Oito anos de oposición nun concello. Unha análise desde a excepcionalidade

Casa do Concello de Xove CC-BY-SA Elisardojm

No ano 2011 comezaba a miña andadura como edil do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Xove. Eu, de formación ideolóxica temperá e sempre gozando de ser un verso libre na política, decidín aportar o meu grao de area tras a quebra do goberno bipartito e a profunda fenda aberta no nacionalismo. Así encamiñei os meus pasos á política activa, práctica e rutineira. Sen dubidalo moito, volvín inaugurar a miña militancia na formación histórica do nacionalismo neste país, xa que tamén simpaticei coa organización xuvenil Galiza Nova na adolescencia. Con dezaseis anos, se non me falla a memoria.

As votacións (termo que a nosa veciñanza utiliza para referirse ás eleccións) colocáronnos de segunda forza política con dous edís: Marco López, que concorría como cabeza de lista, e máis eu. Por detrás quedaba un PSOE cun único concelleiro e por diante un PP cunha comoda maioría absoluta, tal e como xa viña sendo habitual nos últimos trinta anos. Máis adiante, tras as votacións de 2015, os nacionalistas habíamos conseguir catro actas no Pleno municipal e o PP baixaría a sete edís, non acadando representación ningunha o Partido dos Socialistas.

A nivel estrutural, unha vez aterrados na realpolitik, o primeiro que percibimos foi unha tutela extrema do Estado sobre o Goberno municipal. A sensación de que os concellos ían pagar a maior parte do prezo do rescate tras a crise económica (negado un cento de veces desde os mass media), foi medrando cando comezamos a ver que determinadas autonomías eran quen de desoír as ordes do Estado e este, á súa vez, sorteaba con maior ou menor fortuna as directrices da Unión Europea. Ou cando menos era quen de negocialas.

A tutela do Estado, no caso do Concello de Xove, adquiriu proporcións que raiaban co absurdo ao estarmos a falar dunhas arcas municipais saneadas e cun superávit, naquel entón, de máis de dous millóns de euros. Así e todo, o Goberno municipal foi igualmente vítima da famosa Lei da Regra de Gasto promovida polo señor Montoro sen que isto provocase ningunha protesta do executivo local, sempre submiso ás esixencias e directrices españolas. Non quero imaxinar as tribulacións que teríamos padecido de ser nós os artífices de tal Lei. O ridículo foi aínda máis denigrante o primeiro ano, onde cun orzamento que superaba os seis millóns de euros (para unha poboación de pouco máis de tres mil habitantes) só se puideron destinar 100.000 € ao investimento real. Verdadeiramente ridículo!

Na mesma liña do anterior, o traballo e a responsabilidade da Intervención municipal multiplicouse de maneira exponencial ata límites case tan absurdos como o anterior, sen que a Administración reforzase a súa figura con persoal auxiliar. Asistimos deste xeito a debates plenarios nos que a única orde do día era dar conta de asuntos estritamente de finanza pública esixidos polo Estado: previsión orzamentaria, regra de gasto, período medio de pago a provedores...

Os grupos políticos, igual que os clubs deportivos e as asociacións culturais, tamén sufrimos a manida sentenza do Tribunal de Contas sobre a xustificación dos gastos da asignación municipal para a nosa actividade. Tanto PP como PSOE tiveron que devolver cartos por non xustificaren cumpridamente as súas contas. Así mesmo, tamén nós tivemos que reintegrar unha pequena cantidade nunha ocasión por quedaren fóra do suposto marco lexislativo as facturas presentadas ao corresponderen a “actos propios do BNG de Xove e non do grupo municipal”, a pesar de correspondérense con actos políticos legais e facturados en forma, e sen que exista unha lexislación clara e diáfana que discrimine entre o traballo do grupo municipal e o da formación política á que pertence ese grupo. Unha esixencia certamente imposible, por certo, co actual panorama e estrutura política, e que non pode máis que entenderse como unha estratexia de recentralización obsesiva que para nada obedece a criterios de saneamento de contas, tal e como se pretende. O obxectivo suponse que debe ser o de chegar a controlar as comunidades autónomas dominando a primeira das súas institucións públicas: os concellos.

