Na configuración que hoxe está tomando o mundo é difícil encontrar feitos ou decisións dunha certa relevancia —como os que acontecen no ámbito da economía ou das relacións internacionais— exentos dunha determinada conexión cos diferentes centros de poder mundiais ou rexionais, ben sexa por acción ou por reacción. Hoxe, na fase de globalización da economía —entendida coma un instrumento de dominación política—, esta relación amósase de forma moi evidente. Pero baixando aínda máis ao nivel do concreto calquera dúbida queda disipada se facemos a análise do xogo de relacións e dependencias nun ámbito rexional como é o da Unión Europea.
As decisións sobre as políticas económicas de cada estado membro están predeterminadas dende o mesmo día en que cada un ingresou neste club de marca do capitalismo internacional
Neste ámbito, perfectamente regulado e controlado, as decisións sobre as políticas económicas de cada estado membro están predeterminadas dende o mesmo día en que cada un ingresou neste club de marca do capitalismo internacional. Pero aínda máis, no que atinxe aos novos socios, aqueles que entraron décadas despois da constitución primordial do Mercado Común, tiveron que adaptarse —durante longos períodos de duros axustes das súas economías— para seren admitidos neste exclusivo club, como foi o caso do Reino de España. Eses axustes empezaron, hai moito tempo, co desmantelamento do sector público industrial (INI) regalándollo a determinados lobbys industriais e financeiros —locais e internacionais— ficando na actualidade relegado a unha caricatura de si mesmo, a SEPI. Daquela, os sucesivos gobernos españois —de alternancia socialista e popular—, foron aplicando a Acta Única Europea (1986) que obrigaba a suspender as subvencións estatais ás empresas públicas “en aras da libre competencia”. Aí foi onde deron comezo as masivas privatizacións de empresas públicas —SEAT(1986), FRIGSA(1986), INH-REPSOL(1989), ENSIDESA(1997), ENASA(1989), ENCE(1990), TELEFÓNICA(1995), SANTA BÁRBARA(2001), etc.—, pero antes de asinar a Acta Única xa foran privatizadas outras empresas como ATESA(1980), SECOINSA(1985) ou INDUGASA(1985).
Xunto a estas medidas de desmantelamento do sector público industrial fóronse adoptando outras —a través dos correspondentes Tratados ou acordos parlamentarios, furtándolle aos cidadáns o dereito a decidir— de igual ou máis calado
Xunto a estas medidas de desmantelamento do sector público industrial fóronse adoptando outras —a través dos correspondentes Tratados ou acordos parlamentarios, furtándolle aos cidadáns o dereito a decidir— de igual ou máis calado, como a unificación monetaria e a creación do Banco Central Europeo (1999) “para garantir a súa independencia dos gobernos” ou a última do Déficit Cero (2011) “para evitar endebedarse máis da conta” acordadas por PP e PSOE nos seus harmónicos conciliábulos. Estas decisións eliminan a capacidade dos estados, a través dos seus lexítimos gobernos —de feito anulan a súa soberanía no sentido máis profundo— para facer a súa propia política monetaria, regular a inflación e facer fronte ás crises económicas favorecendo a exportación. De agora en diante xa o farán por eles os “mercados”, ou sexa, o Capital Financeiro Internacional —a través de Alemaña— que, como non se presenta ás eleccións, non terá que dar explicacións a ninguén.
Non hai, por tanto, unha dicotomía entre a Unión Europea e o Estado Español. Hai unha confluencia de obxectivos —consecuencia do pacto entre as grandes formacións políticas, fieis representantes dos intereses das grandes familias financeiras do estado— onde as políticas españolas non son máis que a materialización das directivas da Unión Europea. Aquí non hai bos e malos, as dúas instancias —a española e a europea— colaboran activamente en interese mutuo.
