O 80% da poboación que vivía na maior parte da Palestina ocupada por Israel en 1948 e que representa a máis do 77% do territorio palestino, pasou nese ano a ser refuxiada. O resto da poboación dividiuse entre os que ficaron dentro do que é hoxe Israel, os que quedaron en Gaza e Cisxordania, e aqueloutros na diáspora. 72 anos despois, todos eles seguen a lembrar o ano da Nakba, a Catástrofe, un dos sinais de identidade de todo un pobo.
O 80% da poboación que vivía na maior parte da Palestina ocupada por Israel en 1948 e que representa a máis do 77% do territorio palestino, pasou nese ano a ser refuxiada
Nun xeito de recordar a todas esas persoas que sufriron as consecuencias da declaración do estado de independencia israelí, o 14 de maio de 1948, o presidente palestino Iasser Arafat decidiu bautizar ese día despois, o da expulsión de preto dun millón de persoas das súas casas, como Nakba. Atrás quedaron fogares e pertenzas que xamais se abandonaron. Proba diso é que as chaves das portas de entrada deses fogares seguen a ocupar un lugar primordial alá onde viven aqueles que foron expulsados no seu día. Esa chave non só simboliza o lar, senón tamén a amal, a esperanza de regresar nalgún momento a el.
O estado de Israel, que nega e existencia da Nakba, defende que lle pertencen eses territorios que agora ocupa, ben por dereitos divinos, ben polos dereitos adquiridos tras o abandono dos seus antigos propietarios. Así pensan históricos dirixentes como Moshe Dayan, Abba Eban e Golda Meir ou nestes días Avigdor Lieberman e Ben Ari. Nun discurso por mor da guerra de 1967, Abba Eban, que fora embaixador de Israel perante a ONU, declarou que «despois de 3000 anos chegou a hora de aceptar a independencia de Israel, o único Estado na comunidade internacional que ten o mesmo territorio, fala a mesma lingua e mantén a mesma fe de hai 3000 anos.» Tras esa guerra de 1967, Moshe Dayan diría: «se temos o Libro da Biblia, e a xente do Libro, daquela tamén tendes a Terra da Biblia, e a xente do Libro e, polo tanto, tamén tendes a Terra da Biblia […]. Quizais isto non sexa un programa político, pero é máis importante: é a realización do soño ancestral dun pobo.»
En 1969, a daquela primeira ministra de Israel, Golda Meir, afirmaba: «Non é que houbese un pobo palestino e nós viñésemos e os expulsásemos e lles quitásemos o país. Non existían.» Lieberman, ministro no parlamento israelí en diferentes ocasións, demandou que todos os cidadáns recoñecesen Israel como un estado sionista e de non facelo, que fosen expulsados. Este ano pasado, como motivo das eleccións nacionais, o candidato polo partido Otzma Yehudit, Poder Xudeu, animou a votar polo seu partido con ideas como: «queremos recolocar os nosos inimigos […]. Darémoslles unha botella de auga mineral e incluso un bocadillo. Buscarémoslles os países de orixe a onde poidan ir.»
A idea do sionismo relixioso de que Deus prometera a Terra (Israel) ao seu pobo provén da interpretación dun legado sagrado. Mais hai lecturas que non aceptan isto, como as do rabino Menajen, quen argumenta que «a Terra de Israel non lle pertence ao pobo xudeu; o pobo xudeu pertence á Terra de Israel.» Este mesmo termo apenas aparece mencionado no Antigo Testamento, onde se emprega a expresión Terra de Cananea e, cando se menciona, como apunta o investigador Shlomo Sand, non inclúe Xerusalén, Hebrón ou Belén. «A Israel bíblica só é o norte de Israel (Samaria) e nunca houbo un reinado unificado que incluíse Xudea e Samaria.» Contra a idea dese regreso a un estado existente centos de anos atrás, Sand sostén que é «unha ironía da historia que tantos sionistas de antes, moitos deles xudeus seculares, a miúdo socialistas, usasen argumentos relixiosos para reforzar a súa causa.» Amais, engade que segundo a tradición xudía, ese suposto regreso á Terra de Israel para celebrar a Pascua do vindeiro ano en Xerusalén non é unha invitación á reconstrución de ningún estado. Esa idea do retorno foi alimentada polo cristianismo sionista durante o século xix. Algúns deles crían que un dos requisitos para a nova chegada de Xesús ao mundo só sería posible de Israel pertencer ao pobo xudeu. Así pensaba Shaftesbury, que agardaba a conversión dos xudeus ao cristianismo e a quen se lle atribúe a frase «un país sen nación para unha nación sen país.»
Amais desa teoría de pobo elixido, Israel asegura que os palestinos fuxiron para escapar da invasión de Exipto, Siria, Xordania e Iraq, que intentaban conter a vitoria sionista
Amais desa teoría de pobo elixido, Israel asegura que os palestinos fuxiron para escapar da invasión de Exipto, Siria, Xordania e Iraq, que intentaban conter a vitoria sionista. Como consecuencia diso, Israel negou a posibilidade de regreso aos palestinos fuxidos. Entón, a ONU comezou a construír campamentos de refuxiados neses países limítrofes, en Xerusalén oriental e na Faixa de Gaza e en Cisxordania. Deles, o de Balata, na entrada da cidade de Nablus e na aba da montaña onde vive o pobo samaritano, é un dos máis densamente poboados: 30.000 residentes en 0’25 km².
