O PPdG ven de pasar un test relevante para xulgar as fortalezas e as feblezas que posúe como organización política. A votación para elixir á persoa substituta de Mariano Rajoy -ademais da selección adicional de quen vai acudir á cita congresual dos vindeiros días- requiría a previa inscrición nun censo específico. Aquí radicou a primeira sorpresa deste proceso: só se apuntaron 4.564 -un 4,5% das 100.000 afiliadas e afiliados teoricamente existentes- para decidir as preferencias vixentes no territorio galego. E só votaron 3.979 persoas nunha cita desta transcendencia. Para tomar unha referencia comparativa, na Asemblea Nacional celebrada polo BNG nas primeiras semanas do ano 2012 -a que tivo lugar no mercado de Amio- participaron arredor de 4.500 persoas, case o 50% da afiliación existente naquel momento na forza nacionalista. A pesar de que a importancia das cuestións abordadas en ambos casos era moi relevante, a diferenza no nivel de participación resulta especialmente reveladora do estado no que se atopa o partido dirixido por Feijoo.
Dende 1977 tense construído unha certa mitoloxía sobre a fortaleza invencíbel do actual PPdG. Obviamente, non se poden descoñecer determinados feitos moi significativos:dende o nacemento formal das institucións autonómicas, esta formación política controlou o goberno galego durante 31 dos 37 anos de vixencia das mesmas e ostentou, ao mesmo tempo, a dirección da maioría dos concellos e das deputacións. Certamente, en moitas ocasións, os resultados vitoriosos foron mais atribuíbeis aos notábeis deméritos protagonizados polas sucesivas forzas opositoras que ás virtualidades demostradas polas equipas gobernantes. E tamén constitúe unha evidencia a persistencia dun sistema mediático, público e privado, que retroalimentou, coa súa benevolencia e cativo pluralismo, a hexemonía continuísta de semellante poder político.
O PP é un xigante electoral mais ten algunhas eivas que non pode seguir agachando. A “fuxida” de Núñez Feijoo contribuíu a que estas primarias derrubasen a cifra totémica dos 100.000 membros que seica enchían os currunchos do País. Votos si, moitos, pero persoas afiliadas coa cotización actualizada moitas menos. E dispostas a participar nun proceso interno no que, ademais, non se postula o caudillo de Montepío, moi poucas.
E se colocamos o criterio valorativo na dispoñibilidade para compartir un exercicio colectivo de contraste de ideas e proxectos, os resultados son demoledores:semellante debate nin está nin se lle agarda. Ben é certo que a responsabilidade principal desta escandalosa carencia reside na incapacidade dos cadros dirixentes para falar de algo que non sexa o reparto do poder interno. O espectáculo que proporcionan Santamaría e Casado arruína calquera expectativa de polémica solvente sobre propostas e programas. Por iso non fan o debate previamente anunciado:para escenificar unha loita descarnada polas cadeiras da rúa Génova, mellor facela na opacidade conspiratoria ben coñecida polos protagonistas.
O artigo 6 da actual Constitución española afirma literalmente que “os partidos políticos expresan o pluralismo político, concorren á formación e manifestación da vontade popular e son ferramenta fundamental para a participación política”. Este Congreso do PP supón unha emenda fáctica á finalidade establecida nesa norma básica. A conclusión resulta pertinente:entre a conmemoración retórica dos 40 anos de vixencia do texto constitucional e o cumprimento real de moitas partes do mesmo hai unha distancia incompatíbel coa sustentabilidade dunha cultura democrática de calidade.
Publicidade