Obama, Cuba e Venezuela

Dun xeito inédito, o presidente estadounidense Barack Obama decretou esta semana unha serie de sancións contra funcionarios públicos venezolanos (seis cargos militares e de seguridade e unha xuíz), conxelando as súas contas e prohibíndolles os visados baixo as acusacións de presunta “represión e violación dos dereitos humanos” durante o ciclo de protestas acaecido no país suramericano entre febreiro e abril de 2014. No seu decreto, Obama considerou que Venezuela constitúe unha “inusual e extraordinaria ameaza para a seguridade nacional e a política exterior de EUA”. Esta declaración esperta diversas incógnitas, inquietudes, intrigas e expectativas sobre cal é o rumbo das relacións hemisféricas trazadas dende Washington. 

Dun xeito inédito, o presidente estadounidense Barack Obama decretou esta semana unha serie de sancións contra funcionarios públicos venezolanos

A contracorrente, a reacción do presidente venezolano Nicolás Maduro foi a de solicitarlle á Asemblea Nacional poderes especiais a través dunha lei habilitante, para repeler “o imperialismo” e unha presunta conspiración exterior contra o seu goberno. Pola súa banda, o presidente do hemiciclo lexislativo, Diosdado Cabello, instou a Forza Armada Nacional a prepararse para unha eventual “invasión militar estadounidense”. Cabello puxo como referencia desta presunta estratexia a invasión militar libia de 2011, que propiciou a caída do réxime de Muammar al Gadafi.

Mais cunha medida que empeora aínda mais as relacións bilaterais entre Washington e Caracas, cómpre considerar o contexto no que se focaliza este. Nun momento en que Obama adianta unha diplomacia aperturista cara Cuba, destaca que precisamente agora Washington endureza dun xeito máis contundente a súa maltreita relación con Venezuela. Unha perspectiva que igualmente se focaliza na relación petroleira: en 2014 as exportacións de cru venezolano a EUA caeron un 6% co respecto ao ano anterior. Con todo, o mercado estadounidense abarca un 51% das exportacións petroleiras venezolanas.

O contexto das sancións de Obama ocorren simultaneamente cando unha misión da UNASUR, liderada polo seu secretario xeral, o ex presidente colombiano Ernesto Samper, achegábase a Caracas para tentar buscar unha solución a conflito político entre Maduro e a oposición venezolana. Este conflito particularmente intensificouse trala polémica detención en febreiro pasado do alcalde metropolitano de Caracas, Antonio Ledezma. O secretario xeral da OEA, Miguel Ángel Insulza, declarou desde Bolivia que este contexto das sancións de Obama contra Venezuela “empeora seriamente” as posibilidades de alcanzar unha preventiva solución política en Venezuela.

En chave política interna, as sancións de Washington albíscanse contraproducentes, xa que lle permiten a Maduro reforzar a súa posición dentro do goberno, da Forza Armada Nacional e do “post-chavismo”

En chave política interna, as sancións de Washington albíscanse contraproducentes, xa que lle permiten a Maduro reforzar a súa posición dentro do goberno, da Forza Armada Nacional e do “post-chavismo”, particularmente á hora de “pechar filas” ante o que considera unha “agresión e conspiración” internacional. Nos últimos días, Maduro advertiu da presunta configuración dun “eixe Washington-Bogotá-Madrid” orientado a provocar desestabilización e a caída do seu goberno.

Sen menoscabar o efecto da aguda crise socioeconómica que vive Venezuela, e particular da escaseza de produtos básicos, a elevada inflación e a inseguridade cidadá, os poderes especiais solicitados por Maduro a través dunha nova lei habilitante lle permitirían reforzar o seu poder político. A perspectiva está obviamente enfocada nun contexto preelectoral, establecido pola celebración de comicios lexislativos, en principio previstos para o segundo semestre de 2015. Aquí, o “chavismo” e a oposición tentarán librar unha dura batalla electoral, en clave plebiscitaria, por controlar o poder lexislativo.

