O título do artigo fai referencia a un libro editado en Portugal o ano pasado e titulado José Afonso. O triângulo mágico na sua vida e obra. África-Portugal-Galiza, que repasa a vida do cantante, compositor e poeta portugués José Afonso
O título do artigo fai referencia a un libro editado en Portugal o ano pasado e titulado José Afonso. O triângulo mágico na sua vida e obra. África-Portugal-Galiza, que repasa a vida do cantante, compositor e poeta portugués José Afonso (Aveiro, 1929 – Setúbal, 1987), e as súas vivencias e relacións con estes tres territorios. O autor é Paulo Esperança, vicepresidente da Associaçom José Afonso.
Está editado por Sons da Terra, Centro de Música Tradicional ubicado en Sendim, unha das freguesías do municipio de Miranda do Douro nas terras portuguesas de Tras-os-Montes. Fundado en 2002, ten como obxectivo estudar e promover a cultura tradicional do nordeste transmontano. Sendim é, por certo, unha localidade moi recomendáble de visitar a primeiros de agosto, cando se celebra alí un modesto pero xa consolidado festival intercéltico.
Das 223 páxinas do libro case 150 están dedicadas a Galicia, o que revela a intención do autor, que desde hai anos dedicou palestras sobre este tema do triángulo máxico, de documentar a relación de José Afonso co noso país, obxectivo para o que reproduce fotografías, carteis, programas de man, notas de prensa... todo iso con anotación de datas e lugares, un traballo ímprobo para o que o autor revela non ter recibido apoio dabondo. Así o proclama: «...não posso deixar de registar que muitos dos meus pedidos, reiterados, nomeadamente para a generalidade da comunicação social galega, não obtiveram resposta...».
A primeira visita de José Afonso a Galicia
Das 223 páxinas do libro case 150 están dedicadas a Galicia, o que revela a intención do autor, que desde hai anos dedicou palestras sobre este tema do triángulo máxico, de documentar a relación de José Afonso co noso país
Comeza cun debate sobre se o cantante nos visitou en 1952, cando formaba parte da Tuna Académica (ou do Orfeón Académico, no que tamén estaba integrado) da Universidade de Coimbra, onde era alumno na faculdade de Letras (de feito traballaría despois durante máis dunha década como profesor de Francés e Historia en varios institutos ata que foi expulsado do ensino público). Outra posibilidade fala do ano 1964, pero son datas non confirmadas. Eran épocas nas que Zeca estaba interesado nos fados de Coimbra.
O autor repasa unha iniciativa fallida de traer a José Afonso a Ourense en 1971, nun Festival Ibérico que ía celebrarse —pero que non foi autorizado polo Goberno Civil franquista— no Pavillón dos Remedios ourensán, con figuras da talla de Paco Ibáñez (Castela), Pi de la Serra (Cataluña), os galegos Suso Baamonde, Benedicto, Bibiano, Miro Casabella, Xerardo Moscoso... e os portugueses Vieira da Silva, Adriano Correia, Rita Olivais... e José Afonso.
O libro reproduce o que escribeu Benedicto en Sonata de Amigos (edicións Xerais, 2008): Ao escoitar o álbum do Zeca Traz outro Amigo Também (1970), quedara prendado daquela «voz magnética», e quixo coñecelo. Así, vai en febreiro de 1972 a Porto, onde Discos Orfeu tiña a súa sede, e consegue o enderezo en Setúbal de José Afonso, ao que visita.
Compostela, 1972, a primeira vez (?) que se cantou “Grândola, Vila Morena” en público
O de primeira vez é unha calificación polémica; así o asevera Benedicto, no libro antes citado, pero o músico Xico de Cariño puntualiza que Grándola foi, si, cantada en Compostela, pero que a primeira vez tivera lugar dous anos antes en Valencia, no Teatro Principal, o 3-4 abril de 1970 nun Festival dos Pobos Ibéricos. Con todo, Miro Casabella apunta que o concerto valencián debeu ser en 1971
Grándola foi no 25 de abril de 1974, como é coñecido, sinal (e despois himno e símbolo) da Revolución dos Cravos que poría fin á ditadura salazarista en Portugal, mentras en España seguía a ditadura de Franco.
