Sábese, dende hai tempo, que unha parte do éxito ou do fracaso das principais forzas que concorren a unha confrontación electoral reside no relato que resulte dominante nos medios de comunicación. Convén, poren, non hipertrofiar a importancia deste factor. Hai algúns exemplos históricos que xustifican a prevención ante a utilización de lóxicas totalmente deterministas: no ano 2005 ninguén dubidaba da hexemonía mediática do PP de Fraga e da aposta decidida das mais relevantes empresas do sector pola continuidade gobernamental daquel partido, mais esa circunstancia non foi suficiente para que o vello dirixente da dereita española e galega fora quen de renovar o seu mandato en San Caetano.
Ocorrerá algo parecido o vindeiro 25 de Setembro? Resulta evidente que o “Estado Maior” do PPdG coñece ben o sucedido hai once anos e vai aproveitar as vantaxes específicas que posúe agora: menor deterioro da figura de Feijoo a respecto da que padecía Fraga (por mor, entre outras cousas, da súa desmedida pretensión de non abandonar o poder acadado no ano 1989) e a maior fragmentación das forzas opositoras (coa singularidade dunha relevante e persistente división interna no PSdG).
As primeiras semanas da batalla mediática revelan que os epígonos de Feijoo utilizan toda a munición dispoñíbel contra a Marea a pesar de que están mostrando evidentes síntomas de obsolescencia argumental. Fracasada a súa aposta por unha comparecencia separada de Podemos e descartada a fórmula de coalición electoral (que sería presentada, no seu caso, como unha claudicación ante “os da Complutense”), pasaron á fase da descualificación de Luis Villares. Primeiro cuestionaron a pertinencia do seu paso dende o mundo xudicial ao territorio da política (coa habitual hipocrisía destas prédicas:cando os xuíces conservadores transitan dun sitio para outro, da man do PP, están facendo –eles si- un exercicio de dignificación da política); despois asignáronlle o papel de marioneta colocada a dedo polos alcaldes das Mareas e cando as primarias certificaron o apoio do 87% das mais de 10.000 persoas participantes na votación saíron coa leria de que esas non eran unhas primarias auténticas porque só había un candidato. Iso si: no canto de recoñecer que a elección das candidaturas provinciais por ese procedemento e con ese nivel de participación constituía un feito inédito na política galega contemporánea optaron pola ignorancia deliberada. Para que reparar nesa “insignificante” circunstancia se había que vender o silencio sepulcral que se rexistra no PP ante o método dixital utilizado por Feijoo na confección das súas listas como unha demostración da “natural” excelencia democrática que rexe nese partido?
A poucas semanas das eleccións, Feijoo segue tendo “baraka”. A opción suicida adoptada por Abel Caballero introduce un grave atranco na dinámica de mobilización do electorado socialista e alimenta as vellas e autodestrutivas pantasmas cantonalistas que habitan no PsdG. Para que o PPdG non acade a maioría absoluta será necesario que as tres forzas da oposición maximicen os seus apoios electorais sen interferencias secundarias entre elas. O discurso integrador emitido por Luis Villares semella unha estratexia adecuada para evitar a desmobilización do universo humano requirido para erguer unha alternativa gobernamental e para xerar algunha perspectiva ilusionante nese segmento de votantes do PP que teñen motivos para sentir frustración polo prezo que están pagando por unha crise da que non foron responsábeis.