O tecnofascismo non é unha metáfora

Elon Musk, no Despacho Oval con Donald Trump en maio de 2025 CC-BY-SA The White House

O que estamos a presenciar non é a extravagancia de individuos con demasiado poder, senón a emerxencia dunha nova forma de gobernanza política con base ideolóxica identificable, infraestrutura material concreta e vocación decididamente transnacional. O tecnofascismo non é unha metáfora nin un insulto de combate nin unha hipérbole militante

Cando Elon Musk apareceu no escenario da toma de posesión de Donald Trump facendo o xesto que algúns comentaristas bautizaron como saúdo romano, moitos preferiron ler o momento como o exceso teatral dun millonario sen autocontrol. O filósofo franco-americano Norman Ajari non comparte esa indulxencia. No seu recente ensaio Technofascisme. Le nouveau rêve de la suprématie blanche, publicado a comezos deste ano, Ajari desenvolve un argumento que incomoda: o que estamos a presenciar non é a extravagancia de individuos con demasiado poder, senón a emerxencia dunha nova forma de gobernanza política con base ideolóxica identificable, infraestrutura material concreta e vocación decididamente transnacional. O tecnofascismo, sostén, non é unha metáfora nin un insulto de combate nin unha hipérbole militante. É unha categoría analítica cun contido preciso. 

A diferenza co fascismo histórico non é de grao, senón de estrutura. O do século XX precisaba partido de masas e Estado nacional como instrumentos de conquista do poder. O tecnofascismo do novo milenio prescinde de ambos. A súa base organizativa é a empresa e o CEO substitúe ao líder político clásico como figura de autoridade absoluta, con mando total sobre traballadores e amplos recursos sen control externo. Non precisa gañar eleccións nin gobernar un territorio. Aspira ao dominio de sistemas e fluxos sobre os que repousa a vida social, sendo precisamente a súa escala global o que o torna máis adaptable que calquera organización partidaria. Mentres o Rassemblement National (RN), a Alternative für Deutschland (AfD) ou Vox compiten dentro das regras democráticas, aínda que as erosionen desde dentro, as plataformas tecnolóxicas operan nunha dimensión onde as fronteiras estatais resultan intranscendentes. 

A diferenza co fascismo histórico non é de grao, senón de estrutura. O do século XX precisaba partido de masas e Estado nacional como instrumentos de conquista do poder. O tecnofascismo do novo milenio prescinde de ambos. A súa base organizativa é a empresa e o CEO substitúe ao líder político clásico como figura de autoridade absoluta

A xenealoxía deste movemento non é tan recente como podería aparentar. Xa en 1995, Peter Thiel e David Sacks publicaron The Diversity Myth, un texto que cuestionaba frontalmente o multiculturalismo nas universidades americanas e preparaba o terreo para o agromar dun elitismo explicitamente favorecedor das clases dominantes de ascendencia europea. Ese mesmo ano circulaba The Bell Curve, de Charles Murray e Richard Herrnstein, ensaio pseudocientífico que postulaba diferenzas xenéticas de intelixencia entre poboacións segundo a súa orixe racial. Os dous textos conforman a matriz ideolóxica e racial do supremacismo tecnolóxico occidental. En 2011, Thiel foi máis lonxe e publicou The End of the Future, fincando que só os homes brancos podían sacar á humanidade do estado salvaxe de natureza. Non é casualidade que tanto el como Musk medrasen na Sudáfrica do apartheid

A manifestación máis concreta desta cosmovisión chámase Palantir. A empresa de vixilancia fundada por Thiel presenta os seus produtos e servizos como ferramentas pretendidamente neutras de apoio á toma de decisións. O conselleiro delegado, Alex Karp, empregou un termo máis explícito e perturbador, subliñando que os programas informáticos da compañía serven para modelar kill chains ou cadea de pasos que facilitan a execución letal de obxectivos. Palantir equipa ás forzas israelís despregadas en Gaza e Irán, o ICE, milicia urbana de Trump, e á policía fronteiriza federal dos Estados Unidos, os servizos de intelixencia interior de Francia e numerosas corporacións do CAC40. Trátase do único fabricante de software que toma partido —e cobra— en guerras, deportacións masivas e operacións de espionaxe interior ao mesmo tempo, en continentes distintos, sen someterse a ningún control democrático. 

Fronte á escala da ameaza, Ajari recupera o concepto de "intercommunalism", desenvolvido por Huey P. Newton e as Panteiras Negras nos anos sesenta e setenta do pasado século. A proposta é a solidariedade activa e transnacional entre comunidades oprimidas como resposta política acaída fronte a poderes que non recoñecen fronteiras nin límites

Sería un erro cómodo clasificar o tecnofascismo como fenómeno eminentemente americano que observar desde a distancia. Porén, a penetración en Europa é xa profunda e activa. As forzas armadas da OTAN integran eses sistemas no dispositivo militar aliado e a intelixencia interior de varios gobernos europeos depende deles. Cando Musk intervén publicamente en apoio da AfD alemá, de Marine Le Pen ou de formacións ultradereitistas no Reino Unido e mesmo no Estado español, non está a dar renda solta aos caprichos dun multimillonario aburrido, senón a executar con plena coherencia unha estratexia de penetración hexemónica que utiliza X como vector de difusión dun ideario onde o Occidente branco ostenta, en palabras de Ajari, o "monopolio natural sobre o futuro". O conglomerado empresarial-tecnolóxico e a plataforma dixital son dúas caras dunha mesma ofensiva. 

Fronte á escala da ameaza, Ajari recupera o concepto de "intercommunalism", desenvolvido por Huey P. Newton e as Panteiras Negras nos anos sesenta e setenta do pasado século. A proposta é a solidariedade activa e transnacional entre comunidades oprimidas como resposta política acaída fronte a poderes que non recoñecen fronteiras nin límites. O Estado-nación xa non é o marco suficiente para artellar unha resistencia efectiva. A pregunta que o ensaio deixa aberta —e que os movementos democráticos europeos aínda non responderon— é se existe unha capacidade real de construír esas cooperacións transfronteirizas antes de que o ente-compañía complete o proceso de substitución da forma-Estado. Nomear o que acontece con precisión é o primeiro paso. O tecnofascismo ten nome, ten historia, ten estratexia e ten recursos e infraestrutura. Xa ninguén pode alegar que non o viu vir. 

Cuberta do libro 'Technofascisme. Le nouveau rêve de la suprématie blanche' ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.