Pois ben, na primavera de 1972 ten lugar unha xira do Zeca: comeza o 8 de maio na capital das Burgas, no Liceo Recreo Ourensán; segue en Lugo, no Círculo das Artes, e continúa o día 10 en Santiago na facultade de Ciencias Económicas, no Burgo das Nacións, nun concerto memorable que reuniu a 3.000 persoas; ao terminar cantouse “Grândola, Vila Morena” por primeira vez en público. O de primeira vez é unha calificación polémica; así o asevera Benedicto, no libro antes citado, pero o músico Xico de Cariño puntualiza que Grándola foi, si, cantada en Compostela, pero que a primeira vez tivera lugar dous anos antes en Valencia, no Teatro Principal, o 3-4 abril de 1970 nun Festival dos Pobos Ibéricos. Con todo, Miro Casabella apunta que o concerto valencián debeu ser en 1971, pois de feito Zeca comentara que despois iría a Paris a gravar un álbum, e que así lle serviría de preparación.
O libro continúa relatando as actuacións de Zeca Afonso en Galicia (como a de marzo de 1973, no Círculo Mercantil e Industrial de Santiago, daquela ubicado no Pazo de Bendaña)... ata o gran festival “Galiza a José Afonso” celebrado no parque de Castrelos o 31 de agosto de 1985, cando a súa saúde estaba xa moi quebrantada. Tras a súa morte en febreiro de 1987, o texto segue recollendo as homenaxes celebradas na súa honra no noso país... ata chegar ao ano 2022, punto final do recorrido diacrónico.
O festival Cantos na Maré
Nesta xeira de concertos, homenaxes e tributos na nosa terra, o autor detense de forma especial no Festival Cantos na Maré, nacido en 2003 en Pontevedra e trasladado en 2018 a Compostela
Nesta xeira de concertos, homenaxes e tributos na nosa terra, o autor detense de forma especial no Festival Cantos na Maré, nacido en 2003 en Pontevedra e trasladado en 2018 a Compostela. O festival, que leva por título os primeiros versos dunha canción de Uxía, Cantos na Maré / sons da nosa fala.
Cantos na Maré / son cantos e máis nada...
pretende unir as músicas galega e portuguesa, e incluso a brasileira. A súa promotora, Uxía Senlle, recoñecía o papel especial que tivera José Afonso («A Galiza é para mim umha espécie de Pátria espiritual») nesta relación.
Outras datas clave son o 10 de maio de 2009, cando foi inaugurado en Compostela un parque co nome de José Afonso, rememorando e próximo ao lugar onde se celebrara o histórico concerto de 1972. Finalmente, describe a creación, en 2018, dun núcleo ou delegación, en Galicia, da Asociación José Afonso, fundada en 1987.
Xico de Cariño
Xico — “músico militante”, en palabras do xornalista Xan Carballa— conserva un tesouro documental moi destacado (como relata en Na harmónica, libro da súa autoría publicado en 2000) e contribuiu con moitas achegas a esta obra
Finalmente, unhas palabras, obrigadas, sobre Xico de Cariño, mestre, músico, artista de variadas facetas, incansable activista cultural e membro do consello Consultivo da AJA. Xico (Francisco Peña Villar, natural do concello de Cariño, nas terras do Ortegal) estaba en París en 1970 estudando Etnomusicoloxía na Escola Práctica de Altos Estudos da Sorbona; alí coñeceu ao Zeca nun concerto en novembro dese ano. Interesado na música portuguesa e brasileira, ten promovido e colaborado en múltiples concertos destas músicas irmáns, e en numerosos homenaxes a Zeca Afonso celebrados por toda Galicia, desde Cangas do Morrazo a Cedeira.
Xico — “músico militante”, en palabras do xornalista Xan Carballa— conserva un tesouro documental moi destacado (como relata en Na harmónica, libro da súa autoría publicado en 2000) e contribuiu con moitas achegas a esta obra, que se reflicten nas continuas alusións que del fai Paulo Esperança.