O pasado venres, 8 de marzo de 2019, vimos de comprobar como o movemento feminista logrou de novo ser protagonista absoluto nas rúas de Galicia e de toda España, nunha xornada onde milleiros de mulleres (moitas delas, mozas) reclamaron de novo, con exemplaridade cívica, o seu dereito inalienable a ser protagonistas das súas vidas, sen machismo, sen violencias, sen discriminacións; e a carón dela, nun segundo plano que se debe asumir con naturalidade, cada vez máis homes que (des)aprenden a herdanza tóxica recibida a través da mala educación.
A análise do que significa a celebración do 8 de marzo a nivel social e político é susceptible de moitos enfoques, e resulta enriquecedor que suscite debate público, pois o feminismo é un proceso en marcha, plural e cheo de matices, pero que nunca perdeu, ata o momento, a perspectiva do que resulta imprescindible: cambiar as estruturas do Sistema para erradicar dunha vez por todas esa visión do mundo onde o Home, masculino e singular, se erixe en centro e motor do Universo, en dono dos recursos e tamén en señor da palabra.
Precisamente diso, dun señor da palabra, quería falarlles neste artigo. Refírome a D. Xosé Luís Barreiro Rivas, analista político de longa e recoñecida traxectoria profesional, que, desde a súa torre de La Voz de Galicia, actúa de vixía da actualidade, de influencer conservador, de tertuliano que ten o privilexio (e o poder) de expresar a súa opinión en diferentes medios con relativa asiduidade, marcando tendencia editorial.
Neste contexto, a súa análise sobre o 8 de marzo, publicada co título de “La epopeya feminista un día después”, resulta un exemplo perfecto de como un intelectual de prestixio tamén pode ter días malos, e en vez de escribir unha crónica razoada e razoable, ofrece á opinión pública algo que, con todos os respectos, me atrevería a cualificar de trapallada, é dicir, unha mestura de conceptos e prexuízos que, mesturados de mala maneira, tentan provocar a impresión de que a celebración desta xornada vén sendo unha especie de romaría folclórica inducida polo oportunismo político e as institucións públicas, un follón (sic) preocupante que corre o perigo de desconyuntar el esqueleto social. E a isto se reduce (con algo de adobo retórico e hipérbole descontextualizada) a análise do señor Barreiro Rivas sobre as manifestacións masivas do 8 de marzo.
Se non fose porque estamos a tratar dun tema moi serio, diría que esta visión apresurada e superficial que se ofrece da onda expansiva das reivindicacións feministas, máis que unha crónica de actualidade, resulta, no fondo, un autorretrato do columnista, un selfie ideolóxico que nos deixa albiscar a alguén que pretende xulgar a actualidade con distancia crítica, pero que actúa máis ben como un observador displicente, incapaz de sentir unha mínima empatía por un movemento social e político que, efectivamente, pretende alterar o statu quo do patriarcado, tamén no modo de enfocar a información, para que non sexan os señores do palco os que sempre nos explican as cousas, comodamente sentados na tribuna de autoridades.
Porque resulta ofensivo para as mulleres que se manifestaron o 8 de marzo que se pretenda equiparar, a través dun contexto semántico mal intencionado, a loita feminista con botellones e cocaína, con irresponsabilidade social e gusto gratuíto pola festa. Porque resulta ridículo que se acuse ao feminismo de pensamento único, cando é un dos movemento sociais onde existe máis debate e contraste de ideas, de tal forma que se tende a falar de feminismos, en plural, porque non todas as mulleres pensan que a igualdade se conquista do mesmo modo e ao mesmo ritmo. Porque resulta case patético que un politólogo de verdade veña a dicir que o Día da Muller vai camiño de ser a Festa Nacional, pero sen touros. De verdade alguén pode crer que as forzas
vivas do Estado van asumir o feminismo como a nova marca España? Calquera muller deste país sabe que ese é un escenario irreal, pois o poder económico e político segue tendo rostro do IBEX 35, e aí aínda ninguén escoitou falar de Simone de Beauvoir.
Rogaría, pois, a calquera columnista varón que se achegue ao tema de feminismo, que faga o esforzo de baixar a rúa para acompañar o tránsito diario das súas compañeiras pola vida, sen pretensións de explicarlles como funciona isto do feminismo. Porque só deste modo evitaremos que o paso do tempo e a soberbia intelectual nos transformen, non en señores respectables, senón en retrógrados señoros que sentan cátedra desde a torre vixía.