O vórtice

Dominio Público World's Direction

O debate político actual é un potente sorbedoiro, a cuxo efecto de succión é dificilísimo subtraerse. Unha vez dentro, arrastrado por unha corrente acelerada, o cidadán perde o sosego intelectual e emocional que necesita para unha reflexión crítica que sexa á vez rigorosa, honesta e construtiva. Porque ese remuíño entolecido, que hai quen describe (será unha broma?) como unha nova arquitectura da comunicación, parece o hábitat do gregarismo que premia a intransixencia, a dureza, a contundencia e o exceso.

Unha vez dentro, arrastrado por unha corrente acelerada, o cidadán perde o sosego intelectual e emocional que necesita para unha reflexión crítica que sexa á vez rigorosa, honesta e construtiva

De feito, hai actitudes e reaccións que dentro do vortex son por completo disfuncionais. A espiral é perigosa e demanda respostas cada vez máis rápidas. A demora, a incerteza, o equilibrio e a moderación convértense en calidades inoperantes, e insistir nelas resulta estúpido. Os que aprenderon a aboiar lograron transformar este medio hostil na súa zona de confort, desde onde constrúen os seus dominios. Os temperados que aínda procuran sobrevivir á marxe, nos promontorios da razón e do diálogo, amosan unha independencia extremadamente irritante.

Porén, son xustamente os mornos os que, achegando opinións enriquecedoras, procuran interferir nos debates para arrefrialos, serenar os ánimos e mesmo buscar consensos. Observados desde o medio da turbamulta, nos extremos enfrontados do rodopío, a calma dos tépedos resulta radicalmente estraña e a súa liberdade aparece como unha verdadeira provocación. O remuíño reclama accións enérxicas, non chamadas ao acougo e á responsabilidade. Porén, os temperados atrévense a denunciar a manipulación, a demagoxia e mesmo a animadversión que caracterizan esta sorte de (auto)comunicación dogmática, disparatada e tóxica que é lei no vórtice e que tanto nos atrae, non precisamente pola súa racionalidade, senón pola súa espectacularidade. É a forza romántica dun ciclón a que nos arrebata, non a modesta quietude dun día de primavera.

Os temperados que aínda procuran sobrevivir á marxe, nos promontorios da razón e do diálogo, amosan unha independencia extremadamente irritante

O permanente e molesto rumor de fondo dos trolls dedicados ao ataque ad personam, a miúdo en forma de difamacións e insultos tan viscerais como groseiros, pretende situar o penoso labor intelectual, solvente e perfectamente identificado, ao mesmo nivel que a precipitada manifestación anónima de fobias e odios primarios, cuxa fachendosa mala leche parece ser a base do seu éxito no ecosistema do remuíño. (Por que o anonimato, por certo? Que misteriosas represalias quererá evitar o autor enmascarado?) Na era do tweet enxeñoso, que, coa súa efectiva fusión de simplicidade e habilidade, lle confire ao seu autor egotista unha fama hipertrofiada a base de likes e rechouchíos, a dúbida resulta alporizante; e o matiz, tan pedante fronte á ocorrencia estrafalaria e polémica, aburrido.

A dúbida resulta alporizante; e o matiz, tan pedante fronte á ocorrencia estrafalaria e polémica, aburrido

No prefacio d’A revolta dos animais, George Orwell deixou escrito: “If liberty means anything at all, it means the right to tell people what they do not want to hear”. O vórtice é ruidoso e caótico, e se hai algo que os que aprenderon a nadar nel desprezan máis que nada é a voz –ás veces xa só o murmurio– daqueles que, desde as marxes, lles recordan respectuosa e gravemente que, por moito que consigan á vez flotar e berrar e parezan saber cara a onde se dirixen, están perdidos. Mentres braman non dan razoado. E son indefectibelmente arrastrados cara ao sumidoiro.

 

Para Joám Lopes Facal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.