O Rei, a Constitución e a investidura

Feijóo saúda a Felipe VI en presenza de Pedro Sánchez antes da Conferencia de Presidentes CC-BY-SA Xunta de Galicia

1. Quen gaña as eleccións?

Pois está bastante claro: gaña as eleccións quen pode formar goberno. Non se trata de quedar primeiro ou segundo, senón de ter apoios parlamentarios, maioría parlamentaria.

Resulta ridículo pretender que por ter máis votos ou máis deputados electos unha candidatura deba gobernar, pois, precisamente, non pode gobernar se non ten unha maioría parlamentaria que apoie a acción de goberno; ou, noutras palabras, unha maioría parlamentaria que permita aprobar os proxectos de lei que presente o goberno. De non ter tal maioría o goberno entón non sería o seu goberno, senón que gobernaría segundo as disposicións legais da maioría realmente existente.

Agora ben, é comprensíbel que un partido pretenda que o seu líder sexa investido como presidente do goberno, aínda carecendo dos apoios necesarios no Congreso; a fin de contas, aínda que non poida gobernar, si pode distribuír emprego entre os seus afiliados, dado que, en todo caso, é unha relevante oficina de emprego. E por iso quere ser investido Presidente, pero minte cando di que o quere para gobernar; sabe de sobra que iso é imposíbel.

 

2. A proposta de investidura

Xa é ben sabido que é función do Rei facer a proposta de investidura ao Parlamento, por medio do presidente do Congreso, tras entrevistarse con “os representantes designados polos Grupos políticos con representación parlamentaria” (artigo 99 da Constitución). Como o Rei sabe sumar, tras esas entrevistas sabe quen dispón de maioría parlamentaria para ser elixido; e, polo tanto, propoñerá a ese candidato. Sería absurdo facer unha proposta condenada ao fracaso, que non vaia recibir os votos necesarios.

Isto é, como é o Parlamento quen elixe ao Presidente do goberno, e non o Rei (que só elixe ao candidato, que se someterá á decisión parlamentaria), este non se vai arriscar a facer ridículo propoñendo a alguén que el sabe que non vai ser elixido.

 

3. A decisión real

Como diciamos, a decisión que debe tomar o Rei será, exclusivamente, a de propoñer a un candidato, sobre o que decidirá o Parlamento. Pero sabemos tamén que todos os actos (a decisión é un acto) reais deberán estar referendados, “carecendo de validez sen dito referendo” (artigo 56.3).

E que significa referendar? Segundo o dicionario Xerais da lingua galega, “legalizar mediante a sinatura dunha persoa autorizada”. Segundo o dicionario da Real Academia da Lingua Española, “autorizar un despacho ou outro documento por medio da sinatura da persoa hábil para iso”. E no Dicionario Xurídico da editorial Aranzadi, dísenos que “en virtude del (do referendo) os actos de Estado nos que intervén o Rei adquiren validez (mediante a contrasinatura que acompaña á sinatura rexia)”.

E isto, a esixencia de tal referendo, é o que xustifica que “non está suxeito a responsabilidade (artigo 56.3), pois ninguén pode ser responsábel dunha decisión que non está tomada libremente. Os responsábeis das decisións do Rei son, xustamente, as persoas que as referenden (artigo 64.2). 

 

4. Responsábeis das decisións reais

“Os actos do Rei serán referendados polo Presidente do Goberno e, no seu caso, polos ministros competentes” (artigo 64.1). 

Mais, acontece que a decisión real sobre a candidatura que someter a Parlamento ten que darse, precisamente, antes de que haxa Goberno, antes de que haxa Presidente do Goberno e antes de que haxa tamén Ministros. Será esa, por tanto, unha decisión que non precisa de referendo para que se torne legal? isto é, será esa unha decisión realmente libre do Rei? E se é libre, se non hai quen a referende, entón non hai ninguén que sexa responsábel da mesma? Será o Rei responsábel desa decisión?

Pois ben, se alguén se está a facer estas últimas preguntas, hai que dicer que non leu a Constitución, que é clara a este respecto, dicindo no artigo 64.1, “a proposta e o nomeamento do Presidente do Goberno, e a disolución prevista no artigo 99 serán referendados polo Presidente do Congreso”. No que volve insistir no artigo 99 citado, que di, para o que estamos a referirnos, que “se transcorrido o prazo de dous meses, a partires da primeira votación de investidura, ningún candidato obtivese a confianza do Congreso, o Rei disolverá as dúas Cámaras e convocará novas eleccións, co referendo do Presidente do Congreso”.

Adóitase moito citar o artigo 99 sobre a proposta do Rei, pero soe esquecerse que esa decisión Real, como todos os actos do Rei, como todas as decisións Reais, ten que estar referendada. Así que non é só que sería absurdo propoñer a un candidato que a el lle puidese “gustar máis politicamente”, se logo resulta que no ten apoios parlamentarios; é que, ademais, el non pode facer o que queira, senón que, é unha esixencia constitucional, ten que estar referendada tal proposta polo presidente do Congreso.

 

5. Non hai decisións libres do Rei?

Xa dixemos que o artigo 56.3 afirma que o Rei “non está suxeito a responsabilidade”. E continúa coa afirmación de que “os seus actos estará sempre referendados”. A conexión entre esas dúas afirmacións realízase no artigo 64.3, cando di que “dos actos do Rei serán responsábeis as persoas que os referenden”. Así pois, como xa dixemos, a esixencia de tal referendo restrinxe a liberdade real e, con ela, obviamente, a responsabilidade

Agora ben, podemos facernos a pregunta de se non hai ningunha decisión real sen referendo (como se decide tatuarse, ou comprarse tal coche ou tal camisa, ou ir de vacacións a tal sitio, ou xogar un partido de tenis con x, ou defraudar á Facenda, ou ...). Isto é, non hai decisións que non son institucionais, senón persoais e que as toma o Rei, ou, mellor dito, a persoa que é Rei, pero que, xustamente pola súa ausencia de carácter institucional non son decisións Reais, e, polo tanto, non precisen de referendo? Nese caso non serían decisións libres e, polo mesmo, decisións das que sería responsábel? 

Responder negativamente a esas últimas preguntas e pretender que sempre o Rei é inviolábel e i-rresponsábel non sería ter unha concepción medieval da monarquía? Non contradiría iso o artigo 14, que di que “os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.