O recunque do presidente Tabaré Vázquez

Na esquina do Rover os rapaces da barra están a despedir o verán ao mesmo que reciben, moi ilusionados, a volta á presidencia de Tabaré Vázquez Rosas. Agardan que no vindeiro quinquenio prenda ben a semente artiguista por medio dun axeitado rego co ideario frenteamplista.

“En Montevideo hemos tenido siempre tantos gallegos que cuando ahora vamos a Galicia nos parece estar entre montevideanos”
Mario Benedetti

FLACO: Pois ben, meus amigos, haberá que irse preparando para apontoar a Tabaré no seu segundo mandato. Creo que todos no Frente Amplio imos botar de menos o inconfundible estilo do vello petrucio José Mujica. Estamos moi agradecidos ao Pepe que puxo ao Uruguai no altar da comunicación internacional. Coido non trabucarme se afirmo que desde o triunfo de Maracaná non se falou –tanto e tan ben-- do noso “país verde y herido”, ao dicir do inesquecible Benedetti. Agora con Tabaré temos que irnos acostumando á discreción, o cal non significa que veña unha etapa aborrecida no que se refire á comunicación. É evidente que o doutor xogou nunha cancha moi diferente a do Pepe e iso, márcate.

POCHO: Paréceme que estades a falar do Pepe en pasado. Aínda non morreu, ollo! Está no Rincón do Cerro e ben rufo aínda. Confésovos que soltei unhas bágoas o domingo na despedida na praza Independencia. Chorei de alegría. Somos moi afortunados por ter ao Mestre Mujica. Eu véxoo así pero algúns nabos resentidos insisten en queitarlle todo merecemento a enorme publicidade que o Uruguai recibe en todo o mundo. Non hai cartos para pagar o que fixo o Pepe polo país ao predicar co seu exemplo.

TANO: Aínda que haxa algún que outro tarouco que negue o evidente; o Pepe está aló enriba no máis alto do ranking patriótico da Banda Oriental. É inaudito que que un presidente deixe cartos do seu peto para a formación profesional en agricultura. O Pepe quere os mozos e mozas aprendan todo o relacionado co cultivo. Outros levaron! Algúns ex presidentes comezaron a roubar hai 50 anos –Xurxiño-- ou hai pouco co “azucre” do banco baleirado –Luisiño-- pero deixar case medio millón de dólares para a dotación dun centro de ensino non é habitual. Cada día que pasa engrándecese máis a súa figura pero non semella que teña moitos imitadores.

DON JOSÉ: Coincido en que somos afortunados por poder vivir ao compás das éticas ensinanzas de Mujica. É un orgullo para o Uruguai. A súa forma de ser levouno a estar presente na prensa internacional e a súa filosofía de vida recolle os aplausos de medio mundo. Sin gastar un peso en publicidade estamos na boca de milleiros de cidadáns que desexan coñecer o país de Mujica. Non entendo aos que poñen os seus intereses por diante cando o que corresponde é poñelos detrás, no fondo. O primeiro é a imaxe do país e despois o partido político que votemos. Poida estea fóra de onda e quizais o máis cool sexa subirse ao carro da indefinición coma se a actual mellora do país viñese dunha gran nube blancolorada con forma de billeteira que sementa dólares nos petos de aquele que eleven as súas pregarias ao sol.

FLACO: Tabaré é persoa moderada. É un baqueano que sabe escoitar. Pensen nos anos que leva atendendo pacientes atacados por fodidos cancros. Agora é un presidente feliz porque pode axudar a mellorar a saúde física e espiritual de millóns de cidadáns. Volve á pegada para cumprir co mandato artiguista de que “los más infelices sean los más privilegiados”. Creo que sin ser feliz non se pode lograr a erradicación definitiva da pobreza no Uruguai. Quero dicir que os presidentes amargados non irradian boa onda. Se miramos para as expresións faciais de Xurxiño, Luisiño e Xuliño; é para poñerse a chorar. Na súa faciana levan o inequívoco selo da traizón aos ideais que o grande Artigas deixou en herdanza.

POCHO: Ben, paréceme que estades poñendo moitas flores no camiño. Penso que os blancolorados irán metendo espiñas no roteiro e paus nas rodas para que o noso bo tropeiro don Tabaré non chegue aos Corrales de Algorta -unha mención especial en recordo de don Osiris- coa misión cumprida. Tratarán de impedir, por medio da prensa coimera, de que se instale definitivamente na conciencia cidadá a receita dunha diaria dose frenteamplista de solidariedade. Seguirán repetindo as boludeces de que os ladróns rouban porque o Frente os axuda con subvencións para preguiceiros.

TANO: Non dixen que o goberno do Taba será unha papita rica pero é evidente que hai poucos espazos para entrarlle. O Pepe daba máis cancha porque xogaba sen porteiro e sen defensa. Era el contra todos. Tabaré será criticado por ser frenteamplista pero deixarán a marxe a súa meritoria traxectoria de médico oncólogo. Ao Pepe dábanlle forte polo seu pasado que dicían o inhabilitaba para falar de democracia. Sen embargo, son da opinión de que a prensa coimera vaino botar en falta, xa que era unha fonte inesgotable de titulares. Era senador pero que chegase á presidencia deixounos noqueados. Por outra banda, coido que aos blancolorados pódeos beneficiar o recunque de Tabaré. Así poderán centrar as súas críticas nas accións do goberno en lugar de falar das acelgas da famosa chacra do Rincón do Cerro.

DON JOSÉ: Agardo non ter que ir para o cemiterio antes de que Tabaré cumpra o seu mandato. Temos por diante un fermoso período de certezas e de emocións. Non quero perder a inauguración do estadio carbonero e gritar o máis forte que poida os goles do xigante Peñarol. Desexo que no aeroporto de Carrasco poñan unha estatua en bronce de don Obdulio. Espero que se aprobe a lei que regulamente o dereito ao voto dos cidadáns residentes no exterior. Eu digo que un presidente neto de Galicia terá unha especial sensibilidade para promover unha norma xurídica que equiparará en dereitos a todos os cidadáns uruguaios, vivan acó ou na beira da fronte. O presidente Vázquez ten raíces en Ourense, na parroquia da Purísisma Concepción de Vilar de Astrés –alí naceu o seu avó Xosé que tiña un almacén na Tella en 1940-- así que entende perfectamente que os emigrantes non deben ser castigados por ir buscar o pan lonxe da súa aldea. Tamén empurrarei para que nomee a Cristina Fernández Fernández como embaixadora en Madrid. Xa lles teño falado da miña amiga. Lembrarán que lles comentei que é neta de don Rosendo, un zapateiro que se acompañaba no seu labor con cancións da súa Pastoriza natal. Asegúrovos que con Cristina na embaixada aumentará notablemente o coñecemento dos españois sobre Juana de Ibarbourou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.