O Xabarín é voso. O clube é noso

O Xabarín Club é algo que marcou a mocidade galega nacida entre os oitenta e noventa. Un programa infantil que fixo que gastásemos as tardes despois do colexio comendo bocadillos de nocilla e vendo Arale, ou DragonBall ou Doraemon, ou o Mundo de Beakman... Ademais, foi o responsable dunha campaña de normalización lingüística que non se conseguiu igualar xamais. Pero o Xabarín foi algo máis que un programa de debuxos aos que enviabamos as nosas fotos para aparecer o día do noso aniversario. O Xabarín foi, e é, un clube.

O que une a mocidade galega é o Xabarín

O que une a mocidade galega é o Xabarín. Persoalmente, dende que comecei a vida universitaria non recordo ningunha festa que non rematase coas cancións do Xabarín, nin recordo ningún local no que a xente non bailase “Non todo é o que parece amigo” ata esgotar os folgos. O Xabarín somos nós.

Onte saía a noticia de que a páxina web e o twitter do Xabarín, creada por fans e para fans, tiña que pechar por motivos legais coa CRTVG. Abraiado, vexo como Jon Amil, precursor das anteriores plataformas, non ten outro remedio que acceder ás demandas dos avogados da canle pública galega. Observo todo isto cunha mestura de indignación e tranquilidade.

Poden destruír o Xabarín, xa o levan facendo dende hai anos, quitándolle espazo na televisión e empeorando o seu contido, someténdoo a unha especie de castración. Non importa. Porque o clube é noso

Indignado porque vexo como unha plataforma que buscaba reavivar ese xerme que nos uniu hai anos, é agora aniquilada polas arducias legais e estúpidas dunha canle que se di pública, galega e para os galegos. Tranquilo porque, ao contrario do que os señores de despacho pensen, o Xabarín non é seu: é noso. O Xabarín é noso porque nós somos o clube.

Nosas son xa as cancións, e nosos tamén os recordos. Nosa é esa unión intanxible entre todos os mozos galegos que nos fai comparar os nosos carnés do Xabarín Club para ver como eramos daquela. Nós somos o Xabarín. E non atoparan resistencia en nós. E poden destruír o Xabarín, xa o levan facendo dende hai anos, quitándolle espazo na televisión e empeorando o seu contido, someténdoo a unha especie de castración. Non importa. Porque o clube é noso, dos mozos, e iso, nunca o poderán gañar nun xuízo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.