O sector dos coidados precisa cambios urxentes

© DomusVi

De portas para dentro, case todo segue igual: os cadros de persoal son deficitarios e sen recambio inmediato —e necesario— ante as baixas por enfermidade. O persoal está extenuado polo sobreesforzo

Lamentablemente, medran arreo as cifras de casos positivos entre persoas usuarias e persoal traballador das residencias de maiores de Galicia. Por iso, malia a axuda que supón a vacinación, a situación nos centros non cambia substancialmente.

A loita para dobregar o virus é diaria. Con todo, cada vez son máis as residencias afectadas e, conforme pasan os días, esa loita vólvese encarnizada e, por veces, desalentadora. Toca redobrar esforzos ata alcanzarmos un obxectivo común: volver, canto antes, a unha nova normalidade.

Traballamos doutro xeito, con especial coidado, con maior seguridade e de forma preventiva. Vixiamos con escrúpulo os procedementos de traballo e, sobre todo, actuamos con responsabilidade durante e despois da nosa xornada laboral.

Os empresarios cren posible reforzar os cadros de persoal só ofertando contratos eventuais ou mesmo prolongando os existentes. Imos polo segundo ano con conxelación salarial e sen avances na negociación colectiva

Moito se escribiu do modelo residencial, da coordinación sociosanitaria, de equipos de protección, de medidas preventivas. Porén, de portas para dentro, case todo segue igual: os cadros de persoal son deficitarios e sen recambio inmediato —e necesario— ante as baixas por enfermidade. O persoal está extenuado polo sobreesforzo.

Os empresarios cren posible reforzar os cadros de persoal só ofertando contratos eventuais ou mesmo prolongando os existentes. Non discorren, porén, que cunhas mellores condicións laborais aumentaría a resposta ás ofertas.

Cómpre lembrar que imos polo segundo ano con conxelación salarial e sen avances na negociación colectiva, cun convenio que leva denunciado desde hai un ano. A proposta empresarial segue chantada na realidade precovid, no binomio «mellora de resultados económicos-melloras para o sector», pero non para os seus traballadores e traballadoras.

O coronavirus oculta os nosos problemas e parece afogar as nosas reivindicacións. Pero é agora, precisamente, cando máis urxen os cambios no sector dos coidados

Pola contra, os sindicatos puxemos enriba da mesa cambios significativos, entre outros: redución da xornada laboral en cómputo anual, para equiparala á das residencias públicas; aumento dos tempos de descanso; suba retributiva para todas as categorías —non só as sanitarias—; compensacións por incapacidade temporal e avances nas políticas de conciliación que eviten que o sector siga ancorado na precariedade e na falta de recoñecemento.

En definitiva, melloras que farán atractivo traballar neste ámbito —de crecente importancia— e que evitarán a fuxida de profesionais cara a outros lugares con condicións laborais superiores.

Nestes momentos, o coronavirus oculta os nosos problemas e parece afogar as nosas reivindicacións. Pero é agora, precisamente, cando máis urxen os cambios no sector dos coidados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.