Hai algún tempo que o senador Baltar Blanco -expresidente da Deputación de Ourense, para o caso- publica artigos en La Región, é dicir, para un xornal de edición galega, en castelán sen que importe o tema, a sección ou calquera outro condicionante. Fóra por fin da institución provincial e despois de lle conceder un crédito de espera desde que accedeu ao novo cargo, se cadra era inxenuo esperar outra cousa.
Hai algún tempo que o senador Baltar Blanco -expresidente da Deputación de Ourense, para o caso- publica artigos en La Región, é dicir, para un xornal de edición galega, en castelán sen que importe o tema, a sección ou calquera outro condicionante
As ben moitas publicacións editadas pola Deputación de Ourense baixo a presidencia de Baltar, e xa antes con Baltar Pumar (promotor daquel desafío nacionalista, non esquecemos: mágoa que levemos con eses órdagos, ou envidos, que non sei mus, desde que Victoriano pregou as velas), adoitan estar prologadas en galego polo presidente e asinadas co nome deste na nosa lingua, nalgúns casos mesmo facendo apoloxía do idioma que agora despreza. Daquela asinaba o presidente da Deputación de Ourense, agora o senador español con alerxia natural ou intelectual ao fonema fricativo palatal xordo.
A ninguén colle de sorpresa, poucas tradicións tan arraigadas coma esta na que políticos galegos que “ascenden” á metrópole, sexa cal sexa o partido, consideran que outro ascenso, o do idioma no que se dirixen ao pobo, debe ir parello ao primeiro. A rúa pola que corre esa promoción é de dirección única: de Galicia a Madrid; do galego ao castelán.
Empeñarse en escribir de costas aos seus destinatarios potenciais, é dicir, usar o castelán para chegar á mesma masa lectora á que onte se dirixía en galego evidencia, mire como se mire, unha liberación (agora) e unha fraude (antes)
Aconteceu logo unha transmutación moral, un meigallo na escala de valores. Cando o cargo obrigaba, en galego; cando esa rémora desaparece xorde a liberdade arelada e nada queda do que era máis obriga ca compromiso.
Empeñarse en escribir de costas aos seus destinatarios potenciais, é dicir, usar o castelán para chegar á mesma masa lectora á que onte se dirixía en galego evidencia, mire como se mire, unha liberación (agora) e unha fraude (antes). E nós, quen falamos unha lingua que a Constitución recomenda protexer, vémonos na obriga de financiar por delegación a súa marxinación.
A cultura galega non é a feita en Galicia con independencia da lingua na que se faga. As formas, as razóns e o que expresan están aí, non é gratuíto e o pobo non debera ignoralo. Este mes, xaneiro de 2024, tras máis de catro décadas de autonomía, unha amiga perdía un traballo por se expresar en galego. Baltar Blanco cobrou anos mentindo sobre a posición que o define respecto á lingua propia de Galicia.