Continuando pola mesma senda puidemos observar, en calidade de membros de dúas mesas de contratación (a do lixo e a do servizo de axuda no fogar), como toda a enxeñaría legal anticorrupción e afianzadora da limpeza dos procesos licitadores redundaba máis ben na imposibilidade das pequenas e medianas empresas locais en poder competir cos grandes capitais que se están facendo cos servizos públicos. Só por veces, unha grande inventiva á hora de elaborar as bases ou un certo laissez faire das grandes empresas por tratarse de contratos pequenos, conseguían salvar esta situación que se pode chamar “de venda e alugueiro dos bens comúns”.

A todo isto, no plano político, o PP viña de pasar en Xove por un período convulso no que vira fragmentado o seu voto por un partido local satélite denominado Agrupación Veciñal de Xove (AVEXO). Pasadas aquelas turbulencias, houbo renovación de caras, algunha que outra navallada e bastante desafección, pero o PP voltou á maioría absoluta. Atopámonos ao chegar co Goberno máis novo en idade que existiu nunca en Xove e cunhas formas que para moita xente preconizaban entendemento, diálogo e visión de futuro. Todo iso debeu durar xusto a lexislatura anterior á nosa chegada no 2011, na que gobernaron con maioría simple e con acordos puntuais da formación AVEXO, e foise esvaendo paulatinamente.

En Xove, como hai cincuenta anos e co ánimo de que sirva de exemplo sinxelo pero sintomático, a meirande parte do investimento real nos deportes lévaa o fútbol. A obra estrela dos últimos doce anos foi a creación dun campo de herba artificial que, curiosamente, coloulle ao señor Montoro et alii por ser unha obrafinanceiramente sostible”, o que traducido a un idioma que entendamos todos significa “non xerar un só posto de traballo”. Aló se enterraron máis de 600.000 euros no medio e medio da crise (da que eu, vendo isto, cheguei mesmo a dubidar). Por certo! Escapábaseme un pequeno detalle: pénsese que o noso municipio contaba xa con tres campos de fútbol antes da remodelación deste.

En liña co anterior, os orzamentos acentuaron as políticas anteriores do PP en Galiza, aquilo ao que coloquialmente se lle chamou de “Pista e Poste”. Asistimos a un reasfaltado innecesario de moitos sendeiros rurais que, máis que redundar na calidade de vida dos veciños (xa inexistentes en moitos núcleos do noso concello), redundou na reflotación dalgunhas empresas de obra pública que sortearon a crise case de xeito obsceno e ostentoso cos cartos públicos. Non chego a entender se estas políticas son directrices impostas desde o Estado e a Xunta ou son simplemente algo inherente a unha determinada maneira e modo de entender a xestión da res publica.

Curiosamente a estrada que vertebra Xove de norte a sur non entrou nestas melloras por ser incapaces, en doce anos de goberno, de chegar a un acordo coa Deputación de Lugo, que ostenta a súa titularidade. Unha estrada cuns tramos de uso turístico e acceso á praias, e outros tramos de acceso á multinacional Alcoa, e que toda ela constitúe a vía de comunicación que vertebra as parroquias coa cabeceira municipal.

A focalización da acción de goberno na obra pública impide mirar para outro lado e, así, o municipio de Xove resulta ser o único da Mariña luguesa costeira sen unha área de autocaravanas, permitindo a acampada libre de varias ducias delas, o que sen dúbida redunda nun desaproveitamento dos recursos propios e nunha ausencia de regulación nos espazos naturais que deberían gozar del. O mesmo podemos afirmar de iniciativas reais de fomento, promoción e desenvolvemento dun turismo sostible que, segundo a propia liña política do PP, debería ser un dos eixos da economía galega e que tantas veces se usou de forma retorcida como alternativa á desfeita industrial naval, leiteira, forestal ou pesqueira.

