O nacionalismo español, desde o que se di progresista até o indisimuladamente reaccionario, non cesa de repetir e de insistir, en modo ladaíña autoconfirmatoria, que o xuízo contra os líderes do proceso soberanista catalán é xusto; que goza de todas as garantías; que o estado de dereito funciona e que a democracia española supera todos os estándares de calidade. Xuran ou prometen, aparentando convicción, que os xulgadores son quen de prescindir da súa concepción centralista intransixente, da súa entusiasta adhesión á causa nacional española ou da súa expresada animadversión ás causas nacionais periféricas. É dicir, aseguran que nesta causa, cuxo cerne estase a presentar como un ataque a España e aos españois ou como unha agresión á súa esencia e identidade e, onde se presenta aos protagonistas como sediciosos traidores contra a convivencia e desertores contra a historia, a imparcialidade e a neutralidade van ser os imperativos que triunfen sobre as paixóns, os prexuízos ou os degoxos por dar un escarmento. Mais saben que se isto acontecese nalgúns outros lares máis civilizados, sería moito probábel que o que é un problema político acabase nunha solución política e non nun delirio xudicial con peticións desorbitadas e exemplarizantes de penas propias de situacións bélicas. Mais é España quen xulga e xa se sabe como as gastan por aquí cando de resolver o cuestionamento do sagrado concerne: con autos de fe para castigo de herexes, inconformistas e amedrentamento de díscolos. Pero tamén cómpre algo máis que alegar.
Ben, como xa sabemos, a causa está no Tribunal Supremo, pero antes foi a instrucción. Comecemos por esta. A dureza das decisións adoptadas pola xuíza Carmen Lamela, ben coñecida por casos coma os do activista Nahuel ou o dos mozos de Altsasu, como foron a de envío a prisión sen fianza ou a da calificación dos delitos, foron respondidas tanto por Amnistía Internacional como por Xuices para a Democracia. E por non falar do varapao europeu á emisión da euroorde contra dos exiliados. Posteriormente o xuíz Pablo Llarena acumulou as causas contra os membros da Mesa do Parlament e a dos membros do Govern, Omnium Cultural e Asemblea Nacional Catalana, ficando Lamela coa do destituído major dos Mossos Josep Lluís Trapero e a da súa intendente Teresa Laplana. Este xuíz, Pablo Llarena, xa fora obxecto de polémica polo seu ascenso á Sala Segunda do Tribunal Supremo, tutelado polo seu presidente, Manuel Marchena, e onde foron excluídos a maioría dos candidatos, Pois ben, foi esta Sala do Penal do Tribunal Supremo, presidida polo propio Manuel Marchena, a que pasando por diante de cinco maxistrados con maior antigüidade, lle asignou ao devandito xuíz a instrucción desta causa xeral contra o proceso soberanista, decisión esta que deu moito que falar. E non esquezamos o peche de filas da dereita política e do poder xudicial co xuíz Llarena perante a demanda interposta contra él en Bélxica por Puigdemont.
Chegamos ao xuízo. Preside o Excm. Sr. Manuel Marchena, un maxistrado en extremo conservador, criticado pola súa parcialidade cara ao PP, e que ao pouco de acadar a cúpula desta Sala do Penal (encargada de xulgar aos aforados) mantivo un encontro-xantar con Angel Acebes, implicado no caso dos papeis de Bárcenas. De feito baixo o seu mandato, arquivouse a querela contra o exministro de Interior Jorge Fernández Díez, acusado de utilizar medios e recursos do ministerio para espiar e desacreditar a políticos e partidos rivais do PP e, sobre todo, soberanistas cataláns. Designado a presidir o Tribunal Supremo e o Consello Xeral do Poder Xudicial, foi a saída á luz das mensaxes de Ignacio Cosidó, portavoz do PP no Senado, nas que daba por feito que con él o PP se aseguraba o control desta Sala, as que o obrigaron a renunciar. Ben, fagamos un alto, e despois comentamos as súas actuacións neste xuízo ao independentismo; mais agora imos ver o clima de hostilidade xudicial na que se achan os encausados.