A perspectiva está obviamente enfocada nun contexto preelectoral, establecido pola celebración de comicios lexislativos, en principio previstos para o segundo semestre de 2015

Con todo, as sancións de Obama prevense como unha progresiva estratexia de desgaste cara o goberno de Maduro, iniciada en decembro pasado a través da publicación dunha lista de sancións contra altos representantes do seu goberno (incluído Diosdado Cabello) por presunta corrupción. Posteriormente, a misteriosa deserción a EUA acaecida en xaneiro pasado por parte do militar Leasmy Salazar, e as súas revelacións sobre a existencia dunha presunta rede de narcotráfico aparentemente liderada por Cabello, intensifica esas expectativas sobre a eventualidade de que Washington tería deseñada unha estratexia definitiva contra Maduro e o “post-chavismo”.

Non deixa, por tanto, de inquietar o feito de que este intrigante tratamento a Venezuela como unha “inusual e extraordinaria” ameaza para a “seguridade nacional” estadounidense, serva como colofón para afinar unha estratexia de maior calado, orientada a erosionar definitivamente o piso político de Maduro e do “post-chavismo”. Con anterioridade, a Casa Branca realizou declaracións similares co respecto a réximes incómodos ou escenarios de conflito proclives de intervención, como Siria, Iraq, Ucraína, Birmania ou Libia. Toda vez entre diversos sectores “chavistas” e afectos ao proceso venezolano crecen as expectativas dunha reprodución, parcial ou similar, de anteriores estratexias de intervención estadounidense, como foron os casos do acoso á Nicaragua sandinista na década de 1980 ou a invasión militar a Panamá de decembro de 1989, e que acabou co réxime de Manuel Antonio Noriega.

Con anterioridade, a Casa Branca realizou declaracións similares co respecto a réximes incómodos ou escenarios de conflito proclives de intervención, como Siria, Iraq, Ucraína, Birmania ou Libia

Está por ver, igualmente, que repercusión terá para Obama, en particular para a súa estratexia aperturista con Cuba, este empeoramento das relacións con Venezuela, considerado o socio estratéxico cubano desde a chegada do “chavismo” ao poder en 1999.

A celebración a partir do próximo 11 de abril do Cumio das Américas en Panamá estaba inicialmente enfocada en servir de colofón para a distensión e reinserción hemisférica de Cuba, tomando en conta a presenza de Obama e do presidente cubano Raúl Castro. Paralelamente, outro aspecto relevante para Washington serían os avances nas negociacións de paz en Colombia, materia onde a diplomacia cubana xoga un papel esencial, principalmente como sede das negociacións. Nesta diplomacia aperturista, Obama esperaba recuperar a súa credibilidade a nivel hemisférica.

A crise venezolana ameaza con constituírse no foco de atención do próximo Cumio das Américas, testando así as capacidades dunha diplomacia “a varias bandas” e de diversas varas de medir por parte de Obama

Pero a crise venezolana ameaza con constituírse no foco de atención do próximo Cumio das Américas, testando así as capacidades dunha diplomacia “a varias bandas” e de diversas varas de medir por parte de Obama, que poden complicar seriamente as canles de negociación e de solución política do conflito venezolano, particularmente da misión UNASUR1. Paralelamente, a hexemonía lexislativa do Partido Republicano alcanzada nas eleccións de novembro pasado, moi probablemente persuadiu a Obama a afianzar esta dobre estratexia, na que a apertura diplomática cara Cuba serva de amortecemento das medidas de endurecemento de sancións contra Venezuela, polarizando así o contexto político hemisférico.

 

1- Cómpre considerar que a oposición venezolana, particularmente identificada na plataforma Mesa da Unidade Democrática (MUD) e o sector máis radical “La Salida”, criticaron e descualificaron a misión da UNASUR en Caracas por considerala presuntamente “condescendente” coa posición de Maduro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.