O campo de refuxiados de Balata construíuse en 1950 coa idea de albergar, de xeito temporal, unhas 5000 persoas. Porén, a día de hoxe os habitantes, permanentes temporais, é seis veces maior. A poboación medrou e cambiou, como ese po do deserto onde se acubillaron familias enteiras en tendas de campaña e que está agora oculto baixo o cemento das casas que se edificaron e que apenas deixan espazos entre as calellas do campamento. A imposibilidade de ampliar o terreo, lindeiro con dous sitios históricos, limita o espazo físico, pero non a idea de retorno ao espazo que realmente lles pertence, que na maior parte dos casos é a vila costeira de Iafa. Namentres as vistas ao mar son imposibles, o acceso a dous dos museos que ten a cidade de Nablus son as xoias que coroan Balata: o pozo de Iacob, nun mosteiro grego ortodoxo, e Tell Balata, un valioso xacemento arqueolóxico do século ii a. C.
O campo de refuxiados de Balata construíuse en 1950 coa idea de albergar, de xeito temporal, unhas 5000 persoas. Porén, a día de hoxe os habitantes, permanentes temporais, é seis veces maior
Dentro do claustrofóbico labirinto que é Balata hai sitios que, amais de esperanza, acollen vías de escape ao perenne confinamento e espazos abertos ao entretemento. Un deses bastións liberadores é o Centro Cultural Iafa, un lugar onde as clases de baile, cine ou fotografía combínanse con outras actividades como son grafitar as paredes do campo ou inventar xogos diversos. Dende a súa fundación, en 1996, o seu programa cultural esténdese máis ala do propio campo, aínda que a falta de cartos e ese peche continuo de Palestina fai que as actividades xa non sexan todo o constantes que desexarían. Aí, no centro cultural, traballa Ibrahim Abdullah Jamal.
A familia de Ibrahim provén da costa: o pai da cidade costeira de Haifa e a nai da vila mariñeira de Tantura. Como en todas as casas, Ibrahim conserva a chave da súa e, malia nunca estar nela, adoece por volver. Porén, a situación actual faino dobremente imposible. As restricións de movemento fóra de Balata son grandes polo feito de ser un lugar estratéxico e de onde saíron moitos combatentes. Alén diso, e aínda que a zona de Nablus non tivo casos de coronavirus, tamén hai límites de mobilidade por ese motivo. Cómpre engadir a isto as novas estratexias políticas do recentemente formado goberno de Israel e que pretende engulir Cisxordania, legalizando como parte do seu estado os asentamentos espallados por toda a zona, entre eles eses que arrodean Nablus: 12 colonias, como a de Ariel, que conta con máis de 20.000 habitantes, e máis de 30 postos de control militar.
Cada 15 de maio, as rúas das cidades palestinas énchense de xente que proclama o dereito a lembrar a súa patria e a ela regresar
Cada 15 de maio, as rúas das cidades palestinas énchense de xente que proclama o dereito a lembrar a súa patria e a ela regresar. Este ano a data coincidiu no medio do mes de Ramadán, un período no que se comparten espazos e comidas tras romper o xaxún, e no que as rúas, as fiestras das casas e mesmo os portais destas permanecen decoradas. Neste período as noites cobran máis vida do que é habitual, pois os paseos son case obrigatorios e con eles algunha compra, como a dos doces típicos desta ocasión: o qataif.
Ramadán cheira a qataif, unha lambetada semellante na forma ás chulas, pero con menos espesura e enchida de froitos secos, uvas pasas, canela, vainilla e mesmo queixo. É fácil ver enormes pranchas para preparar qataif nas portas das panadarías ou en postos ambulantes. Xunto coas luces e as grilandas, son parte da decoración do Ramadán palestino. Con todo, este ano case non houbo. Ibrahim relata como as tendas do campo permaneceron abertas e con luces, mais a falta de cartos impediu mercar nelas. Non houbo contaxios en Balata, pero a xente foi prudente e respectou o estado de alarma e o toque de queda, «a gran diferenza é que o toque de queda está en mans dos israelís para así destruír e matar os palestinos», apunta.
Do mesmo xeito que a esperanza de que remate a crise do coronavirus nos mantén en pé, a esperanza de que a historia continúe a construírse e que Palestina logre unha independencia recoñecida e necesaria, mantén á súa xente esperanzada
O mes de maio remata cun Ramadán sen concentracións e cun día da Nakba marcado polas protestas silandeiras do confinamento. Xuño volver ser un mes para lembrar, porque esa chave que pendura no corazón e mais nas paredes das casas dos palestinos, non esquece que ferrollos abre. Calquera día está presente esa catástrofe que fixo vagar polo mundo os expulsados das súas terras, mais a Nakba concentra todos os días nun. É o prólogo das seguintes derrotas, como é a Naksa, que cada 5 de xuño conmemora o desterro que a poboación de Gaza e Cisxordania sufriu tras a guerra de 1967.
72 anos despois da Nakba e 53 despois da Naksa, o pobo palestino non deixa de protexer a súa identidade mantendo as súas tradicións e a memoria colectiva, para así continuar a loitar pola proclamación da súa independencia. Do mesmo xeito que a esperanza de que remate a crise do coronavirus nos mantén en pé, a esperanza de que a historia continúe a construírse e que Palestina logre unha independencia recoñecida e necesaria, mantén á súa xente esperanzada.