Somos seres sociais que nos rexemos por unha serie de normas sociais non escritas pero aceptadas implicitamente polo noso grupo social. Ao longo da vida imos aprendéndoas da nosa familia, na escola, por imitación... e imos adquirindo unha educación que nos converte en persoas educadas ou maleducadas segundo sexan máis ou menos frecuentes as nosas condutas inapropiadas. O meu fillo maior ten un trastorno do espectro do autismo, o que implica un trastorno da reciprocidade social. As dificultades para as relacións sociais son tan importantes que mesmo hai unha teoría que defende que o autismo non é unha desorde senón unha construción social, é dicir, que o seu status de anormalidade está baseado en convencións sociais acerca do que constitúe comportamento normal e anormal, xa que o autismo se define segundo comportamentos observados ou síntomas.
Da mesma maneira que eu lle explico ao meu fillo que hai que facer e que non hai que facer en cada situación véxome obrigada a explicarlle, ás veces con gran dificultade, por que as persoas rompemos constantemente as regras e non pasa nada
Como nai, este trastorno supón que teña que aprenderlle as normas de comportamento dunha forma diferente a como o fago coa miña outra filla e que teña que lembrarlle normas básicas constantemente porque el é incapaz de xeralizar o seu uso. Esta necesidade de pararse en accións que, ao longo dos anos, xa se converteran en automáticas provoca unha reflexión constante sobre como nos comportamos e como nos relacionamos. Da mesma maneira que eu lle explico ao meu fillo que hai que facer e que non hai que facer en cada situación véxome obrigada a explicarlle, ás veces con gran dificultade, por que as persoas rompemos constantemente as regras e non pasa nada. Porque as convencións tamén se rompen intencionadamente e respectalas ou non ten motivos e consecuencias que todos entendemos e aceptamos, forma parte do proceso de socialización.
Reflexionar practicamente cada día sobre estas cuestións obriga a cuestionar moitas das condutas interiorizadas e tomar decisións sobre o teu propio comportamento, en ocasións moi liberadoras e ás veces tan lóxicas que empezas a non entender nada do que pasa ao teu redor. Quero poñer un exemplo concreto dunha norma social básica: o saúdo. Cando vou levar as crianzas ao cole saudámonos os pais e nais que nos cruzamos case todos os días. Imos coñecéndenos ao longo do tempo, establecemos relacións máis ou menos estreitas pero normalmente cordiais, con conversas sobre os nosos nenos e nenas que, en ocasións, comparten aula. Chegamos tamén a coñecer circunstancias da vida privada que por unhas razóns ou outras acabamos sabendo: se alguén queda no paro, se ocorre un accidente, se hai un divorcio ou se existen malos tratos. Retirarlle o saúdo a unha desas persoas que forma parte da vida cotiá da túa familia pode resultar moi violento pero máis violento é cruzarse cada día no patio do cole cun maltratador. Non podo, non quero seguir saudándoo. Xa non o fago máis, desde hai tempo. Non podo asegurar que sexa a única que o fai pero sei, podo velo cada día, que el segue comportándose como se nada pasase e pode permitirse facelo porque, en realidade, nada mudou.
Non paro de preguntarme como sería o noso mundo se para as persoas resultase violento verlle a cara a un maltratador no canto de retirarlle o saúdo, como sería a vida das mulleres se os maltratadores sufrisen a vergonza e o rexeitamento social
Non paro de preguntarme como sería o noso mundo se a decisión persoal de respectar ou non as convencións sociais seguise outros criterios, como sería o noso mundo se para as persoas resultase violento verlle a cara a un maltratador no canto de retirarlle o saúdo, como sería a vida das mulleres se os maltratadores sufrisen a vergonza e o rexeitamento social. Porque o meu fillo, cando a súa conduta non é apropiada sofre o rexeitamento social. Porque a súa fala é rara, saúda inesperadamente, repite o que lle preguntan no canto de responder ou non mira aos ollos e a xente permítese non responder, xulgar, desprezar ou, directamente, rirse del. Creo que os valores que rexen as convencións sociais deberían ser revisados.