicir a Xunta Electoral de Zona (XEZ) no caso de emitirse a entrevista xa realizada á candidata dos populares e a que estaba pendente de facer pola candidata do Bloque.

Non obstante, o que si dixo a XEZ este mesmo venres é que as cartas que o candidato socialista estaba a enviar a cada casa en período electoral asinadas como "alcalde das Pontes" vulneran o artigo 50 da LOREG e acorda por unanimidade que Formoso cese esa actividade de xeito inmediato. Por outra parte, reunións ás que non adoitaba asistir ou se o facía, só a última hora, froito dunha apretada axenda que xa lle está a costar reproches dos seus propios compañeiros da sede de O Pino.

Lonxe de comentar baixas sensibles na candidatura socialista pontesa e fichaxes de moi baixo perfil, o que está claro é que Valentín, o alcalde, deixou de selo para ser Formoso, o candidato a todo do PSdeG. De feito ata parece que deixara de ser un veciño máis, neses aires de super estrela que se trae. Veremos como lle afecta o día 28 de maio, aínda que tendo todo tan ben atado, difíciles son as sorpresas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.