A idea dunha Europa plenamente democrática, participativa, xusta e en liberdade só é certo para o capital financeiro internacional ou —se se quer— para determinados países que contan con algúns resortes de decisión na UE
A idea dunha Europa plenamente democrática, participativa, xusta e en liberdade só é certo para o capital financeiro internacional ou —se se quer— para determinados países que contan con algúns resortes de decisión na UE. Na actualidade non existe esa Europa idílica se é que algún día chegou a existir. Xa vimos que a construción europea é un proceso calculado ao milímetro, non se deixou nada ao azar. Baixo unha linguaxe orwelliana de democracia, eliminación de fronteiras, mercado único, libre circulación de persoas, de mercancías e ... capitais foise tecendo unha rede totalitaria gobernada por unha Comisión opaca e antidemocrática que só responde á voz do seu amo: O Mercado.
O monstro en que se converteu a UE non é posíbel domesticalo, só cabe o seu sacrificio e enterramento mediante a devolución da soberanía ás nacións. Esa decisión, entre outras, implicaría a eliminación do Banco Central Europeo e a liquidación da zona euro, instrumentos diabólicos que están levando á ruína a moitos países. Só se podería volver falar de Europa —como espazo de cooperación e convivencia en liberdade— despois desa nova situación.
O monstro en que se converteu a UE non é posíbel domesticalo, só cabe o seu sacrificio e enterramento mediante a devolución da soberanía ás nacións
Falan algúns da UE coma un marco de estabilidade e integración fronte ás guerras de antano. Esquécense das guerras dos Balcáns (1991-2001) —aínda próximas e en certo sentido inacabadas—, propiciadas pola eterna ambición mediterránea das potencias centrais europeas. E esquécense de que o pacifismo europeo non existe máis que na propaganda para crédulos e inocentes. Aí están as intervencións brutais en Libia (2011), Siria de forma encuberta (2011-2014), Mali (2013-2014) e Sudán —tamén de forma encuberta dende hai anos—, onde países coma o Reino Unido e Francia, apoiados pola UE e Estados Unidos, seguen perseguindo a quimera do seu antigo soño colonial involucrando a Europa nas súas aventuras sanguiñentas baixo o cruel eufemismo de intervencións humanitarias.
A última consecuencia da integración europea témola na destrución sistemática do noso tecido industrial, económico e financeiro, con centos de miles de desempregados na Galiza e millóns en toda Europa. Xa non nos acordamos da Troika?
E a última consecuencia da integración europea témola na destrución sistemática do noso tecido industrial, económico e financeiro, con centos de miles de desempregados na Galiza e millóns en toda Europa. Xa non nos acordamos da Troika? Dende a UE aplauden as decisións de Rajoy e Feijóo cando venden os nosos estaleiros e transfiren o enorme e valiosísimo potencial tecnolóxico acumulado durante anos de investigación e traballo polos nosos enxeñeiros. Aplauden cando desisten de manter un grupo financeiro galego ao servizo do país: unha consecuencia da política bancaria da UE. E aplauden cando se opoñen ao dereito a decidir de Catalunya. Claro que, se os gobernantes españois e galegos tivesen unha política diferente e comprometida co país, iso se podería evitar co apoio da cidadanía (Islandia!). Pero esa é outra historia. O proceso de globalización —e a UE forma parte principal dese proceso— significa integración de países, concentración de capitais e eliminación (forzada) das diferenzas e nese proxecto non encaixa o nacemento de novas nacións, salvo que estas sexan orixinarias dalgún estado rebelde coma Rusia, Ucraína, Siria, ou antes Iugoslavia. O caso Escocés móvese noutros parámetros.
A cuestión é de se os galegos somos conscientes de quen somos e do potencial que temos como pobo. Esa é a auténtica arma que nos pode salvar fronte ao neoliberalismo de uns e outros
Discutir, por tanto, quen é o máis malo desta traxedia convértese nun debate surrealista, máis propio dos antigos habitantes de Bizancio. Na Galiza debemos saber cal é o papel que xoga cada quen e actuar en consecuencia. Pero se se trata de facer un exercicio reducionista, neste caso só nós, os galegos —e as demais nacións periféricas—, somos os bos e os demais témolos en fronte. Cos seus matices, seguro. A cuestión é de se os galegos somos conscientes de quen somos e do potencial que temos como pobo. Esa é a auténtica arma que nos pode salvar fronte ao neoliberalismo de uns e outros. Os cataláns, con todas as súas contradicións, xa se deron conta hai tempo.