Nunha mágnifica recopilación de chats e correos elctrónicos de membros da xudicatura, o xornalista Quico Sallés publicou un artigo no diario elmom.cat titulado “L´”A por ellos judicial”. El jutges espanyols a través dels seus forums”. Neste artigo amósase como a través da canle oficial do Consello Oficial do Poder Xudicial, deseñada para intercambiar información, documentación, dúbidas e comentarios agroma descaradamente a animadversión e a antipatía ao catalanismo, ao próces e aos seus protagonistas. Expresións tan imparciais e elegantemente xurídicas como golpistas, nazis, fillos de puta, criminais, violentos, barbarie nacionalista, portadores da bandera do odio e da estrela gamada, ou outras coma extremistas que teñen que ser vencidos e cos que non se pode ser equidistante, fan parte da linguaxe empregada polos membros dunha casta á que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ten que lle lembrar periodicamente que a liberdade de expresión tamén está pensada para o resto dos mortais. As críticas viscerais contra quen cuestione os métodos ou a intransixencia do Estado tamén teñen o seu lugar salientábel, e das que non se librou nin o portavoz da Comisión Europea, a xustiza belga, a xustiza alemaña, ou algún que outro xuíz que chamou á contención e á racionalidade.
Voltemos á causa no Supremo. Manuel Marchena, presidente da Sala, no auto de conclusión do sumario, rexeitou todas e cada unha das testemuñas e probas propostas polas defensas para demostrar que a instrucción vulnerou dereitos constitucionais básicos perante a xustiza, coma os do xuíz ordinario, os de investigación imparcial ou se produciron vicios de transparencia e de procedemento. Esta decisión é considerada polas defensas, e por moitos xuristas, unha vulneración do dereito fundamental á defensa e do de igualdade de armas fronte ás acusacións. Vexamos. En primeiro lugar Marchena proclama impertinente a proba proposta para demostrar a coincidencia de identidade entre o teniente coronel Daniel Baena (xefe da policía xudicial da garda civil de Catalunya que asinaba todos os atestados nos que se basean as acusacións de rebelión) e a figura de “Tácito” en Twitter, desde a que se arremeteu visceralmente contra os líderes soberanistas e os Mossos investigados, verquendo as súas ideas políticas, amosando o seu odio e vulnerando as obrigas de neutralidade, imparcialidade e obxectividade á que está obrigado por Lei. Pois para Marchena isto carece de trascendencia para o enxuizamento dos feitos. En segundo lugar denégase o testemuño de Ignacio Cosidó, si o de antes, malia que a meirande parte das testemuñas citadas son axentes que estaban baixo o seu mando, como Director Xeral da Policía, cando se produciron os feitos. Denégase o levantamento do anonimato de dous testemuñas propostas polo Ministerio Fiscal, o que limita a capacidade de defensa. Denégase a proba documental relativa ás denuncias sobre violencia policial durante o referendum, importantísimas para desmontar a imputación de violencia ao soberanismo. Declárase a impertinencia da proba documental relativa ao sumario instruído en Barcelona e na que consta a ordenación de decenas de intervencións telefónicas ordenadas nunha causa xeral contra o soberanismo, e sobre a que as defensas pretendían probar a súa ilegalidade.
Nun panorama así, ademais de evidenciarse unha desigualdade procesual entre acusacións e defensas, existen fundadas dúbidas sobre a falla de imparcialidade da instrucción e da propia Sala. O Tribunal Constitucional ou o Tribunal Europeu de Dereitos Humanos van ter que pronunciarse sobre o que aparenta unha farsa. Certamente non debemos esquecer que se trata dun xuízo político que se leva a cabo polo revanchismo do Estado contra actos democráticos e lexítimos dun pobo ao que non se lle deu a máis mínima oportunidade de expresarse. E, tamén certo, que a xa baixa calidade democrática do reino de España pode ficar definitivamente arrastrada polo chan. España ten agora o seu Caso Dreyfus anticatalanista.