Existen seres humanos incapaces de reaxir ao se veren en situacións de risco. Fronte ao aparente primitivismo da reacción instintiva, a civilización ten xerado en nós novas capacidades que se activan perante o estímulo acaido. Tal habilidade permítenos avanzar e sobrevivir na perigosa xungla da sociedade contemporánea. Con todo, tanta sofisticación semella servir de ben pouco en contextos primarios de perigo inminente.
No ano 1755, a confluencia dunha serie de movementos tectónicos no fondo do Atlántico, con epicentro no sudoeste do Cabo de São Vicente provocou un salvaxe terremoto (a sismoloxía estímalle unha magnitude de entre oito e nove na escala de Richter) que afectou severamente, entre outras, á costa occidental da Península e Marrocos, facendo estragos na práctica totalidade do litoral e destruíndo Lisboa.
A reacción das xentes de Lisboa foi, en lugar de fuxir en resposta aos inequívocos sinais de aniquilación, achegarse todos á Baixa para presenciar aquel inédito fenómeno
O terremoto arrasou a Cidade, e grande parte dos superviventes fóronse concentrar na área máis despexada do porto, fuxindo dun eventual derrubamento dos edificios. Perante eles, o mar recuou varios centos de metros, descubrindo as súas entrañas e facendo visíbeis os restos de naufraxios que tiveran lugar nas inmediacións portuarias.
Estrañamente, a reacción das xentes de Lisboa foi, en lugar de fuxir en resposta aos inequívocos sinais de aniquilación, achegarse todos á Baixa para presenciar aquel inédito fenómeno. Tal abarrote foi branco doado para o retorno do Atlántico, convertido en varias ondas xigantescas que varreron ás súas abraiadas vítimas.
A fascinación polas magnitudes e nomenclatura dunha crise económica mantén aos cidadáns engaiolados polos medios de comunicación. A profusión de datos, puntos de vista e leccións maxistrais sucédese – as máis das veces de maneira antagónica – a todas horas, en toda parte. É preceptivo ter unha opinión, formada ou non (nestes tempos, a manifestación da opinión vén adquirindo as pavorosas formas dun acto de fe, tan distante da argumentación lóxica).
O mantra reiterado até o fastío adquire dese xeito as facultades dun salmo ou responso que permita acougar das coitas propias ou colectivas. En definitiva, lonxe de orientarnos á formulación dunha posición intelectual, o acceso a un grao de información sen precedentes sobre a magnitude do perigo e a súa inminencia condúcenos ao letargo, á inmobilidade, á parálise fatal.
O acceso a un grao de información sen precedentes sobre a magnitude do perigo e a súa inminencia condúcenos ao letargo, á inmobilidade, á parálise fatal
Os sentidos do individuo na vida salvaxe fornecíano da información precisa para articular unha resposta as máis das veces providencial, pois dela adoitaba depender a propia vida.
Na sociedade contemporánea, a connotación previa da información fai que o cidadán predispoña o seu ánimo en función da fonte informativa - segundo esta estiver ou non santificada polo grupo da súa adscrición -, anula os nosos sentidos producíndonos un efecto hipnótico ou directamente narcótico. Aínda coidamos que os nosos reflexos son quen a nos salvar, fascinados perante o caos. E no entanto, a inmensa onda achégase de vez, ameazando con sepultarnos no fondo da historia.
Todo apunta a que a intención dos gobernantes segue a ser enterrar os mortos. Non fica tan claro que se pretenda coidar dos vivos
Na Lisboa devastada, a lúcida e racionalista voz do Sebastião de Carvalho e Melo (daquela, aínda non posuía o título de Marqués de Pombal co que había pasar á historia) tiña claras as prioridades: “Cuidar dos vivos, enterrar os mortos”. Os sinais que un dexerga nestes tempos non tranquilizan. Todo apunta a que a intención dos gobernantes segue a ser enterrar os mortos. Non fica tan claro que se pretenda coidar dos vivos.