O que se desenchufa non é Galicia: é o modelo do PP

Planta de subministro de hidróxeno en Colonia (Alemaña) CC-BY DLR

A planificación eléctrica 2025-2030 proposta polo Goberno de España marca un punto de inflexión para Galicia. Por primeira vez en anos, temos unha folla de ruta que permite desenvolver industria real, atraer investimento e acelerar a transición enerxética nas comarcas máis afectadas polo peche das centrais de carbón

A nova planificación eléctrica 2025-2030 proposta polo Goberno de España marca un punto de inflexión para Galicia. Por primeira vez en anos, temos unha folla de ruta que permite desenvolver industria real, atraer investimento e acelerar a transición enerxética nas comarcas máis afectadas polo peche das centrais de carbón. Non é retórica: son proxectos concretos ligados á automoción, ao hidróxeno renovable, ao naval sostible ou aos materiais estratéxicos da nova economía verde. Galicia pode mobilizar máis de 6.000 millóns de euros se sabe aproveitar esta oportunidade.

Mentres tanto, o Goberno galego segue atrapado na propaganda. A maioría dos proxectos que declarou “estratéxicos” están paralizados, sen avaliación ambiental ou sen avances. Moitos xa tiñan financiamento do Estado ou dos fondos europeos cando a Xunta lles puxo o selo. 

Rueda segue amarrado ao seu proxecto estrela esgotado: Altri. Un modelo do pasado, medioambientalmente cuestionado e socialmente rexeitado

Por iso o contraste é tan evidente: Galicia xa recibiu máis de 4.000 millóns do Plan de Recuperación e conta con proxectos como o hidróxeno de As Pontes e Meirama, o val de hidróxeno da Coruña, a fábrica autosuficiente de Norvento ou o novo centro europeo de intelixencia artificial.

E fronte a este impulso, Rueda segue amarrado ao seu proxecto estrela esgotado: Altri. Un modelo do pasado, medioambientalmente cuestionado e socialmente rexeitado. A nova planificación eléctrica estatal foi clara: non existe ningunha infraestrutura prevista para alimentar Altri. O que queda fóra do mapa non é Galicia nin Lugo. É Altri.

As socialistas galegas defendemos unha folla de ruta clara: innovación, renovables, industria verde e conexión con Europa. O señor Rueda debe decidir se quere seguir facendo seguidismo de Feijóo ou se está disposto, dunha vez, a poñer Galicia no mapa da Europa verde

O pulso da enerxía xa non latexa en Santiago, senón en Bruxelas. Este mes, José Ramón Gómez Besteiro mantivo reunións con responsables europeos para situar a Galicia na mesa onde se define a nova industria verde: renovables, eólica, seguridade enerxética e innovación. No mesmo momento en que a Comisión presenta unha visión máis ambiciosa para acelerar a transición ecolóxica, Feijóo decidiu afastarse votando contra o Pacto Verde Europeo e o PP galego respondeu co guión de sempre: freo, queixa e ausencia de proposta. Europa acelera e Galicia non pode permitirse un Goberno que pisa o freo.

A pregunta é simple: queremos estar coas rexións que avanzan ou quedar ancorados nun modelo que Europa xa abandonou? Galicia non pode perder esta oportunidade histórica para modernizar a industria, atraer investimento e garantir emprego de calidade. A planificación eléctrica é o punto de partida, non a meta.

Por iso, as socialistas galegas defendemos unha folla de ruta clara: innovación, renovables, industria verde e conexión con Europa. O señor Rueda debe decidir se quere seguir facendo seguidismo de Feijóo ou se está disposto, dunha vez, a poñer Galicia no mapa da Europa verde. Porque o tempo da propaganda rematou. Agora conta quen actúa e quen se queda desenchufado da realidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.