As mellores mazás son as do verán, esas que un apaña do chan e se apresura a saborear antes de que un ávido paxaro o faga no seu lugar. Por que negalo, son imperfectas, soen ter formas raras e algunhas incluso poden sorprendernos agochando no seu interior un verme ou o resto do seu paso, pero a pesar disto paga a pena agardar todo o ano para gozar desta froita. Algo similar ocorre cos tomates, os realmente deliciosos son os que se recollen na época estival, eses que se obteñen logo de recibir un minucioso coidado durante meses. Ó igual que as mazás, os tomates de calidade tamén teñen as súas rarezas. Soen ter formas asimétricas, diferentes cores e tamaños, pero todos comparten algo que os identifica de inmediato: un magnífico sabor e un aroma que abre o apetito.
Quizais por este motivo, por estar mal acostumados, un bota en falla este manxar cando chega o inverno e ten que conformarse cos tomates do supermercado, que distan moito de parecerse ós auténticos. A diferencia dos anteriores, os tomates que mercamos durante o inverno acostuman ter cores homoxéneas e formas simétricas. Ademais, o esmero co que adoitan ser colocados nos andeis do supermercado dálles un aire elegante, coma se dun bodegón pintado polo propio Zurbarán se tratase. Pero cando un lles bota o dente de inmediato esperta do espellismo ó que as aparencias o conduciran e comeza a botar de menos o sabor de verdade, o xenuíno.
Ultimamente decateime de que, salvando as distancias, quizais suceda algo similar coas persoas. Nun primeiro momento pode que resulte máis atraente a persoa agraciada, esa que supostamente cumpre cos canons de beleza ou que alcanzou o que na nosa sociedade se considera como éxito. Pero o efecto destes elementos superficiais soe ser efémero e co tempo un comeza a mostrarse máis interesado polo que hai máis alá do envoltorio.
Ás veces esta búsqueda resulta frutífera e un ten a oportunidade de coñecer personalidades realmente interesantes, con multitude de virtudes, arestas e particularidades que resultan moi atraentes. Pola contra, noutras ocasións un decepciónase ó comprobar que, máis alá da fachada, a persoa ten pouco que ofrecer e, como acontecía coas froitas, un comeza a botar de menos o “sabor” auténtico das persoas especiais, esas que teñen algo singular que aportar. Pero, que fai especiais ás persoas auténticas? Cal é o segredo da súa personalidade magnética? Pode que unha das claves deste efecto radique no especial interse que estar persoas soen mostrar polo crecemento interior, por coñecerse e respectarse tal e como son, e por manter unha harmonía entre o que pensan, o que din e o que fan. Cando isto acontece a persoa alcanza un alto nivel de benestar que soe ser percibido polas persoas que están ó seu arredor e que ata pode resultar contaxioso.
Coñecer ben a unha persoa especial, auténtica, require de tempo e dunha boa actitude. Trátase de observar sen présas, deixando a un lado os prexuízos, para pouco a pouco apreciar toda a riqueza interior que esta persoa garda: os seus intereses, os soños dos que se alimenta, os talentos dos que dispón e, en resumo, todos eses matices que o converten nun ser único. Aproximarse como se merece a unha persoa especial ofrece tamén a oportunidade de observarse a un mesmo, de coñecerse e traballarse, un espello interior tremendamente útil en calquera etapa da nosa vida.
Soamente se precisa contar coa predisposición adecuada e lembrar que, ó contrario do que acontece coa froita de calidade, as persoas auténticas están á nosa disposición ó longo de todo ó ano. Tan só fai falla colleitar no lugar axeitado.