As falas crioulas xorden da acción que diversas falas exercen sobre unha lingua colonial que non é a lingua materna dos seus falantes, os cales teñen varias falas diferentes como linguas maternas, mais que precisan dela como “lingua franca” do territorio que habitan. O resultado é unha gran simplificación gramatical da lingua colonial e maila incorporación dun gran número de empréstimos lexicais
As falas crioulas xorden da acción que diversas falas exercen sobre unha lingua colonial que non é a lingua materna dos seus falantes, os cales teñen varias falas diferentes como linguas maternas, mais que precisan dela como “lingua franca” do territorio que habitan. O resultado é unha gran simplificación gramatical da lingua colonial e maila incorporación dun gran número de empréstimos lexicais.
Algunhas linguas crioulas constitúen o idioma principal de territorios que, obviamente, foron antano colonias, como o caboverdiano (kriolu ou kriol na denominación propia), falado polo total da populación de Cabo Verde malia que o portugués sexa a lingua oficial; o papiamento, lingua cooficial en Curaçao e Aruba (onde é a lingua materna do 80% e do 70% das populacións respectivamente) xunto co neerlandés, e semioficial en Bonaire (falado polo 74% da populación) onde tamén é oficial o neerlandés; o sranan tongo, lingua franca en Suriname, onde o neerlandés é a lingua oficial; o haitiano (kreyòl ayisyen na súa propia lingua) é cooficial co francés en Haití pro de feito a lingua xeral da populación do país e a lingua crioula máis falada do mundo cuns 13 millóns de falantes; o crioulo seixelés (kreol seselwa no propio idioma), falado pola inmmensa maioría da populación de Seixeles, onde comparte cooficialidade co inglés e mailo francés; o crioulo mauriciano, marisyen na propia fala, é a lingua franca de Mauricio, cuxas linguas oficiais son o inglés e mailo francés; santotomense ou forro, crioulo falado polo 85% da populación de Santo Tomé da República de Santo Tomé e Príncipe, con todo, o idioma oficial só é o portugués; o chavacano, crioulo de base castelá falado por meio millón de filipinos, principalmente na cidade de Zamboanga, onde constitúe un sinal principal da súa identidade; etc.
Por razóns máis sociais ca científicas, as linguas crioulas consideráronse como dalgún modo inferiores ao resto das linguas, coma se a súa simplificación gramatical fose unha proba dunha menor intelixencia dos seus falantes. Na verdade, o que hai tras esta opinión é o simple racismo dos antigos colonos cara aos seus liberados antigos escravos, aínda que sexa dita por lingüístas.
Un proceso moi similar ao das linguas crioulas foi o que sofreu a lingua anglosaxoa ao se transformar no inglés durante o período do s. XI ao s. XIV: unha evidente simplificación gramatical e unha incorporación léxica deformada tomada da lingua imposta, a francesa. A realidade é que a lingua máis prestixiada da Terra na época actual comparte moitos trazos característicos das menosprezadas linguas crioulas
Pois ben, un proceso moi similar ao das linguas crioulas foi o que sofreu a lingua anglosaxoa ao se transformar no inglés durante o período do s. XI ao s. XIV: unha evidente simplificación gramatical e unha incorporación léxica deformada tomada da lingua imposta, a francesa. A realidade é que a lingua máis prestixiada da Terra na época actual comparte moitos trazos característicos das menosprezadas linguas crioulas.
En orixe unha lingua xermánica occidental, emparentada directamente co frisón e en menor medida co neerlandés, o baixoalemán e mailo altoalemán. A súa gramática compartía os trazos fundamentais que teñen as gramáticas das demais linguas xermánicas: formación dos plurais; casos nominais; conxugación verbal conforme as persoas; etc.
Porén a chegada da cultura francesa, máis exactamente “franconormanda”, coa conquista do reino polo duque Guillerme de Normandía (1066) mudou o status da lingua anglosaxoa en Inglaterra que pasou de principal –lembremos que tamén se falaban as linguas britónicas: galés e cornuallés– a secundaria, esencialmente popular, polo seu desprazamento pola lingua de oil dos conquistadores –mestura de normando e picardo–, nova lingua da nobreza e da cultura, durante case dous séculos, que denominamos “anglonormando”, substituída logo polo francés ata o s. XIV, que se mantivo como lingua do goberno ata 1480 ou o “francés xurídico” usado nos tribunais ata 1731.
Unha analise morfosintáctica do inglés demostra esta realidade sen similitude con ningunha outra lingua europea, ao menos das máis coñecidas. O inglés é a única lingua xermánica, xunto coa súa xemelga o “escocés” –que non hai que confundir co céltico “gaélico escocés” nin co dialectal “inglés de Escocia”–, chamado “scotts” ou “lallans” polos seus falantes, que perde os casos sintácticos; simplifica o artigo determinado nunha única forma (the); elimina as desinencias verbais de persoa coa soa excepción da 3P do singular en Presente (Ex.: drink/drinks); simplifica os tempos verbais ata ter só dúas desinencias regulares: Presente/Pasado (drink/drinked) e utiliza unhas palabras antepostas á forma de Presente pra indicar o resto dos tempos (to, shall, should, will e would); o adxectivo é invariábel tanto en xénero coma en número. En fin, moitas coincidencias coas solucións adoptadas polas linguas crioulas, non si?
E amais hai que engadir que o inglés é a única lingua xermánica que posúe máis léxico de orixe externa ca de orixe xermánica, case un 60% do seu vocabulario ten orixe latina: primeiro pola achega anglonormanda, logo pola do propio latín, lingua da cristiandade occidental e da cultura durante moitos séculos, e por último a través do francés, lingua franca e cultural en Europa ata o mesmo século XIX, amais dos préstamos, xa moi minoritarios, doutras linguas romances: italiano, castelán e portugués. Se do francés procede un 29% e do latín outro 29%, amais dun 6% de léxico culto de orixe grega, outro 6% de préstamos doutras linguas non xermánicas nin romances, e un 4% de léxico derivado de nomes propios, unicamente resta un 26% de léxico de orixe xermánica, aínda que é certo que este constitúe a base do seu vocabulario patrimonial, madía ten!
Emporiso, non estou a afirmar que a lingua prodominante do mundo actual sexa unha lingua crioula, malia as moitas semellanzas, pois as condicións do seu desenvolvemento distan moito das propias das linguas crioulas e; amais, se ben o inglés ten características típicas dos idiomas crioulos, tamén ten outras totalmente diferentes destes. Mais parece incuestionábel que eses trazos lingüísticos que comparte coas linguas crioulas estigmatizan estas pro non o inglés, demostrando que a Lingüística, coma calquera outra ciencia, non está libre de caer en vicios sociais como o elistismo ou, se queremos ser máis claros, o racismo, que está a coller pulo de novo nos nosos días.
Tódolos status que posúen as falas débense estritamente a condicionamentos extralingüísticos, maioritariamente políticos, económicos e sociais
En resumo, unicamente que pretendo reivindicar co presente texto que non hai ningún motivo lingüístico que impulse unha fala a obter un status de predominancia ou do contrario, porque todas son –nótese que uso o verbo “ser” e non “estar”– perfeitamente capaces de expresar calquera razoamento humano, porque calquera conceito que falte nunha determinada lingua pode ser adquirido –mediante empréstimo, tradución ou creación– pola mesma, tal como sucedeu nas linguas que xa os teñen. Tódolos status que posúen as falas débense estritamente a condicionamentos extralingüísticos, maioritariamente políticos, económicos e sociais.