Como ben anotou Hannah Arendt, a privación dos dereitos humanos maniféstase, primeiro e fundamentalmente, na privación dun lugar no mundo no que facer significativas as opinións e efectivas as opcións. E este lugar é a comunidade; unha comunidade social e política onde os soños, experiencias, aprendizaxes, dereitos, deberes, dignidade e humanidade poidan facerse posíbeis
Os dereitos humanos son universais, inviolábeis, irrenunciábeis e inalienábeis. Foron creados co obxectivo de a outorgar protección a todos os membros da nosa especie fronte ás ameazas á vida, á liberdade e á seguridade garantindo unha orde xurídico-política xusta. Baséanse na atribución da igual dignidade, consideración e respecto para todos os seres humanos, expresando un sentimento de inclusión, fraternidade e igualdade sen distinción. Mais, como ben anotou Hannah Arendt, a privación dos dereitos humanos maniféstase, primeiro e fundamentalmente, na privación dun lugar no mundo no que facer significativas as opinións e efectivas as opcións. E este lugar é a comunidade; unha comunidade social e política onde os soños, experiencias, aprendizaxes, dereitos, deberes, dignidade e humanidade poidan facerse posíbeis.
Aritóteles diferenciou entre zoé e bios. Bios é o xeito de existencia propia dos seres humanos e que posibilita a vida social e política. Pola contra, zoé é a pura vida biolóxica, sen forma humana; representa a mera condición de existir, é dicir, o que temos en común co resto de animais e plantas. Polo feito de carecer de forma humana, zoé é unha vida sen ningún estatuto xurídico-político. Partindo desde estes conceptos, Giorgio Agamben preséntanos o de “nua vida” como aquel aspecto do poder soberano que decide que vidas non merecen vivir e, xa que logo, poden suprimirse impunemente. A nua vida constitúe unha vida baleira de dereitos, na que o estado de excepción naturalízase e pasa a ser a normalidade. E un exemplo paradigmático desta vida indefensa, privada de dignidade e de dereitos, será o do campo de concentración, cuxo absoluto poder de deshumanización e de aniquilación nos transmitiu Primo Levi nunha estarrecedora triloxía.
Coa fin de que non nos acheguemos á dor, ao medo e á desesperación dun pobo e para que a barbarie discorra sen perturbar a maquinaria do espolio, a guerra cognitiva da censura e da invisibilización funciona a pleno rendemento
Corpos de milleiros de civís desmembrados por bombardeos masivos e indiscriminados; destrución sistemática de calquera habitáculo que poida albergar vida que conserve unha comunidade; humillacións, violacións, torturas, execucións, masacre, xenocidio. En Palestina a vida é prescindíbel e a nua vida é a condición de existencia. Néganse a vida e a esperanza, a dignidade e o respecto, a persoa e a comunidade. Négase a condición humana, e a posibilidade de calquera dereito, a todo un pobo encerrado e acurralado nun enorme campo de exterminio no que todo está permitido co beneplácito deste norte global hipócrita e fachendoso que aínda usa a linguaxe colonial das misións civilizatorias e cre na súa superioridade moral para impartir leccións de democracia.
Coa fin de que non nos acheguemos á dor, ao medo e á desesperación dun pobo e para que a barbarie discorra sen perturbar a maquinaria do espolio, a guerra cognitiva da censura e da invisibilización funciona a pleno rendemento. Aí temos a limitación ou prohibición de mostras de solidariedade; a suspensión de debates e actos de apoio; a criminalización de símbolos e de argumentos; a infamia da presentación mediática dun xenocidio que se retransmite con menos emoción, e con máis frialdade e distancia, ca un evento deportivo. As estruturas de poder de Occidente non só toleran, senón que amparan e lexitiman o estado de salvaxismo arrastrándonos por un abismo de inhumanidade e de ruína moral do que xa será imposíbel saír indemnes.
O Norte Global, enrolado no delirio belicista e hexemonista da axenda imperial, enterrou os dereitos humanos en Palestina desvelando a razón cínica e o uso interesado e instrumental dos mesmos no seu afán de impor unha orde internacional baseada nas súas regras
O Norte Global, enrolado no delirio belicista e hexemonista da axenda imperial, enterrou os dereitos humanos en Palestina desvelando a razón cínica e o uso interesado e instrumental dos mesmos no seu afán de impor unha orde internacional baseada nas súas regras. Na Palestina, a idea e a linguaxe dos dereitos humanos fica deturpada de tal xeito que o seu sentido e significado desaparecen dunha parte do planeta afortalando, deste xeito, un mundo distópico no que é posíbel excluír da condición humana a unha parte dos seus membros, Occidente está a perder toda credibilidade e solvencia moral para envolverse na bandeira dos dereitos humanos perante un mundo que hoxe, e por mor da súa colaboración necesaria na barbarie, é moito peor que hai un ano.