O voto húngaro que mantén a Europa en vilo

Péter Magyar e, en primeiro termo, Viktor Orbán CC-BY-SA Parlamento Europeo

Hungría representa o 1,1% do PIB da Unión Europea e alberga arredor de dez millóns de habitantes, unhas proporcións similares ás de Bélxica ou Portugal. Con todo, o seu primeiro ministro leva anos paralizando decisións que afectan a 450 millóns de persoas

Hungría representa o 1,1% do PIB da Unión Europea e alberga arredor de dez millóns de habitantes, unhas proporcións similares ás de Bélxica ou Portugal. Con todo, o seu primeiro ministro leva anos paralizando decisións que afectan a 450 millóns de persoas. Viktor Orbán bloqueou durante meses 90.000 millóns de euros de axuda a Ucraína aprobada por todos os socios comunitarios, recibiu a Putin en Budapest no verán de 2024 mentres exercía a presidencia rotatoria da UE e, segundo documentou o medio de investigación húngaro VSquare, o seu ministro de Asuntos Exteriores filtraba en tempo real contido de reunións confidenciais en Bruxelas ao Kremlin. Ningunha outra capital do bloque se converteu nunha ameaza semellante para a cohesión do proxecto común. O 12 de abril os húngaros votan un goberno. Europa tamén.

A chave para entender como un Estado tan pequeno acadou semellante capacidade de bloqueo atópase na arquitectura institucional da UE. Johannes Schäffer, nunha análise publicada en Verfassungsblog —plataforma alemá de referencia en dereito comunitario—, definiu a conduta de Orbán como a dun veto player perfecto, un actor que en sistemas baseados na unanimidade para decisións de calado converte a súa negativa en instrumento de negociación permanente. O bloqueo dese crédito a Kyiv é o exemplo máis custoso desta estratexia, pero non o único. O líder ultra usou o mesmo mecanismo para obter excepcións enerxéticas, retrasar sancións a Rusia e arrancar concesións orzamentarias. A UE non deixa de explorar instrumentos alternativos que non esixan unanimidade para ver de contrarrestar a Orbán. 

Peter Magyar e Viktor Orbán CC-BY-SA Parlamento Europeo

Ningunha outra capital do bloque se converteu nunha ameaza semellante para a cohesión do proxecto común. O 12 de abril os húngaros votan un goberno. Europa tamén

O líder do Fidesz-Unión Cívica Húngara non opera no baleiro. O xornalista Szabolcs Panyi, redactor xefe de VSquare, investigado polas autoridades por "espionaxe" a poucas semanas das eleccións, aportou probas de que o Kremlin despregou tres axentes de intelixencia do GRU en Hungría para manipular as redes sociais durante a campaña, nunha operación bautizada "Gamechanger" e supervisada por Sergei Kiriienko, principal artesán da estratexia de influencia rusa no exterior. O respaldo tamén chega da outra beira do Atlántico. O secretario de Estado Marco Rubio declarou o pasado febreiro en Budapest que "o éxito de Orbán é o noso éxito", vinculando o apoio de Washington á continuidade do primeiro ministro. Hungría converteuse nun nó de intereses converxentes entre Moscova e Trump que vai moito máis alá das fronteiras do país.

As enquisas sitúan a Tisza, o partido do opositor Péter Magyar, nun 47% fronte ao 41% do Fidesz, unha vantaxe sostida desde principios de 2025. Pero en Hungría non abonda con gañar nas urnas. O sistema electoral, con 106 circunscricións unipersoais deseñadas á medida durante os anos de maioría absoluta do partido gobernante, esixe que a oposición o supere por seis a oito puntos no voto popular para obter maioría sinxela no parlamento

As enquisas sitúan a Tisza, o partido do opositor Péter Magyar, nun 47% fronte ao 41% do Fidesz, unha vantaxe sostida desde principios de 2025. Pero en Hungría non abonda con gañar nas urnas. O sistema electoral, con 106 circunscricións unipersoais deseñadas á medida durante os anos de maioría absoluta do partido gobernante, esixe que a oposición o supere por seis a oito puntos no voto popular para obter maioría sinxela no parlamento. A isto súmase o control da formación de Orban sobre máis do 80% do ecosistema mediático —Hungría ocupa o posto 68 no índice de liberdade de prensa de Reporteiros Sen Fronteiras— e a presión territorial dos seus caciques locais sobre franxas do electorado que dependen do emprego público ou das subvencións e axudas do Estado.

Unha vitoria de Magyar desactivaría o sistemático veto húngaro en Bruxelas, permitiría desbloquear 20.000 millóns de euros en fondos comunitarios conxelados polas reiteradas violacións de Orbán do Estado de dereito e facilitaría a aprobación definitiva dos recursos para Kyiv. Para a Comisión, sería o final dun pesadelo diplomático que a levou a contemplar, por primeira vez na historia do proxecto europeo, a suspensión da capacidade de voto de Hungría no Consello ao abeiro do artigo 7 dos tratados. Péter Kreko, director do instituto Political Capital en Budapest, advirte con todo que a derrota electoral non equivale á fin do sistema. O aparato institucional, os medios capturados e a arquitectura xudicial modelada polo Fidesz seguirán no seu sitio independentemente de quen goberne.

O propio líder opositor encadrou estes comicios como un referendo sobre o lugar de Hungría no mundo, lembrando que 23 anos atrás os húngaros votaron maioritariamente por entrar na UE, tamén un mes de abril. O paralelismo non é só retórico nin casual. Durante case dúas décadas, Orbán bloqueou, chantaxeou e saboteou o proxecto europeo desde dentro sen que as institucións comunitarias atoparan xeito de detelo. Ningunha sanción, ningunha disposición dos tratados e regulamentos, ningún mecanismo de presión resultou nunca suficiente para frear ese proceso sistemático. A única saída real ao crebacabezas comunitario é a electoral. O domingo os húngaros tamén deciden co seu voto se Europa se libera dun dos seus lastres máis custosos. O resto do continente só podemos agardar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.