Tampouco fomos quen de frear o despoboamento, nin se habilitou ningunha medida en contra disto cando estamos a falar dunha localidade con emprego e na liña de costa. O censo segue sen actualizarse premeditadamente e son moitas as persoas de segunda e terceira xeración que non residen xa aquí a pesar de continuar censadas para gozar de certos servizos municipais. Con total seguridade, no caso de facermos unha revisión censual, estariamos por debaixo dos 3.000 habitantes.

Neste mesmo sentido podemos falar da ausencia total de estratexias de colaboración cos municipios limítrofes para compartir bens e servizos. Nin unha soa medida en oito anos que apunte nesta dirección. Pero débese lembrar aquí que o Concello de Cervo vén sendo de signo afín ao de Xove, e que estas directrices tamén formaban parte do plan de Feijoo para superar a crise.

No eido do financiamento das arcas públicas procedeuse á suba de todas e cada unha das taxas municipais: desde a escola infantil ou o IBI, ata o imposto de vehículos ou as tarifas polo uso da piscina municipal. A suba foi aprobada baixo o criterio de actualización e, por suposto, nada ten a ver coa baixada da carga fiscal que sistematicamente prometen os partidos neoliberais.

A nivel cultural, o Goberno empeorou con respecto ao anterior. Non é cousa rara, e xa se percibe como algo inherente á política feijooniana, que non asumiron nin sequera o rexionalismo-estatalista de Fraga Iribarne. As iniciativas culturais e o deporte de base pasaron a depender de entes privados e asociacións ás que o Goberno local unicamente subvenciona (de maneira clientelar por veces e con intereses electoralistas case sempre), cos problemas de xestión que isto supón para as persoas que colaboran de forma altruísta.

No que di a respecto dos servizos sociais, a crise gardábanos aínda outra macabra sorpresa. No primeiro ano do actual Goberno local, o Concello de Xove facíase coa metade do orzamento da Deputación de Lugo destinado ao servizo de Axuda no Fogar de toda a provincia por ser un dos poucos municipios que podía facer fronte á parte proporcional que lle tocaba completar da subvención. O feito de contemplar como un servizo tan necesario se distribuía deste xeito, causou en nós unha fonda perplexidade da que nos costou saír, máxime cando a Deputación non estaba dirixida polo PP. Non sei se saben como vai isto, pero a cantidade de vontades que se poden comprar e o número de votos que se poden amañar con esa cifra de diñeiro supoño que non se lle escapará a ninguén.

Poderíase pensar que toda a apatía gobernamental da que falei antes foi debida a unha calculada austeridade do Goberno local do PP no que a cargos e liberacións políticas se refire, pero debo salientar que estamos ante un executivo con catro liberados con salarios avultados (dous totais e dous parciais), ademais de gozar de Intervención municipal propia debido a un presuposto anual de dez millóns de euros para tres mil habitantes. Así mesmo, non se puxo en marcha ningún plan serio de transparencia da acción do Goberno municipal (máis alá da creación dunha xanela na páxina web baixo o título de “Portal Transparencia”) nin se fomentaron prácticas de intervención da veciñanza de forma colectiva (alcaldías pedáneas, follas de rogos, participación cidadá, etc.) que, porén, si foran prometidas na época pretérita de escisión na formación conservadora. O alcalde-presidente seguiu sendo o interlocutor directo coa veciñanza, delegando moi poucas veces as súas atribucións, nin sequera nas liberadas do seu partido.

O paradoxo sempre se reserva para o final, e neste caso non é máis que aquela contradición que se enuncia do seguinte xeito: como pode un PP local cercado e intervido polos “gobernos amigos” do Estado e a Xunta, sen a rede clientelar que ofrecían os postos de traballo no Concello, cun superávit de oito millóns de euros que nin quixeron nin souberon investir en Xove, e ancorado en políticas de repetición en versión paupérrima do fraguismo máis fraguista, continuar con maioría absoluta?

Ou non inspiramos confianza ou nós, como galegos de nación, temos que devolverlle ao pobo a capacidade de pensar, razoar e opinar. Non están alienados, non. Teñen ideoloxía!

Coma nosoutros, por certo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.