O reducionismo de Idomeni

Hai un pouco máis de 5 anos que se falaba do triunfalismo das primaveras árabes, procesos abertos de levantamento popular que se estendeu cun efecto contaxio ao redor do que chamaríamos “países árabes”. Momentos de cambio e apertura ante o descoñecido aos que se lles bautizou como revolucións democráticas, a pesar de ser un proceso aberto e inconcluso. Xúbilo e ledicia que curiosamente foi o punto de partida da maior crise no referido ao desprazamento de persoas dende a II Guerra Mundial.

Entre estes levantamentos, o sirio; entre todas as respostas, un goberno moi pouco disposto a deixar que o proceso se completase.

Do desorden e da apertura de oportunidades, xurde unha amalgama de grupos armados, confusión diplomática e colapso internacional sobre se actuar, ou non, nunha das zonas estratéxicas máis importantes do planeta.

E este foi o primeiro de moitos momentos no que nin se frea nin se actúa, e a pesar da previsión dalgunhas ONGD, aínda non era o momento mediático de pedir axuda.

Persoas desprazadas, refuxiadas e afogadas, foron chegando (e non) nestes últimos anos aos países limítrofes con Siria e a varios países europeos, destino último dunha porcentaxe ínfima das afectadas pola crise e o conflito.

E chegou o punto de inflexión, que non foi a guerra civil, nin as atrocidades en Siria, nin o desprazamento de milleiros e milleiros de persoas: foi un neno. Un neno que foi noticia por saír nunha fotografía que deu a volta ao mundo. Simbolismo, ou non, provocou un cambio na actitude de países como Alemaña, difundido o seu compromiso coa axuda. Gobernos repartindo cotas de persoas para darlle refuxio. Na letra pequena desta promesa había unha trampa sutil: se son quen de superar o camiño. Para darlle máis emoción, aos poucos días  péchanse as fronteiras e fírmanse os absurdos (e ilegais) acordos UE-Turquía.

E todo isto é fundamental para entender o presente e para decidir sobre o futuro.

A atención de occidente está en Idomeni, que podería acabar sendo un símbolo, pero polo de pronto é unha concreción perigosa que desenfoca contextualmente unha situación global de caos e desorde.

Hai que estar moi preparado animicamente para non verse afectado. Para ver diariamente nos medios imaxes de desesperación e condicións insalubres e non erguerse contra a inxustiza. Hai que estar moi curado de espanto para non comprometerse cunha realidade que pasará á historia como a gran mirada de Europa cara a outro lado.

Na xestión dun conflito complexo como é o sirio, cunha situación acumulada de 5 anos de parcheo, hai que manexar moita experiencia para saír adiante. E non só experiencia no bo, sobre todo, experiencia de erros aprendidos. E disto as ONGD sabemos bastante porque levamos moitos anos traballando en contextos de emerxencia e crises humanitarias coma a que se está a vivir agora ás portas de Europa. De situacións insostibles que se estenden no tempo polo colapso político, da ineficiencia na xestión adicando máis cartos á loxística que a material útil, complicando a organización en terreo de persoal que ten dificultades abondo.

Aínda así, seguimos caendo nun asistencialismo que parecía morto e que reaparece como líder de solucións, metendo o que nos sobra en caixas, confiando en asociacións sen aval e dando por feito que non hai ninguén ao volante. Habelo, hai, pero a situación estendese máis alá de Idomeni e o traballo, polo tanto tamén.

A estratexia actual en conflitos é froito da autocrítica, da identificación clara de erros e de darse conta de que hai accións levan a nada ou a peor que nada. A prioridade da eficacia da axuda pasa pola súa eficacia e coordinación, por contar con persoal preparado e experimentado do que se poida asegurar a súa seguridade; de non incorrer en custes adicionais, ambientais ou financeiros; de non focalizarse só en produtos básicos; e de complicar o mínimo a xestión en terreo. A axuda humanitaria é unha resposta comprometida e estable coas necesidades dos seus beneficiarios, non un desembolso puntual do que xa non nos é útil.

Pero centrémonos porque outra vez enredamos na trampa, vaia. ONGD e cidadanía voltamos outra volta a esta autoconsideración de que temos que salvar a situación, pola ausencia de previsión, ausencia de estratexia, de responsabilidade, de coordinación e ausencia, en definitiva, de humanidade dos verdadeiros responsables.

Abran as fronteiras, deixen de inventar normas, respecten o dereito internacional e basta xa de xogar a poderosos e oprimidos. O gran favor que podemos facer a ese “número” de persoas desprazadas é presionar aos gobernos ata que entendan que isto si importa, importa máis alá de Idomeni, máis alá de Siria. Máis alá de hoxe. Pasemos á historia como a cidadanía europea que esixiu responsabilidades polas súas malas decisións. E deixemos xa de meter a culpabilidade nunha caixa con aquilo que nos sobra.

Calma, sosego, coordinación, coherencia e apoio. E que a única ausencia que vivamos sexa a de barreiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.